Fillo de Bernardino González Paz e de Ceferina García, foi irmán de Enrique e Daría González. Estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Fixo o doutoramento en Filosofía e Letras en Madrid (1930), coa tese El colegio de San Clemente de Pasantes de Compostela. Regresou a Compostela e obtivo a praza de auxiliar da Sección de Arte e tivo ao seu cargo as cátedras de Arqueoloxía e Historia da Arte. En 1931 conseguiu unha bolsa para ampliar os estudos de prehistoria e estivo en Francia e Alemaña. Colaborou co Seminario de Estudos Galegos, do que foi membro do Consello Director e para o que logrou uns locais no edificio de Fonseca, onde se instalaron a biblioteca e o museo de etnografía. Participou xunto a Florentino López Cuevillas no proxecto de catalogación dos castros galegos e escavou, entre outros, os castros de Montealegre (Domaio), Santa Trega, Taboexa e San Cibrao de Las. Formou parte das Irmandades da Fala e asistiu á asemblea que se organizou na Coruña; máis tarde ingresou no Partido Galeguista. Foi membro correspondente da Real Academia Galega.[3]
Trala guerra civil española, e como consecuencia da súa pertenza ás Irmandades da Fala e ao Partido Galeguista, exiliouse en Porto Rico, onde foi decano da Universidade de Porto Rico, posto desde o que fomentou a fundación do Coro Universitario, do Museo da Universidade, do Seminario de Estudos de Porto Rico e dun centro de Escavacións Arqueolóxicas. Polo seu traballo, o claustro nomeouno decano de estudos, reitor interino e senador vitalicio.
Xulgado polo Tribunal de Responsabilidades Políticas, foi condenado en 1940 a inhabilitación absoluta, seis anos de desterro a máis de douscentos quilómetros de Santiago de Compostela e o pago de cinco mil pesetas.[4]
Obras
La Universidad de Santiago: el pasado y el presente, 1934 (en colaboración con Ciriaco Pérez Bustamante).
Sobre Domingo de Andrade, 1935.
Sobre plateros pontevedreses, 1965.
Pontevedra a fines del siglo XVI: tres dibujos desconocidos, 1965.