El Pueblo Gallego, subtitulado Diario de la mañana e posteriormente Al servicio de los intereses de Galicia, foi un xornal que se editou en Vigo entre 1924 e 1979.
Nos seus mellores momentos El Pueblo Gallego acadou tiradas arredor dos 30.000 exemplares, creando un novo modelo de xornalismo crítico que non tivo parangón na Galiza da época.
El Pueblo Gallego foi o xornal máis próximo ás teses galeguistas, ata o punto de que existiu un proxecto organizado do Partido Galeguista e auspiciado por Bóveda para mercalo e convertelo en órgano oficial. O galeguismo tivo nas súas páxinas un espazo preferente e alí apareceron importantes textos políticos de Alexandre Bóveda, Víctor Casas (sección Fenestras) e Antón Villar Ponte (Pretextos cotidianos, Exemplos).
Portela Valladares rematou instrumentalizando o periódico para dar o salto definitivo á política. A partir de 1934 produciuse un distanciamento entre o xornal e o galeguismo cando El Pueblo Gallego apostou polo centrismo político, mentres o Partido Galeguista se achegaba ás teses da esquerda, aínda que se manteñen a maioría dos colaboradores galeguistas. O xornal sempre apostou pola autonomía e a súa primeira páxina do 28 de xuño de 1936, día do Referendo do estatuto, levaba o titular: "Enriba corazóns galegos".
Segunda etapa
El Pueblo Gallego foi incautado o 31 de xullo de 1936 polas autoridades militares, converténdose o comandante González Simeoni no novo director. Pasou a formar parte da Cadena de Prensa del Movimiento.
Os xornais da Cadena de Prensa del Movimiento reconvertida en Medios de Comunicación del Estado perdían diñeiro e o Goberno decidiu, en 1979, pechar os máis gravosos. El Pueblo Gallego cesou a súa publicación co número 20.661, o 17 de xuño de 1979.