Mario Vázquez Raña, nado na Cidade de México o 7 de xuño de 1932, e finado ibídem o 8 de febreiro de 2015,[1] foi un empresario e dirixente olímpico mexicano de orixe galega.
Foi fillo de Venancio Vázquez Álvarez, un galego que emigrou coa súa muller e os seus fillos dende Ourense a México en 1928, onde rexentou un pequeno almacén nun barrio da capital mexicana. Era licenciado en Administración de Empresas pola Universidade Nacional Autónoma de México. Comezou traballando xunto ao seu pai, pero axiña o seu pequeno negocio converteuse nunha tenda de considerables dimensións, logo coñecida como Almacenes Hermanos Vázquez, cuxo consello de dirección presidiu entre 1960 e 1980.[2]
O 5 de abril de 2008, Vázquez Raña recibiu atención da prensa internacional logo de dicir que "o Tíbet é un problema chinés, e non ten relevancia para os Xogos Olímpicos".[3]
En maio de 2012, Vázquez Raña volveu ser mencionado nos medios de comunicación logo de acusacións de que a Organización Editorial Mexicana manipulou artigos a prol do daquela candidato presidencial Enrique Peña Nieto.