Andrés Torres Queiruga, nado en Aguiño (Ribeira) o 28 de maio de 1940, é un teólogo e escritor galego.
Realizou estudos de teoloxía no seminario de Santiago de Compostela e na Universidade Pontificia Comillas. Licenciado en Filosofía (1962) e Teoloxía (1966). Posteriormente, tras dous anos en Roma, realizou a súa tese de doutoramento en 1973, co título Constitución y evo-lución del Dogma. La teoría de Amor Ruibal y su aportación. É tamén doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela no 1988, coa tese Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri, dirixida por Carlos Amable Baliñas Fernández.[1][2]
A súa actividade como docente levouno á Universidade de Santiago, onde foi profesor de Filosofía da Relixión, Clásicos da Metafísica e Filosofía Alemá na Época da Ilustración na Facultade de Filosofía. Foi tamén profesor de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán.
Ingresou como membro de número da Real Academia Galega en 1980 co discurso Nova aproximación a unha filosofía da saudade, respondido por Ramón Piñeiro[3]. Membro tamén do Consello da Cultura Galega, foi ademais un dos fundadores e director da revista de pensamento cristián Encrucillada.
A súa obra divulgou a miúdo posturas discordantes co que postulaba a Igrexa católica, en particular sobre os conceptos do Espírito Santo e a interacción de Deus sobre a creación. Esta visión discrepante levou a diversas tensións co goberno da Igrexa, e a que en 2012 a Comisión da Doutrina da Fe da Conferencia Episcopal Española o apercibise publicamente por "distorsionar elementos da fe da Igrexa" como "a clara distinción entre o mundo e o creador e a posibilidade de que Deus interveña na historia e no mundo alén das leis que el mesmo estableceu" ou a distinción entre "creación e salvación", así como "a necesidade da graza sobre natural para alcanzar o fin último do home"[4] Ante esta nota, a Real Academia Galega fixo público un comunicado expresando a súa protesta contra o que cualificaba de "conculcación da liberdade de pensamento" do intelectual galego.[5]
Estas son as súas principais obras:[6][7]