O Trofeo Teresa Herrera Feminino é un torneo de fútbol feminino de carácter amigábel que ten lugar cada ano na cidade da Coruña, desde 2013.
O torneo naceu en 2013, organizado polo Concello da Coruña, como a versión feminina do histórico Trofeo Teresa Herrera que levaba disputándose dende 1946.[1] A primeira edición enfrontou a dous equipos coruñeses, o Victoria CF e o Orzán SD, o 7 de outubro de 2013 no campo Rodrigo García Vizoso da Grela. Gañou por 3 goles a cero o Victoria,[2] que revalidou o título ao ano seguinte fronte ao Boavista FC portugués, xa en Riazor.[3]
En 2015 participou por primeira vez un equipo da Primeira División, o Rayo Vallecano, que goleou por 7-0 ao Victoria CF.[4] Ao ano seguinte a gran novidade foi o Deportivo da Coruña Feminino, unha sección do club que se acababa de recuperar despois de décadas de ausencia. As branquiazuis conseguiron o título despois de derrotar na quenda de penaltis ao Villarreal.[5] En 2017 e 2018 as vencedoras foron as xogadoras do Athletic de Bilbao, derrotando pola mínima nas dúas ocasións ao Deportivo, que caeu tamén en 2019 fronte ao UD Granadilla Tenerife (1-5).
En 2020 a pandemia de COVID-19 paralizou as competicións deportivas en case todo o mundo e cando estas regresaron fixérono a porta pechada ou con importantes restricións de capacidade. Con esta situación parecía que o ano remataría sen Teresa Herrera, pero en decembro anunciouse que, ao igual que o trofeo masculino, o feminino celebraríase o día 20, entre o Victoria CF e o Deportivo Feminino B, debido a que o primeiro equipo tiña partido de liga.[6][7] O triunfo foi para o filial branquiazul despois de empatar a un gol e chegar aos penaltis.[8]