A batería de canóns do Monte de San Pedro forma parte dunha antiga instalación militar de defensa costeira do Período de entreguerras, situada no alto do Monte de San Pedro na cidade galega da Coruña. Após moitos anos de abandono, o Monte de San Pedro foi convertido nun parque e as instalacións militares rehabilitadas coma museo. Agora o Monte de San Pedro é unha zona para visitar e desfrutar contemplando a paisaxe e as históricas instalacións, das que destacan os dous enormes canóns e os búnkeres.[1]
Historia
As pezas Vickers que forman esta batería proceden da Fábrica de Barrow-in-Furness, Inglaterra. Adquiríronse no ano 1929 e, trala súa verificación e probas de tiro, foron transportadas por mar até A Coruña. O traslado dende o porto da cidade até o monte de San Pedro foi realizado por medio de raís desmontábeis. O seu avance foi lento e complicado, só 200 metros ó día, debido ás dimensións dos canóns e á forte pendente da zona. Tras un complexo montaxe, tivo lugar o seu bautizo de lume o 19 de decembro do 1933. Dende entón, realizaron unicamente 19 disparos, o último deles o 24 de outubro do 1977.[2]
Trazos
Os dous canóns Vickers teñen un calibre (diámetro interior) de 381 mm (15 polgadas) e a súa lonxitude é de máis de 17 metros.[2] Estes eran capaces de disparar proxectís dunha tonelada de peso cun alcance de 38 km. Pódense ollar réplicas dos proxectís no paseo do Parque de San Pedro, cada un deles pesaba 885 kg. O seu incríbel alcance garantía a case total protección das rías e a costa de Ferrol e A Coruña.[3]
Para calcular os seus disparos, as instalacións estaban dotadas de estacións telemétricas, unha mesa calculadora que obtiña os datos de tiro (antecesora dos ordenadores actuais) e unha mesa trazadora na que se representan as traxectorias do disparo e do obxectivo.
Función
A presenza da batería de canóns do Monte de San Pedro axuda a comprender a importancia desta costa na primeira metade do século XX, unha época de conflitos bélicos a escala mundial.[2]
Foi durante a segunda guerra mundial cando estas instalacións desempeñaron o papel máis importante. España, a pesar da súa postura non belixerante, ofrecía apoio ás Potencias do Eixo. Nesta situación, coa presenza dos canóns os submarinos e os barcos da Kriegsmarinealemá podían refuxiarse e subministrarse no porto de Ferrol ou no da Coruña sen problema ningún, porque a frota aliada, consciente do alcance e potencia desta batería, non perseguía nestas augas ós barcos inimigos.
A recuperación, por parte do Concello da Coruña, dos terreos e instalacións nos que se localiza non só permite acceder ás mellores vistas da cidade e a un grande parque, senón que iso tamén significa retomar para os cidadáns unha parte importante da súa historia.[1]