O seu pai, Evaristo Rubín, foi un oficial de carreira que combateu con distinción baixo as ordes do Xeneral Joan Prim i Prats na Guerra de África. Antero Rubín ingresou de xeito voluntario no exército o 11 de maio de 1868 e aos dezaseis anos foi para Cuba co exército, de onde volveu aos poucos anos tras ascender ao rango de tenente. Estudou en Redondela, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela.
En 1869, xa como cabo segundo, partiu cara Cuba unha vez máis. En 1895, cando estaba destinado en Tui como xefe da comandancia militar, volveu ser enviado a Cuba para defender os intereses españois. Co batallón Granada, composto por 700 homes, fixo fronte a unha insurrección en Potrero de las Varas o 24 de setembro de 1895. O seu triunfo valeulle diversas condecoracións pero tamén foi ferido. Unha vez recuperado asumiu as comandancias militares de Cienfuegos e Bayano. En 1897 participou nos combates de Santa Fé, El Revolcadero e Lomas del Viento, entre outros. Xa no ano 1898 participou en batallas como as de Quemado e Guanacoa. Os días 22, 23 e 24 de xuño tomou parte nas batallas contra os estadounidenses (Batallas das Guásimas). O 1 de xullo presenciou a capitulación de Santiago de Cuba.
O 14 de febreiro de 1898 a raíña rexente María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias ascendeuno a xeneral de brigada. En 1901 pasaría a ser gobernador civil de Oviedo. En 1908 foi ascendido a xeneral de división e en decembro de 1916 a tenente xeneral. En 1917 foi nomeado Capitán Xeneral de Galicia tras ter dirixido os gobernos militares da Coruña, Zaragoza e Bilbao. Pasou á reserva en 1923.