Emigrou cos pais e irmáns en 1910, con trece anos de idade, ao Río da Prata, e comezou a traballar nunha empresa de papelería en Buenos Aires. Foi progresando na firma ata que se fixo cargo da sucursal de Montevideo, pero a crise producida pola primeira guerra mundial obrigou o peche da sucursal uruguaia. Canabal quedou nese país, e en 1921 fundou cos seus irmáns unha empresa de papelería que levaba o seu nome (Jesús Canabal y Hnos.), especializada na produción de sobres da marca Suevia. O negocio era próspero, e comezou a mercar empresas do sector no Uruguai e en 1937 pon en funcionamento a súa propia empresa de fabricación de papel, IPUSA,[2] á que se lle engadiu unha nova fábrica en 1948 en El Pando.