Arturo Vázquez Núñez, nado en Ourense o 15 de novembro de 1852 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1907, foi un polígrafo ourensán especialista en Historia e Arqueoloxía.
Estudou Medicina en Santiago de Compostela aínda que abandonou en 1871. Ao ano seguinte pasou a traballar como oficial no Ministerio de Graza e Xustiza sendo ministro o galego Montero Ríos. De volta en Ourense en 1887 incorpórase ao claustro do Instituto como profesor de francés ata 1891.
Pertenceu á xeración de Valentín Lamas Carvajal (nacido en 1849) e Manuel Curros Enríquez (nacido en 1851) cos que mantivo estreita relación. Formou parte do faladoiro do Museo de Ourense xunto a Benito Fernández Alonso, Marcelo Macías, Manuel Martínez Sueiro e outros.
Publicou a maioría dos seus traballos de investigación no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense. Tivo unha grande influencia na formación intelectual dos membros máis destacados da Xeración Nós, pois sendo un destacado bibliófilo, puxo a súa extensa biblioteca da rúa de San Fernando (hoxe Irmáns Villar) á disposición dos estudosos da cidade.
Tamén escribiu para xornais como O Tío Marcos da Portela e El Heraldo Gallego fundados por Valentín Lamas Carvajal en 1874 e 1876 respectivamente. Foi cronista da cidade de Ourense (1893-1907)[1] e mesmo tenente de alcalde, académico correspondente da Real Academia da Historia, socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ademais de membro fundador da Real Academia Galega.