Andrés Fernández-Albalat Lois, nado na Coruña o 23 de xuño de 1924 e finado na mesma cidade o 29 de decembro de 2019,[1] foi un arquitecto galego,[2] recoñecido como a figura máis representativa da modernidade na arquitectura galega da segunda metade do século XX. A súa obra, funcionalista, relaciónase coa de Ludwig Mies van der Rohe.[3]
Fillo dun enxeñeiro militar, fixo o bacharelato na súa cidade natal. Estudou dous anos de violín. Fixo dous cursos de Ciencias Exactas en Santiago de Compostela . En 1955, foi pensionado cunha bolsa de estudos de artes plásticas, facendo acuarelas, viaxou por Italia, percorrendo Venecia, Roma, Florencia e Asís. Preparou o ingreso na universidade no Colexio Maior Ximénez de Cisneros, onde coincidiu con Eduardo Chillida. Doutorouse pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM) en 1956,[4] onde coñeceu a Miguel Fisac, Ramón Vázquez Molezún, José Antonio Corrales, Carlos Meijide, Alberto Noguerol, Javier Carvajal Ferrer e Rafael de la Hoz Arderius.[5]
Foi profesor emérito da Universidade da Coruña, onde exerceu como docente dende 1978.[6] Ditou cursos de doutoramento e seminarios sobre: "Hecho Proyectual, Relaciones de las Bellas Artes y la Arquitectura" e "Construcción, Arquitectura, Música" en España e o Brasil.
Foi decano do Colegio de Arquitectos de León, Asturias y Galicia e decano fundador do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (1973-1977).[7] En 1999 foi escollido académico de número da Real Academia Galega, pronunciando o discurso "Significante y significado. Linguaxe e arquitectura", que foi respondido por Carlos Casares.[8] Así mesmo, foi tesoureiro da mesma institución de finais de 2001 a finais de 2009.[9] Foi membro da Real Academia Galega de Ciencias, académico de honra da Real Academia Galega de Belas Artes[10] e académico de número e supernumerario da Real Academia de Doutores de España, na que ingresou co discurso "Música y arquitectura".[11]
Foi, tamén, académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, membro e presidente de honra do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, no que ingresou en 1968 co discurso "La ciudad de las rías",[12] membro do padroado do Museo do Pobo Galego e membro do Padroado Rosalía de Castro.
No ano 1968, Fernández-Albalat presenta á Deputación da Coruña un proxecto para a organización urbana entre as cidades da Coruña e de Ferrol, posto que os estudos daquela prognosticaban que A Coruña chegaría ao millón de habitantes para o ano 2000. Por iso a arquitecto coruñés ideou unha sorte de área metropolitana Coruña-Ferrol, algo moi avanzado para a época.
O proxecto consistía en que, ao non ter A Coruña espazo para a súa expansión dentro dos seus termos municipais, e dado o extraordinario crecemento demográfico e industrial de Ferrol, a idea era facer unha cidade entre ambas zonas urbanas, arredor da ría de Betanzos e da ría de Ares, nos concellos de Sada, Bergondo, Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Fene e Ares, unindo cunha ponte Sada e Pontedeume, facendo unha estrada directa que fose de Ferrol á Coruña. A nova cidade, nomeada polo arquitecto como "Cidade das Rías",[13][14] ía contar cunha poboación de 600.000 habitantes, distribuídos en zonas de 25.000 habitantes e estas en tres barrios cada unha duns 8.000 habitantes. Os barrios e zonas (unión de tres barrios) contarían co básico, tendas, supermercado, escola e instituto, igrexa, polideportivo etc.; é dicir, Albalat non busca crear unha cidade xardín para A Coruña e Ferrol, senón unir ámbalas dúas urbes mediante un tecido urbano completo, respectuoso coa natureza e o contorno e localizado nos mellores puntos xeográficos para a súa comodidade e eficiencia. A Deputación da Coruña rapidamente fixo caso ao proxecto coa intención de poñelo en marcha, máis finalmente non obtivo o apoio das corporacións municipais, en concreto a do Concello de Ferrol, que vía con moita reticencia ese proxecto ao pensar que suporía quedar subordinados á cidade da Coruña e perder a súa autonomía e identidade, postura apoiada polo crecemento demográfico e industrial ferrolán que parecía non decaer,[14] así que a Deputación deixouno no caixón sen facerlle caso.