O Club Atlético dos Castros é un club de fútbol galego do barrio dos Castros da cidade da Coruña. Fundouse en 1944 e chegou a ter dúas seccións deportivas en activo, unha de fútbol e outra de hóckey, aínda que a sección de hóckey xa non existe.
A creación do club ten lugar despois dunha serie de reunións mantidas no Bodegón do barrio herculino e baixo o impulso de Francisco Novo Lapido. O Centro Deportivo de Los Castros[1] disputa o seu primeiro partido o 15 de agosto de 1944 dese mesmo ano fronte ao Galicia Gaiteira no recheo de San Diego.[2] O club compite durante tres tempadas nas divisións locais.[3][4][5] Após un ano de inactividade, en 1948 rexorde coa denominación Club Atlético de Los Castros,[6][7][8][9] sendo presidente don Francisco Cortizas.[10] Na seguinte tempada o equipo foi subcampión da Segunda División da Coruña, acadando o ascenso á Primeira División.[11] En 1951 o club transfórmase en Centro Cultural y Deportivo de Los Castros, aínda que o equipo de fútbol mantén o seu nome fundacional.[12] En 1954 a Federación Galega de Fútbol obriga a desaparecer cinco equipos da capital por falta de terreos de xogo, sendo este club un dos afectados pola medida. Dende ese intre os mozos do barrio agrúpanse nun equipo non federado chamado Suevia Club de Fútbol. Cando este desaparece en 1956, un grupo de socios reúnese para recuperar o fútbol federado no barrio. creándose unha comisión xestora baixo a presidencia de Gonzalo Rey Precedo, escollendo como nome Club Atlético Los Castros e solicitando xogar na Liga das Mariñas, aínda que finalmente o club acaba encadrado na liga da capital herculina.[13][14]
Na tempada 1959–60 o club ascende á Primeira División marcando un fito no fútbol modesto coruñés ao quedar invicto nunha liga a dobre volta, gañando todos os partidos do seu grupo,[15] e proclamándose campión da Segunda División[16] batendo 1-0 ao Galicia Gaiteira na final entre os campións dos dous grupos que compuñan a categoría.[17] Alén diso, tamén se impuxo na Copa Liceo, logo de vencer por 3-0 ao Santa Margarita, campión da Primeira División.[18]
O día 21 de maio de 1961, durante un partido xogado no antigo campo de adestramento de Riazor, os xogadores dos Castros negáronse a seguir disputando o encontro. En protesta pola arbitraxe, os xogadores sentaron no campo e non se moveron do sitio, o que provocou unha forte goleada e unha sanción de perda de puntos.[19] A partir deste incidente o equipo comeza a remontar e na segunda volta gaña a maioría dos partidos, conseguindo finalmente salvar a categoría tras derrotar na promoción ao Sin Querer SD.[20] Na tempada 1963–64 o club descende á Segunda División ao perder a promoción contra o Galicia Gaiteira.[21][22] Ao ano seguinte o equipo encadea outro descenso,[23] mais o seu paso pola Terceira é curto e ascende á Segunda nunha soa tempada tras rematar subcampión da Terceira División 1965-66.[24] Na seguinte tempada o club chega ata os cuartos de final da Copa da Coruña, caendo ante o Santa Margarita.[25] En 1974 o equipo remata campión da Segunda División,[16][26] co que logra o retorno á Primeira, e conquista novamente a Copa Liceo logo de vencer por 5-1 ao Club Deportivo Ciudad, campión da Primeira División.[27]
Durante os vindeiros anos o club encadea varios ascensos e descensos nun intervalo de poucas tempadas. O equipo ascende ao proclamarse campión da Segunda División na tempada 1979-80.[16] Esa mesma tempada acada os cuartos de final da Copa da Coruña, onde foi eliminado pola SD Órdenes.[28] Na tempada 1981-82 o club descende á Segunda División.[29] Ao ano seguinte volve ascender tras un empate a ceros fronte ao Batallador que lle daba os puntos necesarios para ascender na derradeira xornada do campionato, mais a estancia en Primeira é curta, pois volve descender outra vez na tempada seguinte ao perder na promoción.[30] En 1989, ao mando de Tito Sanguiñedo, o equipo remata subcampión da Segunda División e volve ascender á Primeira cinco anos despois.[31] O club remata terceiro na Primeira División 1990-91.[14]
En 1991 o club transita da competición de fútbol local á competición a nivel nacional, quedando encadrado na Terceira Autonómica.[32] Na tempada 1993-94 o club queda subcampión da Terceira Autonómica.[33] mais non logra o ascenso na promoción fronte o Montañeros. Na tempada 1996–97 o club volve rematar subcampión da Terceira Autonómica e clasifícase para xogar unha promoción entre clubs dos grupos I e II.[34] Desta volta gaña a promoción e consegue o ascenso á Segunda Autonómica,[35] aínda que o seu paso pola categoría é breve e logo descende. Na súa volta á Terceira Autonómica, remata terceiro do seu grupo, clasifícándose novamente para unha promoción entre clubs dos grupos I e II, tal e como acontecera dous anos antes,[36] mais nesta ocasión remata sétimo na fase final e non consegue o ascenso.[37]
O 31 de xullo de 2007 a xunta directiva trocou o nome do club a Club Atlético dos Castros, denominación correcta en galego segundo a normativa lingüística.[38] En lembranza do falecido Arturo Varela Canosa, que estivo ligado ao club durante máis de 30 anos en diversos cargos técnicos e directivos, o club organizou en 2012 o I Memorial Arturo Varela Canosa, torneo de fútbol base en homenaxe á súa figura.[39] En 2013 o equipo de afeccionados imponse no grupo I da Terceira Autonómica, obtendo o campionato e mailo ascenso directo á Segunda Autonómica.[40] En 2016 descende á Terceira Autonómica malia rematar undécimo[41] debido á unha reestruturación da Segunda Autonómica.[42]
A camisola tradicional do club é branca cunha franxa azul diagonal coma a da bandeira de Galiza. A orientación da franxa ten sufrido variacións, levándoa no sentido da bandeira galega ou no da franxa do escudo do club (oposto ao da bandeira) segundo a época.[43]
O escudo do club fórmano unha peza branca dividida pola metade por unha liña diagonal azul como a da bandeira galega e a da camisola do club. Nesta liña diagonal pódense ler as siglas do nome do club (C.A.C.). Na parte superior da dita banda azul hai un balón de fútbol regulamentario dos anos cincuenta, e na inferior atópase a Torre de Hércules, faro romano símbolo da cidade da Coruña.
Os xogadores con maior traxectoria da historia do club foron Julio Otero, que chegou a xogar sete tempadas co Celta de Vigo na Primeira División e posteriormente no Real Betis en Segunda,[44][45] e Alberto Fernández “Firi”, que xogou no Pontevedra CF que acadou o ascenso á Primeira División por primeira vez na súa historia ao se proclamar campión da Segunda División 1962/63.[46][47]
C.D. Los Castros, Los Castros 37. La Coruña.
Club Atlético de los Castros, Avenida General Sanjurjo, 19. La Coruña.
Terminada la III Vuelta a Oza, perfectamente organizada por el Centro Cultural y Deportivo de Los Castros, conversamos con su presidente, don Laureano Suárez Boquete. –¿Mucho tiempo al frente de la entidad, don Laureano? –Desde abril del 51, al transformarse el Atlético de Los Castros en Centro Cultural y Deportivo. [...] Nuestro, conjunto de fútbol figura en la segunda división local con el nombre de su fundación: Atlético Los Castros; también disponemos de equipo de hockey sobre patines... ¿En atletismo? Disponemos de equipos de cross y de pista, con los que procuramos concurrir a todas las pruebas. Pero nuestro principal objetivo es que la Vuelta a Oza, que llevamos organizado periódicamente desde 1950, y que tanto ambiente disfruta en la región, llegue a tener carácter nacional
En lo que a la competición de La Coruña y su comarca respecta, se aceptó el pase de diez equipos modestos de la capital a la Tercera Regional, formando grupo con los quince del grupo primero de As Mariñas. Estos clubes afectados son Vioño, Sin Querer, Orzán, Liceo, Imperátor, Galicia Gaiteira, Español, Oza Juvenil, At. Castros y Sporting Ciudad.