Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia.
Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes.
Manuel Murguía era fillo de Concepción Murguía Egaña e Juan Martínez de Castro. Naceu en Froxel cando a súa nai ía ao santuario da Virxe de Pastoriza. O seu pai era farmacéutico na rúa Garás da Coruña e estableceuse despois, seguramente en 1837, en Santiago de Compostela. Será neste lugar precisamente onde o neno Manuel Murguía presencie os sucesos do 23 de abril de 1846, que el narrará máis tarde nun artigo titulado "La Voz de Galicia" cun enorme sentimento; é de supoñer que este episodio da historia de Galicia influíu na ideoloxía romántico-liberal do rapaz.
A partir de 1845 comezou a estudar bacharelato na universidade, concluíndo o bacharel en filosofía en 1850, e ó mesmo tempo o preparatorio de farmacia, que iniciou por desexo do pai. Mais Murguía tivo moi claros os seus gustos, e así, o interese pola literatura e a historia fixérono abandonar a carreira para dedicarse plenamente ao seu labor de escritor e investigador. Nestes anos a vida cultural de Santiago xiraba no contorno do Liceo de la Juventud, onde se daban cita estudantes e intelectuais como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Rosalía de Castro.
Murguía relacionouse en Madrid, onde se trasladara en 1850 para estudar Farmacia, con intelectuais como os irmáns Valeriano e Gustavo Adolfo Bécquer, Alejandro Chao. En 1854 Murguía publicou o seu primeiro texto en galego, o 1 de xuño, no álbum de Elena Avendaño, unhas seguidillas tituladas a "Nena das Soidades". En 1855 publica, por entregas, a súa primeira novela Desde el cielo. Murguía seguiu colaborando en xornais e revistas madrileñas da época como La Iberia e Las Novedades, nos que acadou moito éxito -o que lle permitiu publicar folletíns con obras como "Mientras Duerme", "Mi madre Antonia", "El Ángel de la Muerte" e "Los Lirios Blancos".
Tamén coñeceu en Madrid a Rosalía de Castro e tamén colaborou en xornais galegos como La Oliva. Escribiu unha crítica de La Flor, o primeiro poemario de Rosalía e a relación entre ambos os dous foise estreitando ata o punto de ennoivaren, e o 10 de outubro de 1858 casaron na madrileña igrexa de Santo Ildefonso. É indubidábel que Murguía foi unha peza de apoio intelectual e social para Rosalía. Dende o principio, animouna na súa carreira literaria e na publicación de obras como Cantares gallegos, considerada o inicio do Rexurdimento literario galego, e mesmo chegou a publicar algunha obra súa sen o seu consentimento.
Algo que se pode considerar como o primeiro puntal do Rexurdimento foi o cambio operado en Murguía cando deixou o labor creativo, tras acadar un grande éxito, para se dedicar por completo á investigación histórica e á divulgación desta, así como a difundir o ideario político xurdido, principalmente, das súas investigacións.
En 1859 o matrimonio trasladouse a Santiago de Compostela, e con motivo do nacemento da súa primeira filla, en maio, publicou La Primera Luz, un libro de lecturas escolares estruturado en vinte temas de historia e xeografía, que o Ministerio de Fomento recomendou para o ensino nas escolas de Galicia. Esta obra foi reeditada en Lugo en 1868.
En 1862 Murguía rematou o seu Diccionario de escritores Gallegos[2] e en 1865 editou o primeiro tomo da súa Historia de Galicia. Na revolución de setembro de 1868 foi secretario da Xunta Revolucionaria de Santiago e despois nomeado director do Arquivo de Simancas. Desde que empeza nese arquivo, suscítanse tres conflitos graves e no último Murguía “llegaría a las manos, y originó un expediente sonado, de cuya consecuencia se originó el traslado fulminante de Murguía al Archivo General de Galicia”[3] en 1870. Será desde ese ano xefe do Arquivo Xeral de Galicia ata 1875,[4] e máis tarde, no 1879, foi director de La Ilustración Gallega y Asturiana.
A súa amizade co ministroSaturnino Álvarez Bugallal é posíbel que levase a este a incluír Galicia canda os demais territorios forais tradicionais no Real Decreto de 2 de febreiro de 1880, aínda cando o dereito galego non era de carácter foral en sentido estrito, senón consuetudinario. Este feito acabou conducindo á promulgación da Lei de Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia en 1963, antecedente do actual Dereito civil galego.[5][6] Murguía publicou en 1882El foro. Sus orígenes, su historia, sus condiciones, un estudo sobre a propiedade territorial de Galicia que resultou premiado no certame literario celebrado en Pontevedra e que foi dedicado a Álvarez Bugallal.
No ano 1885 foi nomeado Cronista Xeral do Reino á instancia da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.[7] No 86 (ao ano de morrer Rosalía) publicou Los Precursores, obra na que fai unha descrición de varios personaxes da vida cultural galega,[8] e dirixiu en Santiago de Compostela o xornal La Región Gallega. No ano 1890, Murguía dirixiu xunto con Alfredo BrañasLa Patria Gallega, boletín onde se deron as primeiras claves do que ía ser co tempo o pensamento rexionalista galego. Tamén neste mesmo ano Murguía publicou durante uns Xogos Florais en Barcelona un discurso que foi moi aplaudido e que fixo que o nomeasen "Mestre en Gay Saber". Neste discurso fala do sentimento histórico e cultural diferenciador de Galicia. Foi nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso público do galego, lingua en que Murguía pronunciaría o discurso inaugural.
¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo.[9]
Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que comunicou a outros escritores que se daban cita nunha libraría da Coruña coñecida co nome de A Cova Céltica. Tamén en Murguía xurdiu a teima de crear un dicionario da lingua galega, porque se sentía falto de vocabulario; se cadra, a inexistencia deste dicionario foi determinante para que a súa obra en galego fose tan escasa. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría ata á súa morte.
T. V (1913). A Coruña: Imprenta e fotograbado de Ferrer.
Memoria relativa al Archivo Regional de Galicia (1871). A Coruña.
Biografía del P. M. Fr. Benito Gerónimo Feijóo (1876). Santiago: Est. Tip. de El Diario.
El foro (1882). Madrid, Libr. de Bailly Bailliere.
El arte en Santiago durante el siglo XVIII y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria (1884). Madrid, Est. Tip. de Fernando Fé.
Alonso Montero, X. (1974). Política y sociedad en Galicia. Arealonga. Madrid: Akal.
Durán, J. A. (1998). Prosas recuperadas. O periodismo de Manuel Murguía. Antoloxía básica, 1853-1923. Madrid: Real Academia Galega - Fund. Caixa Galicia. (Contén 58 artigos de Murguía).
Rabuñal, H. (1999). Manuel Murguia (2ª ed.). Santiago: Laiovento. Contén "Nena d’as soledades", "A Curros", "Discurso nos Xogos Florais de Tui" e "Eduardo Pondal e a sua obra".
Risco, V. (1976). Manuel Murguía. Vigo: Galaxia. Contén o Discurso nos Xogos Florais de Tui, "Eduardo Pondal e a sua obra", "A Curros", "Nena d’as soledades", pasaxes de Los Precursores ("Galicia" e "Rosalía"), "Discurso del Presidente" (na inauguración da Academia), "Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia", "El regionalismo gallego" e "A Don Juan Valera".
↑Alfeirán Rodríguez, Xosé, García Miraz, María del Mar e Quiroga Barro, Gabriel, ed. (2000). Murguía e o Arquivo do Reino de Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.