O porto da Coruña, matrícula das embarcacións CO, é un porto galego situado tralo dique de abrigo da cidade da Coruña, bañada polo océano Atlántico. É un dos motores económicos da comarca, con seis quilómetros de peiraos e preto dun millón de metros cadrados de superficie marítima e terrestre. Está integrado na provincia marítima da Coruña.
O porto da Coruña conta cun sector acondicionado para desembarcar graneis sólidos (carbón, coque) e contedores. No ano 2007 movéronse 13.842.964 toneladas de mercadorías no porto[3], o que supón un incremento total do 3,68 % respecto ao 2006, o que o converte no gran porto de mercadorías de Galicia e un de referencia no norte da Península Ibérica, seguido de preto por Ferrol-San Cibrao (10.228.000 toneladas).
Peiraos
O Porto da Coruña conta con 8.458 metros para os diferentes servizos:[1]
O porto da Coruña ten a súa orixe na Cidade Alta. As portas da muralla tiñan ramplas que permitían o seu servizo. En 1723 o enxeñeiro Francisco Montaigú creou os primeiros proxectos para construír un porto moderno na Coruña, que non se materializaron.[5]
Contra o 1733 construíuse a calzada de Garás, que permite propor a expansión do porto cara a esa zona, mais non se realizou ningunha outra obra ata o século XIX e as operacións portuarias realizábase mediante gabarras entre a praia e os barcos maiores.[6]
Houbo algunhas propostas de ampliacións, como as de Eustaquio Giannini (1781), José María Noya e Faustino Domínguez (1841), José Bellón (1857) e Juan Bautista Aguirre (1859), mais a primeira que se fixo realidade foi a do enxeñeiro Celedonio de Uribe (1860). Este consistiu en gañar terreo ao mar nunha zona que se chamou o “Recheo”. Construíuse o peirao de Méndez Nuñez en homenaxe ao mariño galego Casto Méndez Núñez famoso por gañar o combate naval de El Callao. Estendíase desde o bastión do Parrote ata a batería de Salvas. O proxecto incluía un paseo que finalmente se ampliou e conformou os Xardíns de Méndez Núñez. Tamén se previu a construción de dous pantaláns de ferro pero só se construíu un. O chamado peirao de ferro porque estaba feito deste material, aínda que tiña chan de madeira, inaugurouse en 1869 con 200 metros de lonxitude que se adentrában no mar. Desempeñou un papel fundamental nas Guerras de Cuba e Filipinas. O peirao de ferro destruíuse en 1914.[7] Uribe propuxo tamén unha dársena no espazo entre o Teatro Principal e o Parrote, pero as obras, iniciadas en 1868, paralizáronse.
En 1889 presentouse o proxecto do enxeñeiro Eduardo Vila Algorri, que incluía os peiraos do Leste, a Batería, Garás, Santa Lucía e a Palloza.[6] O mesmo Vila foi quen finalmente proxectou a dársena da Mariña, rematada en 1918.[8]
Construción do peirao de transatlánticos
En 1923 presentouse o proxecto dun peirao para transatlánticos, posteriormente chamado Calvo Sotelo, a continuación do antigo peirao da batería. Deseñado polo enxeñeiro Emilio Pan de Soraluce e que non se culminou ata 1936.[8]
Ampliación anos 1960
En 1955 comezaron as obras do dique de abrigo, bautizado como Barrié de la Maza, que remataron en 1967.[9][10] En 1965 ampliouse o porto para a creación do porto petroleiro co oleoduto que o conectaba coa refinaría.[8][11] Nos anos seguintes continuou a ampliarse co Peirao Unificado de Linares Rivas e Santa Lucía (1970)[12] e co peirao do Centenario, que conmemorou o centenario da Xunta do Porto.[13]
Na década de 1990 creáronse o peirao de transatlánticos, a dársena de Oza e ampliouse o paseo marítimo polo Parrote.
Descrición
O tráfico do porto da Coruña está centrado no tráfico de:
Graneis líquidos, con 8.310.850 toneladas. Destaca o crecemento en petróleo cru, e o descenso en gasolinas, por mor da forza da divisa Europea, que dificulta as exportacións no sector.
Graneis sólidos, con 4.412.945 kg e centrado no trigo, o millo e o carbón, aínda que cunha tendencia descendente.
Mercadorías xerais, con 1.389.169 toneladas, protagonizadas pola palanquilla, arames e ferros.
Tráfico de contedores, no que o Porto da Coruña inaugurou recentemente unha nova liña co X-Pres Container, sumándose á xa existente con OPDR. O notable incremento nas Mercadorías Xerais está a diversifica-lo traballo portuario, e xera máis opcións de crecemento.
Pesca fresca, con 31.094.395 kg. A importancia da industria conserveira na Coruña demanda gran cantidade de peixe, pero aínda así o tráfico da súa mercancía é superado por outros portos, coma o porto de Vigo.
Tráfico de cruceiros, con 50.000 pasaxeiros no 2007 nuns 60 cruceiros.
O Porto da Coruña carece de liñas de pasaxe regular pero ten terminal de tren propia, a estación de San Diego.
Porto exterior de Punta Langosteira (Arteixo)
No ano 2004 comezou a construción do porto exterior da Coruña, que se aprobara en 1997. Está situado no concello limítrofe de Arteixo, que ampliará enormemente as instalacións portuarias e as desprazará fóra do casco urbano. O espazo baleiro é susceptible dunha rehabilitación modélica, que será denominada Cidade do Mar e xunto co porto exterior de Ferrol vai constituír unha das zonas industriais marítimas e loxísticas máis importantes da Unión Europea[Cómpre referencia].
O novo porto contará cun dique de abrigo de 3.250 metros de longo, 264 hectáreas de augas interiores (o equivalente a máis de 100 campos de fútbol), 91 hectáreas de terreo edificable e un contradique de 600 metros no extremo oeste das obras. Ademais, tamén contará con conexións por estrada coa A-6 e por ferrocarril. A liña de atraque superará os 9 quilómetros con calados que irán dos 16 aos 30 metros, o que permitirá o atraque de buques de ata 250.000 toneladas de peso. Tamén ten previstas unhas ampliacións no 2020, para deixar libres os peiraos de San Diego e Oza.