Joaquín Freyre de Andrade y Valverde, nado na Coruña o 31 de xullo de 1882 e finado na mesma cidade o 18 de febreiro de 1972, foi un xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega[1].
Doutorouse en Filosofía e Letras en Madrid, onde gañou unha cátedra na Escuela de Estudios Especiales del Ateneo. Foi número un no concurso para a cátedra de Lingua e Literatura españolas na Escola Superior de Pforzheim, Alemaña. En 1909 obtivo unha bolsa da JAE para estudar en Roma e Florencia.[2] De volta na Coruña colaborou con El Orzán, así como noutros xornais e revistas. Tivo amizade coa familia de Emilia Pardo Bazán e asistiu aos seus faladoiros en Madrid e no Pazo de Meirás, o que lle valeu coñecer e tratar ás personalidades da literatura da época.[3]
Foi membro da Real Academia Galega de Belas Artes dende o 11 de xuño de 1949, inda que non chegou a presentar discurso de ingreso e a súa praza declarouse deserta en 1953.[4] Presidiu a Reunión Instructiva y Recreativa de Artesanos (1951-1953).
Despois de ser correspondente durante corenta anos, ingresou como membro numerario na Real Academia Galega o 30 de novembro de 1956, a proposta de Manuel Casás Fernández, Leandro Carré Alvarellos e Francisco Vales Villamarín, co discurso Linares Rivas, dramaturgo contemporáneo[5], relativo ao santiagués Manuel Linares-Rivas Astray, lido por Julio Rodríguez Yordi (Freyre estaba afónico),[6] respondido por Carré.
Segundo José Luis Bugallal Marchesi, por desgana, non deixou obra impresa.[3]