A Roda naceu en 1976, durante a transición, formado por amigos que adoitaban cantar nas tabernas. O seu primeiro disco, que incluía clásicos como "Pousa, pousa", "O andar miudiño" e "O gato", foi un éxito de vendas e acadou en 1978 un dos Premios da Crítica de Galicia.[1].
No seu seu segundo LP, Falemos galego, incluíanse as coñecidas "Foliada do Celta" e "Falemos galego". O terceiro, Pra os amigos, seguiu a liña dos anteriores. Foi a partir de entón que comezaron a tocar por toda Galiza e por Centros Galegos na diáspora, como Venezuela, México, Panamá, Arxentina, Gran Bretaña ou Bélxica.
Logo dunha longa etapa sen gravar, en 1990 presentaron Os mariñeiros, no que aparece a picaresca e retranqueira cantiga "Os bistéqueles". Dous anos máis tarde, en 1992, apareceu o seu quinto traballo, Eu teño un compadre, que significou un punto de inflexión na formación, entón renovada e baixo outra dirección. Comezan a compor temas propios ("A gaivota") e a musicar textos literarios, como "Eu teño un compadre", de Fermín Bouza Brey. En 1993 apareceu o primeiro recompilatorio, A Roda rodando. En 1995 apareceu a escolma Lembranzas.
En 1996 editouse Na branca noite, como homenaxe á importancia do xénero das panxoliñas no conxunto do cancioneiro popular galego e na literatura galega en xeral.