A Casa da Cultura Salvador de Madariaga é unha sala de exposicións e centro cultural da cidade da Coruña. Situada en pleno centro da cidade é sede do Arquivo Municipal, o Servizo Municipal de Educación, unha Biblioteca Municipal, o Centro Galego de Artes da Imaxe e o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. A xestión correspóndelle ao Palacio de Exposicións Municipal Kiosco Alfonso.
O edificio ten un baixo e catro plantas cun patio central cuberto por unha cristaleira. As catro plantas están articuladas a partir deste patio central cunha escaleira que se divide en dous corpos e leva ás outras plantas.
Historia
O edificio foi deseñado en 1925 polo arquitecto Miguel Durán Salgado[3] como Delegación Provincial de Facenda,[4] polo que está inspirado na sede do Ministerio de Facenda de Madrid, de Francesco Sabatini. Durán era fillo de Juan Jacobo Durán Loriga, matemático que dá nome á rúa onde se atopa.[3]
En 1978 instalouse no edificio o arquivo municipal.[4]