Xosé Fernando Filgueira Valverde, nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado na mesma vila o 13 de setembro de 1996,[2] foi un historiador, arqueólogo, antropólogo e escritor polígrafo galego, de abundante produción literaria e humanística.
Cofundou o Seminario de Estudos Galegos, dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e o Museo de Pontevedra. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia Galega. Persoa de fonda cultura humanista e de obra extensa e divulgativa nunha época na que as institucións que hoxe cumpren esa función non a cumprían ou non existían.
Adicóuselle o Día das Letras Galegas de 2015 polo seu traballo divulgativo a prol da lingua e da cultura galega.[3] Trátase dunha figura que suscita controversia[4][5][6] e ao mesmo tempo resulta un persoeiro fundamental no decorrer da cultura e literatura galegas ao longo do século XX.
Naceu na praza do Peirao de Pontevedra. Foi fillo de José María Filgueira Martínez (Mourente, 1871-1938), médico en Pontevedra, e Araceli Valverde Yaquero (Ugíjar, Granada, 1870-1946).
Estudou o bacharelato de man de Antón Losada Diéguez. No outono de 1922 comezou os estudos de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela.[7] Desde moi novo estivo involucrado en toda sorte de proxectos culturais. Con 17 anos de idade, o 12 de outubro de 1923, na casa da infancia de Rosalía de Castro en Ortoño, xunto con Fermín Bouza Brey, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Pena e Pena, Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Manoel Magariños Negreira, Francisco Romero de Lema e Alberte Vidán Freiría, fundou a terceira grande institución da época de preguerra (tras as Irmandades da Fala, 1916, e o Grupo Nós, 1920), o Seminario de Estudos Galegos,[8] onde dirixiría a sección de Historia da Literatura ata o seu desmantelamento, en 1936.[9] Colaborou en A Nosa Terra e en El Pueblo Gallego. En 1935 comezou a organizar unha escolma da poesía galega de todos os tempos para conmemorar o centenario do nacemento de Rosalía de Castro. Proxéctanse en total nove volumes, e comeza con dous volumes adicados aos autores vivos, desde Noriega Varela e Cabanillas, até os máis novos como Celso Emilio ou Carvalho Calero. Reparte unha enquisa ás persoas que quere incluír na escolma, preguntando polos datos do autor, a súa formación, obra, poética, linguaxe, bibliografía e unhas preguntas xerais sobre a propia escolma.
Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1927 e doutorouse en Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, coa tese "La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval" dirixida por Armando Cotarelo Valledor, defendida o 15 de novembro de 1935 ante un tribunal constituído polo propio Cotarelo, Juan Hurtado y Jiménez de la Serna, Américo Castro Quesada e Ángel González Palencia.[10] En 1959 diplomouse en Psicoloxía, tamén na USC.
Comezou a súa traxectoria pública en 1928, como secretario da Xunta Provincial de Pontevedra do Padroado Nacional de Turismo, que presidía Daniel de la Sota.[11]
Foi profesor axudante de literatura no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra en 1928, conseguindo a cátedra en 1933. Dous anos máis tarde gaña por oposición a cátedra da mesma especialidade do Instituto Jaime Balmes de Barcelona, para pasar ao de Melilla e, o mesmo ano, ó de Lugo, onde toma posesión da praza o 8 de novembro, vila na que coñeceu a María Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995), filla dun médico, coma el, coa que casou o 15 de agosto de 1938 e con quen tería cinco fillos: Araceli, José Fernando, María Teresa, Pilar e Ángeles.
En 1940 volveu a Pontevedra, ó instituto, que logo se chamaría Instituto Sánchez Cantón, do que sería director desde 1946 até a xubilación, en 1976. Desde ese 1940 tamén foi cronista oficial da provincia de Pontevedra.[13]
Participou na creación do Museo Provincial de Pontevedra en 1927, do que foi secretario ata 1942, ano no que se converteu no director,[14] mantendo a colaboración ata a fin dos seus días.
Foi proclamado correspondente da Real Academia Galega en 1925 e recibido como académico de número o 27 de xullo de 1941[15] en sesión extraordinaria celebrada na Universidade de Santiago, sucedendo na cadeira a Casto Sampedro y Folgar.[16] O seu discurso de ingreso foi Da épica na Galicia medieval, respondido por Ramón Otero Pedrayo.
Participou sempre do galeguismo, sendo membro desde os comezos do Partido Galeguista. En maio de 1935 encabezou un grupo de militantes deste partido en Pontevedra que abandonan o partido como protesta pola política de pactos coa esquerda, organizando a Dereita Galeguista.
Ocupou cargos públicos no franquismo, como director do Instituto de Lugo[17] ou presidente do Tribunal Tutelar de Menores de Pontevedra ata 1967.
O 24 de maio de 1959 finou Luis Suárez-Llanos Menacho, presidente da Deputación de Pontevedra. O alcalde de Pontevedra, Prudencio Landín Carrasco, pasou a ocupar ese cargo, deixando baleira a cadeira no concello, que ocupou, en funcións, José Luis Peláez Casalderrey. O nomeamento de Filgueira como novo alcalde asinouse o 27 de outubro de 1959 polo Ministro da Gobernación Camilo Alonso Vega, a proposta do gobernador civil Rafael Fernández Martínez. Filgueira pronunciou o discurso de toma de posesión o 10 de novembro de 1959[11]. No cargo, estimulou a acción cultural e promoveu numerosas medidas dirixidas á conservación do conxunto histórico e monumental da vila.
Durante o seu mandato anexionouse Ponte Sampaio ao concello en abril de 1960; instalouse a papeleira de Ence en Lourizán, cuxa instalación se decidira entre finais de 1955 e comezos de 1956; co gallo do ascenso do Pontevedra Club de Fútbol a Segunda División na tempada 1959-60, mercáronse á familia de Valentín Paz-Andrade os terreos do Estadio de Pasarón; inaugurouse a nova estación de ferrocarril (o 8 de agosto de 1966); urbanizouse o polígono de Campolongo; construíuse o Pavillón Municipal dos Deportes e asentouse o Centro de Instrución de Recrutas n.º 13 (posteriormente BRILAT) en terreos de Figueirido e Salcedo.[18]
Foi procurador en Cortes ata 1971[19] e Conselleiro provincial de Belas Artes en 1969.[20] De 1971 a 1981 dirixiu o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos[21]. Formou parte do primeiro padroado do Instituto da Lingua Galega.[22] Tamén chegou a dirixir a Casa Museo Rosalía de Castro.[23]
No eido académico foi, amais, membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, nomeado o 28 de xuño de 1971,[24] membro numerario da Real Academia da Historia desde 1980[25] (co discurso "Ideas y sistema de la historia de Fray Martín Sarmiento" contestado por Antonio Blanco Freijeiro)[26] e membro honorario da Real Academia Galega de Belas Artes desde 1990.[27]
Xa na democracia, no primeiro goberno de Xerardo Fernández Albor, en xaneiro de 1982, foi nomeado Conselleiro Adxunto ó Presidente para a Cultura[28] e, en decembro do mesmo ano, Conselleiro de Cultura,[29] ata 1983.[30] Dende 1990, e por dous mandatos, foi Presidente do Consello da Cultura Galega[31] e en 1995 foi nomeado xuíz protector da Fundación Manuel Ventura Figueroa.[32]
Xosé Filgueira Valverde faleceu na casa familiar da rúa Arcebispo Malvar de Pontevedra o 13 de setembro de 1996, a piques de cumprir os 90 anos de idade.[33]
Ten unha obra moi extensa, tanto científica coma literaria, fundamentalmente divulgativa, que supera os trescentos títulos entre libros e folletos,[34] máis de mil artigos en xornais e revistas e máis de 1.600 conferencias,[35] en galego e en castelán.[36]
A primeira obra narrativa foi a recolleita de narracións breves: Os nenos, en 1925, recollida despois en Quintana Viva (Galaxia, 1971).[37] Como articulista publicou numerosas colaboracións en diferentes medios, quedando recollidos 616 artigos na serie Adral, de nove volumes, editada entre 1979 e 1996.[38]
— XFV, Da épica na Galicia medieval, 1934.
—XFV, 6 canciones de mar "in modo antico", 1941.[52][53]
Algunhas das obras poéticas da Filgueira Valverde foron musicalizadas. O compositor ponteareán Rogelio Groba, realizou tres cantatas sobre textos seus: Cantigas de mar (1981-1982),[56] Anxos de Compostela (1989 e outra versión en 2004)[57][58] e Cantata de Maio (1989).[59]
Foi amplamente recoñecido con premios, como a Cruz de Honra de San Raimundo de Pañafort (1961),[70] a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil (1964),[71] a Medalla de Ouro da Cidade de Pontevedra (1969), o Premio da Deputación da Coruña (1973)[72], a Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra (1977), a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1980),[73] a Medalla Castelao (1984), o Premio Otero Pedrayo (1986),[74] o Premio Fernández-Latorre (1989),[75] o Premio Trasalba (1990) da Fundación Otero Pedrayo. Foi nomeado Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica (1995),[76] doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela e Vigo (ámbalas dúas en 1996).[77][78] Déronlle o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1996). Foille outorgado o Premio Nacional de Historia de España, de xeito colectivo, por España: Reflexiones sobre el ser de España (1998).[79] Días despois do seu pasamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia pasou a denominarse Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Fernando Filgueira Valverde,[80] e en 2007 foi nomeado Fillo Predilecto da Provincia de Pontevedra.[81]
Levan o seu nome rúas en Pontevedra,[82] Santiago de Compostela, Monforte de Lemos e Pastoriza (Arteixo)[83] e a Fundación Filgueira Valverde foi clasificada, en 1984, como de interese galego.[84]
O 5 de xullo de 2014 foi escollido pola Real Academia Galega como autor a homenaxear no Día das Letras Galegas do ano 2015,[85][86] cos avais de Francisco Díaz-Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro.
Os outros propostos foron Ricardo Carvalho Calero (apoiado por Manuel González González, Francisco Fernández Rei e Euloxio Ruibal), Celestino Fernández de la Vega (promovido por Rosario Álvarez Blanco, Andrés Fernández-Albalat e Andrés Torres Queiruga), Manuel María (defendido por Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey e Xosé Luís Regueira Fernández) e Xela Arias (defendida por Ramón Lorenzo, Antón Santamarina e Xosé Fernández Ferreiro).[87]
A decisión final resultou polémica e recibiu críticas da Mesa pola Normalización Lingüística[5], Manuel Rivas, Xosé Manuel Carril,[88] Fran Alonso, Bernardo Máiz[89] e Suso de Toro,[90] e mesmo provocou que a comisión executiva da Academia publicase unha nota na que afirmaba que “non tivo máis papel na elección da figura para as Letras Galegas 2015 cá que sinala o Regulamento de Réxime Interno da RAG, isto é, dar trámite ao Plenario das propostas recibidas”.[85]
8 de marzo (Día da Muller Traballadora) • Afonso IX • Afonso X o Sabio • Afonso XIII • Alcalde Hevia • Alejandro de la Sota • Alejandro Sesmero • Alexandre Bóveda • Alfredo Brañas • Alfredo García Alén • Alfredo García Hermida • Almirantes Matos • Alonso de Fonseca • Álvar Páez • Álvaro Cunqueiro • Amado Carballo • Andrés Mellado • Andrés Muruais • Ángel Limeses • Ángel Amor Ruibal • Ángela Rocafort • Antón Fraguas • Antón Villar Ponte • Antón Iglesias Vilarelle • Antonio Odriozola • Antonio Rey Soto • Antonio Taboada Nieto • Arcebispo Lago • Arcebispo Malvar • Arcebispo Xelmírez • Augusto García Sánchez • Augusto González Besada • Avelino Montero Villegas • Barón • Benito Corbal • Benito Soto • Benito Vicetto • Blanco Porto • Casimiro Gómez • Castelao • Casto Sampedro • Celso Emilio Ferreiro • Celso García de la Riega • Cervantes • César Boente • Churruchaos • Claudio González Zúñiga • Cobián Areal • Cobián Roffignac • Colón • Concepción Arenal • Conde de Bugallal • Conde de San Román • Condesa de Pardo Bazán • Cornelis de Holanda • Cousiño • A Cova Céltica • Cruz Gallástegui • Cruz Vermella • Curros Enríquez • Chariño • Daniel de la Sota • Doutor Fleming • Doutor Loureiro Crespo • Doutor Marescot • Domingo de Andrade • Domingo Fontán • Don Filiberto • Don Gonzalo • Dona Tareixa • Echegaray • Eduardo Blanco Amor • Eduardo Pondal • Eduardo Vincenti • Enrique Labarta Pose • Ernesto Caballero • Faustino Santalices • Fernández Villaverde • Fernando II • Fernando III • A Ferrería • Figueroa • Filgueira Valverde • Fondevila • Francisco Añón • Francisco Asorey • Francisco Tomás y Valiente • Frei Juan Navarrete • Frei Tomás de Sarria • Gago de Mendoza • Gaiteiro de Soutelo • García Camba • Antonio García Estévez Fariña e Tomasa Suárez Flórez (rúa García Flórez) • Gerardo Álvarez Limeses • Germán Adrio Sobrido • Gonzalo Gallas • Gregorio Fernández • Gutiérrez Mellado • Herminia Fariña Cobián • Indalecio Armesto • Bartolomé e Gonzalo García de Nodal (irmáns Nodales) • Carlos e Ramón Sobrino Buhigas (irmáns Sobrino Buhigas) • Isabel II • Isidoro Millán Mariño • Javier Puig Llamas • Jenaro Pérez Villamil • Joaquín Costa • Jofre de Tenorio • José Casal • José Martí • Michelena • José Millán • Juan Novás Guillán • Juan Villaverde Barcala • Julio Camba • Leandro del Río • Leonardo Enríquez • Licenciado Molina • Louis Braille • Luis Otero • Luis Rodríguez Seoane • Luís Seoane • Manuel Cuña Novás • Manuel Leiras Pulpeiro • Manuel Murguía • Manuel del Palacio • Manuel Quiroga • María Victoria Moreno • Marqués de Aranda • Marqués de Monteleón • Marqués de Riestra • Marquesa • Martín Codax • Martín Fervén • San Mauro • Médico Ballina • Méndez Núñez • Mestre Mateu • Mestre Soutullo • Montero Ríos • Mugartegui • Padre Amoedo • Padre Fernando Olmedo • Padre Gaite • Padre Isla • Padre Luis • Padre Sarmiento • Padre Sobreira • Paio Gómez de Soutomaior • Pardo de Cela • Pastor Díaz • Pedro Mariño de Lobeira • Pedro Sarmiento de Gamboa • Perfecto Feijoo • Pilar Bértola • Pintor Laxeiro • Pintor Rafael Alonso • Prudencio Landín • Rafael Dieste • Ramón Cabanillas • Ramón Otero Pedrayo • Raíña Vitoria • Robustiano Fernández Cochón • Rogelio Lois Estévez • Rosalía de Castro • Sagasta • Salustiano Portela Pazos • San Amaro • San Bartolomeu • Santa Clara • Santa María • San Nicolás • San Roque • San Sebastián • San Telmo • Santa Teresa de Jesús Jornet • Sebastián González García-Paz • Simón Bolívar • Sor Lucía • Teucro • Tristán de Montenegro • Urbano Lugrís • Uxío Novoneyra • Valentín Paz Andrade • Vasco da Ponte • Víctor Cervera Mercadillo • Víctor Sáid Armesto • Xan Guillerme • Xeneral Martitegui • Xeneral Rubín • Xoán Bautista Andrade • Xoán Carlos I • Xoán Manuel Pintos • San Xosé