En 1918 Ricardo Rodríguez Pastor e Pedro Barrié comezaron a comprar parcelas nos Cantóns para construír a sede do seu banco. A partir dese momento comezaron a modificar o tamaño das parcelas, nas que derrubaron os edificios existentes, de tres ou catro pisos con galerías.[2]
O proxecto foi encargado por Pastor e Barrié ao seu parente Antonio Tenreiro en 1919 coa idea de construír unha sede para o seu banco. Tenreiro licenciárase en arquitectura en Madrid ese mesmo ano e estableceuse na Coruña en 1921. O proxecto definitivo é de 1922. A Comisión Municipal de Obras aprobou o proxecto de edificio de 38 metros a pesar de que o máximo aceptado era de 20 metros indicando que o novo e moderno edificio faría máis fermosa a cidade.[2]
O novo edificio foi inaugurado o 11 de novembro de 1925,[2] converténdose no primeiro rañaceos de Galicia.[3]
Descrición
O edificio, de case corenta metros de altura, ocupa unha parcela de máis de 1000 metros cadrados. Foi deseñado por Antonio Tenreiro, Peregrín Estellés e Emilio Moya, aínda que só asinaron os planos os dous primeiros.[3] É de estilo ecléctico, baseado na arquitectura da Escola de Chicago e nos bancos ingleses e estadounidenses, con elementos decorativos de estilo neobarroco e art déco.[4]
Está construído arredor dun patio que dá luz a todo o edificio, empregando, de xeito pioneiro en Galicia, formigón armado e pedra artificial. A estrutura é semellante a unha columna, cunha base de tres pisos, un fuste con máis desenvolvemento vertical (seis pisos) e un chapitel que forman os dous últimos pisos, con maior decoración.[2] As oficinas do banco situábanse no piso baixo, o entresollado e o primeiro andar; o seguinte andar estaba ocupado pola vivenda de Pedro Barrié e nos demais andares había vivendas. No ático instalaron o seu estudio Tenreiro e Estellés.[5]
A entrada realízase a través dun chafrán entre o Cantón Pequeno e a rúa de Santa Catarina polo que se accede a un vestíbulo no que se situaban as caixas e os mostradores do banco.[5] A planta baixa ilumínase mediante unha vidreira.[4]
En 1959 o edificio foi ampliado cara á rúa de Durán Loriga.[4]