Estes dereitos teñen orixe xeralmente nas cartas de poboamento outorgadas polos reis e señores da Península Ibérica ó fundar poboacións durante a Idade Media. As cartas tiñan como obxectivo principal o ordenamento do territorio e regulaban as condicións xurídicas do asentamento, así como as relacións entre os poboadores e o señor da terra, constituíndo a primeira manifestación da lei local.[6][7][8] Co crecemento das localidades e o aumento das relacións entre elas, as cartas de poboamento fóronse unificando en normas xurídicas comúns, que se estabelecían en forma de foros, isto é, un estatuto xurídico aplicábel a un territorio.[9] Con todo, a fonte do dereito tamén pode ser de orixe consuetudinaria, como é o caso de Galiza.[10]