Desde a súa estrea o Pazo ten albergado en dúas ocasións o Mundial de hóckey a patíns: en 1972, cando gañou a selección de España, e en 1988, cando Italia gañou o seu terceiro título, revalidándoo. Tamén se disputaron nel outras grandes competicións deportivas.
O 25 e 26 de setembro de 1982 tivo lugar no Pazo dos Deportes de Riazor a fundación do BNG.[4]
Ademais de ser a sede habitual do HC Liceo, outros equipos como o Básquet Coruña xogan tamén os seus encontros como locais neste recinto. É ademais empregado como escenario para outras competicións deportivas, como boxeo (disputándose a final do campionato de Europa no 2011) ou esgrima.
Características e instalacións
A construción do pavillón comezou en novembro de 1968, sobre unha superficie de 5.840 m², baixo a dirección do arquitecto municipal Santiago Rey Pedreira[5].
A pista polideportiva central do Pazo dos Deportes de Riazor é de parqué, e está preparada para disputar encontros de diversas disciplinas deportivas como hóckey a patíns, baloncesto, balonmán etc. Conta ademais cunha pista sintética de catro rúas para a práctica do atletismo, así como tres ximnasios, sala de judo, sala de musculación e sala de esgrima, así como nove vestiarios[6] e sala de prensa.
O pavillón foi remodelado no 2011 cun investimento de 2,4 millóns de euros[7]. A súa capacidade é de 4.425 espectadores, aínda que durante a época dourada do HC Liceo rexistraba entradas que podían achegarse aos 10.000 espectadores, se ben na actualidade unicamente rexistra grandes entradas nos partidos importantes do Liceo.