José Antonio García Caridad, nado na Coruña o 1 de xaneiro de 1926, e finado ibídem o 8 de novembro de 2020,[1] foi un xurista galego. Dende 1990, foi presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación,[2] institución asociada ao Instituto de España. As súas achegas ao Dereito galego e a súa destacada traxectoria profesional son recoñecidas tanto a nivel nacional como internacional.
Ingresou na carreira xudicial en 1953, e ao longo dos anos tivo diversos cargos, entre eles o de vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, cargo que ocupou ata a súa xubilación.[3] Destacou como experto en dereito galego, especialmente en montes veciñais en man común, e a súa influencia foi recoñecida en diversas disposicións lexislativas.
Foi membro fundador do Instituto Español de Dereito Foral e secretario da súa Sección Galega, así como fundador e membro do Seminario de Estudos Galegos entre 1987 e 1996,[3] onde tamén dirixiu a Área Xurídica. Exerceu como vogal da Comisión Superior de Estudo e Desenvolvemento do Dereito de Galicia, creada como órgano consultivo da Xunta de Galicia polo Decreto 71/1984, do 23 de febreiro, e vogal de Presentación desa Comisión, constituída por Orde da Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia o 1 de abril de 1987. Tamén foi presidente da Asociación Galega de Arbitraxe e membro numerario do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
Desempeñou o cargo de primeiro presidente do Consello Consultivo de Galicia entre 1996 e 2008.[4] Ademais, foi vogal do Consello da Cultura Galega e coordinador da súa Comisión Galega de Dereito entre 1990 e 1996.[3] Ocupou a posición de académico honorario da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación de España, así como de varias academias en Valencia, Granada, a Arxentina, Colombia, México, Chile, Nicaragua e Bolivia. Foi académico correspondente da Academia de Xurisprudencia e Lexislación de Baleares e vicepresidente da Conferencia das Academias Xurídicas e Sociais de Iberoamérica.