A ría da Coruña é a ría máis occidental do Golfo Ártabro e forma parte das rías medias galegas.[1]
Fórmase pola desembocadura do río Mero no océano Atlántico e baña os municipios da Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre.
A parte interior da ría coñécese como ría do Burgo, mentres que o termo "ría da Coruña" adoita referirse á parte máis aberta, tamén denominada ás veces "baía da Coruña".
A ría do Burgo é un brazo de mar duns catro quilómetros de longo que se estende dende a desembocadura do Mero, entre as parroquias do Temple e O Burgo, ata a praia de Santa Cristina, unha frecha areosa na parroquia de Perillo. A ría do Burgo ten entre 400 e 800 metros de largo e correspóndese coa parte final do val do río Mero, polo que presenta unha fisonomía fluvial, caracterizada pola sedimentación, e con salinidade variable[2]. A ría do Burgo presenta niveis de contaminación moi altos, que afectan o marisqueo e requiren saneamento urxente[3][4].
Fóra do estuario do Burgo, a ría da Coruña presenta unha forma ovada, na que o porto coruñés ocupa o lado occidental e a costa de Oleiros, a beira meridional e oriental. A súa boca, entre Punta Herminia e o Seixo Branco ten 4 km de largo, e dende aí até o fondo da baía hai 6 km.