Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
O Estado de Israel[1][2] (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democraciaparlamentaria e legalmente un estado xudeu.[3] Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a franxa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.[nota 1] O Mediterráneo bordéao polo seu oeste, e entre Xordania e Exipto sae uns poucos quilómetros ó golfo de Aqaba, extensión do mar Vermello (tamén chamado golfo de Eilat). Igualmente, ten costa co mar Morto (mar interior). Xeograficamente, contén diversas características dentro do seu relativamente pequeno territorio[5][6] Israel defínese como un "Estado xudeu e democrático" nas súas Leis Básicas e é o único Estado de maioría xudía do mundo.[7]
O primeiro rexistro histórico coñecido do termo Israel aparece na Estela de Merenptah, un monumento que celebra as vitorias militares do faraón Merenptah, datado a finais do século XIII a.C.[28] O nome Israel é o único precedido polo determinante para pobo, sinalando a súa distinción en relación ás poboacións das cidades-Estado presentes na mesma inscrición, o que suxire unha identidade contrastante coa dos seus veciños.[29]
Existe consenso entre os estudosos en derivar Israel a partir dunha forma verbal semita occidental como śārâ (loitar, prevalecer, reinar [con]), e do elemento teofórico El ("Deus"), o que indica que a designación pode ter partido do propio pobo que a usou, podéndose supoñer que compartira unha identidade cultural e unha noción común de relixiosidade (culto a El), así como, quizais, unha propensión á guerra.[30]
A tradición xudía dáo como acrograma hebreo das iniciais dos patriarcas e matriarcas, dos cales se orixinou o pobo de Israel: Isaac e Xacob (י), Sara (ש), Rebeca e Raquel (ר), Abraham (א), Lea (ל). A súa etimoloxía é suxerida na pasaxe do Xénese 32:28, na cal Xacob loita contra un anxo de Deus e o vence, despois do que recibe de Deus o nome de Israel. O nome contería así, o significado para a realización dun pacto entre Deus e Israel, mantendo a memoria e identidade do pobo a través dos tempos, e definindo as regras da súa relación co divino.[31]
O actual país foi chamado Medinat Yisrael, ou Estado de Israel, despois de seren rexeitadas outras propostas como Eretz Israel ("Terra de Israel"), Sión e Xudea.[32] O uso do termo hebreo israelí para se referir a un cidadán de Israel foi decidido polo goberno do país despois da independencia e anunciado polo entón ministro de Relacións Exteriores de Israel, Moshe Sharett.[33]
Símbolos nacionais
Os principais símbolos nacionais do país son a súa bandeira, o seu emblema e o seu himno. Israel conta tamén con outros símbolos nacionais como a menorá ou a Estrela de David, ambos presentes no emblema e na bandeira respectivamente.[34] Amais da bandeira, o emblema, o himno e a canción nacional, Israel posúe diversos símbolos nacionais:[35]
A Terra de Israel, coñecida en hebreo como Eretz Israel, é sagrada para o pobo xudeu desde os tempos bíblicos. De acordo coa tora, a Terra de Israel foi prometida aos tres patriarcas do pobo xudeu, por Deus, como a súa patria;[36][37] estudosos teñen colocado este período no inicio do segundo milenio a.C.[38] A terra de Israel garda un lugar especial nas obrigas relixiosas xudías, englobando os máis importantes lugares do xudaísmo (como os restos do Primeiro e Segundo Templo do pobo xudeu). A partir do século X a.C.[39] unha serie de reinos e estados xudeus estableceron un control intermitente sobre a rexión que durou cerca de 150 anos, o Reino de Israel, ata a súa conquista polos asirios no 721 a.C., e catro séculos para o Reino de Xudá, ata a súa conquista por Nabucodonosor II no 586 a.C. e a destrución do Templo de Salomón polos babilonios.[40] No 140 a.C. a revolta dos Macabeos levou ao estabelecemento do Reino Hasmoneu de Israel, cuxa existencia como reino independente durou 77 anos, ata a conquista de Xerusalén por Cneo Pompeio Magno no 63 a.C., cando se tornou nun reino tributario do Imperio Romano.[41]
Baixo o dominio asirio, babilónico, persa, grego, romano, bizantino e (brevemente) sasánido, a presenza xudía na rexión diminuíu a causa das expulsións en masa. En particular, o fracaso na revolta de Bar Kokhba contra o Imperio Romano no 132 deu como resultado a expulsión dos xudeus en grande escala. Durante este tempo os romanos deron o nome de Syria Palæstina á rexión xeográfica, nunha tentativa de apagar os lazos xudaicos coa terra. No entanto, a presenza xudía en Palestina mantívose, co traslado dos xudeus de Xudea á cidade de Tiberíades, en Galilea.[42] A principios do século XII aínda permanecían cerca de 50 familias xudías na cidade.[43] A Mishná e o Talmud de Xerusalén, dous dos textos xudeus máis importantes, foron compostos na rexión durante ese período. A terra foi conquistada ao Imperio Bizantino no 638 durante o período inicial das conquistas musulmás. O niqqudhebreo foi inventado en Tiberíades nesa época. A área foi dominada polos omíadas, despois polos abbásidas, cruzados, os coresmios e mongois, antes de se tornar parte do imperio dos mamelucos (1260-1516) e o Imperio Otomán en 1517.[44]
Aínda que a presenza xudía en Palestina ten sido constante, os xudeus que "estiveron sempre aló" reducíronse á pequena comunidade rural de Peki'in, árabes en todo excepto na relixión.[45] Durante os séculos XII e XIII, houbo un pequeno, mais constante movemento de inmigrantes xudeus cara á rexión, especialmente vidos do Norte de África.[46]
Despois do Decreto da Alhambra de 1492, moitos xudeus expulsados de España partiron á Terra Santa,[47] aínda que se estabeleceran nas cidades onde vivían da caridade e do halukka enviado polos compañeiros na diáspora.[45] Despois de 1517, baixo o dominio otomán, a rexión tornouse unha provincia esquecida do Imperio, declinando en poboación debido á extrema pobreza, impostos exorbitantes, enfermidades e falta de seguridade. A poboación era maioritariamente musulmá, da cal o 10% eran católicos. En 1777, xudeus europeos comezaron a regresar á rexión, xuntándose á pequena comunidade sefardí local.[48] Contra o 1800, a poboación xudía andaba polos tres millares,[45] vivindo sobre todo nas "Catro Cidades Sagradas", Xerusalén, Hebrón, Safed e Tiberíades. Sen preparación para a rudeza da rexión, sen conseguir emprego e impedidos de posuír terras, os xudeus europeos vivían na miseria, sobrevivindo, unha vez máis, do halukka.[48]
Xa na década de 1850, os xudeus chegarían mesmo a constituír polo menos a metade da poboación de Safed, Tiberíades e Xerusalén.[49][50]
Algunhas fontes afirman que a primeira grande onda de inmigración moderna, coñecida como a primeira Aliyah (hebreo: עלייה), comezou en 1881, cando os xudeus fuxían dos pogrom en Europa Oriental.[51] Outras, no entanto, presentan datos que demostran que os fluxos de inmigración xudía procedentes de Europa entre os anos 1880 a 1929 tiñan como destino na súa maior parte, os países americanos e non Palestina, a onde se dirixiu unha parte minoritaria de xudeus ata o inicio da segunda guerra mundial.[52]
Aínda que o movemento sionista xa existía, en teoría, Theodor Herzl foi considerado o fundador do sionismo político,[53] un movemento que inspirado no nacionalismo alemán pretendía estabelecer un Estado xudeu na terra de Israel, buscando unha solución estadista para a cuestión xudaica.[54] En 1896, Herzl publicou Der Judenstaat ("O Estado xudeu"), que ofrece a súa visión dun futuro Estado xudeu. Ao ano seguinte, el presidiu o primeiro Congreso Mundial Sionista.[55]
A segunda Aliyah (1904-1914), comezou despois do pogrom de Kishinev. Cerca de 40.000 xudeus estabelecéronse en Palestina.[51] Tanto a primeira como a segunda onda de inmigrantes foi principalmente de xudeus ortodoxos,[56] porén na Segunda Aliyah tamén foron algúns socialistas pioneiros que crearon o movemento kibbutz.[57] O 2 de novembro de 1917, durante a primeira guerra mundial, o ministro británico de Relacións Exteriores, Arthur Balfour emitiu o que foi coñecido como a Declaración de Balfour, que di "O goberno da Súa Maxestade encara favorablemente o estabelecemento en Palestina dun fogar nacional para o pobo xudeu…". A petición de Edwin Samuel Montagu e de Lord Curzon, introduciuse unha liña na declaración afirmando "que sexa claramente entendido que nada será feito que poida prexudicar os dereitos civís e relixiosos das comunidades non-xudías en Palestina, ou os dereitos e estatuto político usufrutuados polos xudeus en calquera outro país".[58]
A Lexión Xudía, un grupo de batallóns compostos sobre todo por voluntarios sionistas, asistira aos británicos na conquista de Palestina. A utilización do termo ambiguo "fogar nacional" alarmou aos árabes e, co fin de calmalos, o 7 de novembro de 1918 o Reino Unido asinou con Francia a Declaración Anglo-Francesa,[59] declarando como obxectivo común a ambos países "a liberación final e completa dos pobos que hai moito veñen sendo oprimidos polos turcos, e o estabelecemento de gobernos nacionais e administracións [en Siria, Iraq e Palestina] cuxa autoridade deriva do libre exercicio da iniciativa e escolla por parte das poboacións indíxenas".[60] Mentres, en 1919, nun memorando gobernamental interno, Balfour declarou que non tiña intención de consultar aos habitantes de Palestina sobre as súas aspiracións, contrariando así a Declaración de 1918 e a Declaración de Balfour na súa promesa de non prexudicar os dereitos civís e relixiosos das comunidades non-xudías de Palestina.[59] A oposición árabe a este plano levou aos disturbios de 1920 en Palestina e á formación da organización xudía coñecida como Haganah ("a Defensa", en hebreo), da cal máis tarde se separaron os grupos Irgun e Lehi.[61]
En 1922, a Liga das Nacións concedeu ao Reino Unido un mandato en Palestina en condicións semellantes á Declaración de Balfour.[62] A poboación da área entón era predominantemente musulmá, mentres que na maior área urbana da rexión, Xerusalén, era maioritariamente xudía.[63] A terceira (1919-1923) e a cuarta Aliyah (1924-1929) levaron a 100.000 xudeus a Palestina.[51] A partir de 1921 os británicos contiveron a inmigración xudía con cotas e a maioría do territorio designado para o estado xudeu foi situado en Transxordania.[64]
A ascensión do nazismo na década de 1930 levou á quinta Aliyah, cun fluxo de 250 mil xudeus. Este fluxo provocou a revolta árabe de 1936-1939, e levou aos británicos a conter a inmigración a través do Libro Branco de 1939. Con países de todo o mundo recibindo refuxiados xudeus fuxidos do Holocausto, un movemento clandestino coñecido como Aliyah Bet foi organizado para transportar xudeus a Palestina.[51] Ao final da segunda guerra mundial, os xudeus representaban o 33% da poboación de Palestina, cando en 1922 eran o 11%.[65]
Despois de 1942, co rexeitamento do Libro Branco de 1939 por parte dos líderes sionistas, o Reino Unido envolveuse cada vez máis nun conflito violento cos xudeus.[66] Varios ataques armados foron levados a cabo polos sionistas contra obxectivos británicos, dos cales destacan o asasinato do ministro de estado británico Lord Moyne no Cairo en novembro de 1944 polo Stern Gang, liderado por Yitzhak Shamir, e a explosión do Hotel King David polo Irgun, liderado por Menachem Begin, en 1946. A principios de 1947, o goberno británico, percibindo a carga política e económica que estaba a ser o conflito en Palestina, decidiu acabar co Mandato, declarando que era incapaz de chegar a unha solución aceptable para ambos os lados, árabes e xudeus.[67]
A Organización das Nacións Unidas, que fora creada uns anos antes, recomendou a aplicación do Plan de partición de Palestina, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas a través da Resolución 181, do 29 de novembro de 1947, propoñendo a división do país en dous Estados, un árabe e un xudeu. Segundo esta proposta, a cidade de Xerusalén tería un status de cidade internacional - un corpus separatum - administrada polas Nacións Unidas para evitar un posible conflito sobre o seu status.[68] A partición proposta polo Comité Especial das Nacións Unidas para Palestina (UNSCOP, polas siglas en inglés) concedía ao terzo de poboación xudía o 56% do territorio, deixando aos dous terzos árabes o 44% da terra. A división demográfica dos dous países significaba que no estado árabe deberían vivir 818.000 palestinos, hospedando 10.000 xudeus. No estado xudeu, vivirían 438.000 palestinos entre 499.000 xudeus. O novo Estado xudeu posuía a gran maioría das terras fértiles e, das 1.200 aldeas palestinas, aproximadamente 400 estaban incluídas no seu interior.[69][70]
A Axencia Xudía aceptou o plan,[71] aínda que nunca tivese afirmado que limitaría o futuro Estado xudeu á área proposta pola Resolución 181. O 30 de novembro de 1947 a Alta Comisión Árabe rexeitou o plan, coa esperanza de que o asunto fose revisado nunha proposta alternativa presentada. Nesta altura, a Liga Árabe non consideraba aínda unha intervención armada en Palestina, á cal se opuña a Alta Comisión Árabe.[72] Ao día seguinte ao rexeitamento do plan, o conflito armado estendeuse a toda Palestina. As organizacións paramilitares sionistas, en especial o Haganah e os voluntarios internacionais que se lles uniron, iniciaron o que David Ben Gurion chamou a "defensa agresiva", na cal calquera ataque árabe sería respondido de forma decisiva, con destrución do lugar, expulsión dos seus moradores e captura da posición. En marzo de 1948 foi posto en práctica o Plan Dalet, co obxectivo de capturar aldeas, barrios e cidades árabes. Ao mes seguinte, dous importantes acontecementos xeraron ondas de choque a través de Palestina e de todo o mundo árabe: a morte de Abd al-Qader al-Husseini defendendo a aldea árabe de Al-Qastal, e o masacre da aldea de Deir Yassin, perpetrado polo Irgun e o Stern Gang. Estes acontecementos levaron aos países árabes, reunidos na Liga Árabe, a considerar unha intervención en Palestina cos seus exércitos regulares.[73] A economía árabe-palestina esborrallouse e 250.000 árabes-palestinos fuxiron ou foron expulsados.[74]
O 14 de maio de 1948, un día antes da fin do Mandato británico, a Axencia Xudía proclamou a independencia, nomeando o país de Israel. Ao día seguinte, cinco países da Liga Árabe, Exipto, Siria, Xordania, Líbano e Iraq, apoiados por Arabia Saudita e por Iemen, invadiron[75] o territorio do antigo Mandato británico de Palestina, iniciando a guerra árabe-israelí de 1948.[76]Marrocos, Sudán, Iemen e Arabia Saudita tamén enviaron tropas para axudar aos invasores. Despois dun ano de combates, declarouse un cesamento do fogo e unha fronteira temporal, coñecida como Liña Verde, foi estabelecida. Os territorios anexionados de Xordania tornáronse coñecidos como Cisxordania e Xerusalén Oriental, Exipto asumiu o control da franxa de Gaza.
Israel foi admitido como membro das Nacións Unidas o 11 de maio de 1949.[77] Durante o conflito de 1948, 711.000 árabes, de acordo con estimacións das Nacións Unidas, ou cerca do 80% da poboación árabe anterior, fuxiron do país.[78] O destino dos refuxiados palestinos é, dende sempre, un gran punto de discordia no conflito israelo-palestino.[79][80] En represalia, os gobernos de diversos países árabes e musulmáns iniciaron unha política de persecución e expulsión das súas poboacións xudías, que deu como resultado o éxodo de cerca de 850 mil persoas, a maioría absorbida por Israel, entre o final da década de 1940 e o inicio da década de 1970.[81][82]
Nos primeiros anos do Estado, o Sionismo socialista, movemento sionista liderado polo daquela primeiro ministro David Ben-Gurion dominaba a política israelí.[83][84] Eses anos estiveron marcados pola inmigración masiva dos sobreviventes do Holocausto e un influxo de xudeus perseguidos en terras árabes. A poboación de Israel aumentou de 800.000 a dous millóns entre 1948 e 1958.[85] A maioría dos refuxiados chegaron sen posesións e foron aloxados en campamentos temporais coñecidos como ma'abarot. En 1952, máis de 200.000 inmigrantes vivían nestas "cidades tenda". A necesidade de resolver a crise levou a Ben-Gurion a asinar un acordo con Alemaña Occidental que desencadeou protestas en masa de xudeus que eran contrarios á idea de que Israel "fixera negocios" con Alemaña.[86]
Durante a década de 1950, Israel foi atacado constantemente por militantes, principalmente a partir da franxa de Gaza, que estaba baixa control exipcio.[87] En 1956, Israel creou unha alianza secreta co Reino Unido e Francia destinada a recapturar o canal de Suez, que os exipcios tiñan nacionalizado (ver guerra de Suez). A pesar da captura da península do Sinaí, Israel foi forzado a recuar debido á presión dos Estados Unidos e da Unión Soviética, a cambio de garantías de dereitos marítimos no mar Vermello e no Canal.[88]
No inicio da década seguinte, Israel capturou a Adolf Eichmann, un dos creadores da solución final escondido na Arxentina, e trasladouno para o seu xuízo.[89] O xuízo tivo un impacto importante sobre a conciencia do público sobre o Holocausto,[90] Eichmann foi a única persoa executada por Israel,[91] aínda que John Demjanjuk tivera sido condenado a morrer antes de ter sido anulada a súa condena pola Corte Suprema de Israel.[92]
O fracaso dos Estados Árabes na guerra de 1967 levou ao nacemento de organizacións non-gobernamentais árabes no conflito, sendo a máis importante a Organización para a Liberación de Palestina (OLP), que foi concibida baixo o lema "a loita armada como única forma de liberar a patria."[97][98] A finais da década de 1960 e principios da década de 1970, grupos palestinos[99][100] lanzaron unha onda de ataques contra obxectivos israelís ao redor do mundo,[101] incluíndo un masacre de atletas israelís nos Xogos Olímpicos de 1972, en Múnic (Alemaña). Israel respondeu coa Operación Cólera de Deus, no curso da cal os responsables do masacre de Múnic foron encontrados e executados.[102] O 6 de outubro de 1973, no Yom Kippur, día máis santo do calendario hebreo, os exércitos de Exipto e Siria lanzaron un ataque sorpresa contra Israel. A guerra terminou o 26 de outubro co éxito israelí, que conseguiu repeler as forzas exipcias e sirias, porén sufrindo grandes perdas.[103] Unha investigación interna exonerou o goberno israelí da responsabilidade polo conflito, porén a insatisfacción popular forzou á entón primeira ministra Golda Meir a renunciar.[104]
As eleccións de 1977 do Knesset marcaron unha virada importante na historia política israelí, cando Menachem Begin do Partido Likud asumiu o control do Partido Laborista.[105] Máis tarde, o mesmo ano, o entón Presidente exipcio Anwar el-Sadat realizou unha visita a Israel e falou ante o Knesset, esta foi a primeira vez que un xefe de Estado árabe recoñeceu o Estado de Israel.[106] Nos dous anos seguintes, Sadat e Menachem Begin asinaron o Acordo de Camp David e o Tratado de Paz Israel-Exipto.[107] Israel retirouse da península do Sinaí e concordou en iniciar negociacións sobre unha posible autonomía para os palestinos en toda a Liña Verde, un plan que nunca foi executado. O goberno israelí comezou a fomentar asentamentos xudeus no territorio da Cisxordania, creando conflitos cos palestinos que vivían nesas áreas.[108]
O 7 de xuño de 1981, Israel bombardeou masivamente o reactor nuclearOsirak en Iraq durante a chamada Operación Ópera, co fin de deshabilitalo. A intelixencia israelí tiña sospeitas de que Iraq pretendía empregar este reactor para o desenvolvemento de armas nucleares. En 1982, Israel interveu na guerra civil libanesa, destruíndo as bases da Organización para a Liberación de Palestina, que, en resposta, lanzou ataques de mísiles ao norte de Israel. Ese movemento desenvolveuse na guerra do Líbano de 1982.[109] Israel retirou a maior parte das súas tropas do Líbano en 1986, mais mantivo unha "zona de seguridade" ata 2000. A Primeira Intifada, un levantamento palestino contra Israel, comezou en 1987,[110] con ondas de violencia nos territorios ocupados. Ao longo dos seis anos seguintes, máis de mil persoas morreron, moitas delas por actos internos de violencia dos palestinos.[111] Durante a guerra do Golfo en 1991, a OLP e os palestinos apoiaron os ataques de mísiles lanzados contra Israel polo líder iraquí Saddam Hussein, na tentativa de provocar a entrada de Israel na guerra.[112][113]
En 1992, Yitzhak Rabin converteuse no primeiro ministro, el e o seu partido estabeleceron compromisos cos veciños de Israel.[114][115] Ao ano seguinte, Shimon Peres e Mahmoud Abbas, en nome de Israel e da OLP, asinaron os Acordos de paz de Oslo, que deron á Autoridade Nacional Palestina o dereito de autogobernar partes de Cisxordania e da franxa de Gaza.[116] A intención era o recoñecemento do dereito do estado de Israel a existir, e un xeito de poñer fin ao terrorismo. O 26 de outubro de 1994 foi asinado o Tratado de paz Israel-Xordania, sendo Xordania o segundo país árabe que normalizou as súas relacións con Israel.[117] O apoio público dos árabes aos Acordos foi danado polo Masacre do Túmulo dos Patriarcas,[118] pola continuación dos asentamentos xudeus, e pola deterioración das condicións económicas. O apoio da opinión pública israelí aos Acordos diminuíu cando Israel foi alcanzado por ataques suicidas palestinos.[119] En novembro de 1995 o asasinato de Yitzhak Rabin por un militante de extrema dereita xudeu, impactou ao país.[120]
Ao final da década de 1990, Israel, baixo o liderado de Benjamin Netanyahu, retirouse de Hebrón,[121] asinando o Memorando de Wye River, dando maior control da rexión á Autoridade Nacional Palestina.[122]Ehud Barak, elixido primeiro ministro en 1999, comezou por retirar as forzas israelís do sur do Líbano, realizando negociacións coa Autoridade Palestina, dirixida por Yasser Arafat, e o daquela Presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton, durante o Cumio de Paz de Camp David de 2000. Durante este cumio, Barak ofreceu un plan para o estabelecemento dun Estado palestino na franxa de Gaza e o 91% da Cisxordania, retendo porén o control sobre todas as fronteiras e principais cursos de auga, e anexando definitivamente o 12% do Val do Xordán, a rexión máis fértil de Cisxordania, a favor de Israel, reservándose aínda o dereito de permanecer entre 12 e 30 anos noutro 10% desa rexión.[123] Yasser Arafat rexeitou o acordo, esixindo como precondición para as negociacións a retirada de Israel ás fronteiras de xuño de 1967.[124] Logo do fracaso das negociacións comezou a Segunda Intifada.[125][126]Ariel Sharon foi escollido como novo primeiro ministro en 2001 durante unha elección especial. Durante o seu mandato, Sharon realizou o seu plan de retirada unilateral da franxa de Gaza e tamén liderou a construción da barreira israelí de Cisxordania, coñecido tamén como "Muro da Vergoña" por ser erixido para separar pobos.[127][128] En xaneiro de 2006, despois de sufrir un ictus que o deixou en coma, Ariel Sharon deixou o cargo e as súas competencias foron transferidas ao gabinete de Ehud Olmert.[129]
O 27 de novembro de 2007, o primeiro ministro israelí Ehud Olmert e o Presidente palestino Mahmoud Abbas concordaron en negociar sobre todas as cuestións e loitar por un acordo ata o final de 2008. En abril de 2008, o presidente sirio Bashar al-Assad declarou a un xornal qatarí que Siria e Israel viñan de discutir un tratado de paz durante un ano, con Turquía como mediador. Isto foi confirmado por Israel en maio de 2008.[133]
A finais de decembro de 2008, o alto ao fogo entre Hamas e Israel acabou despois de que foran disparados varios foguetes dende a franxa de Gaza, controlada por Hamas. Israel respondeu cunha serie de intensos ataques aéreos.[134] En resposta producíronse protestas en todo o mundo.[135] O 3 de xaneiro de 2009, tropas israelís entraron en Gaza, marcando o inicio dunha ofensiva terrestre.[136]
En xullo de 2014 estoupou a Operación Marxe Protectora entre as forzas militares de Israel e Hamas na franxa de Gaza.[137] A guerra, que durou case dous meses, matou máis de 2 000 persoas, incluíndo 70 israelís.[138]
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente.
O Estado de Israel, ten unha superficie total de 27.800 km², está delimitado dentro das liñas de alto o fogo e do autogoberno de Palestina. Ocupa un territorio alongado e estreito de norte a sur na beira do Mediterráneo, cunha lonxitude de norte a sur de 470 km, e cunha anchura máxima de 135 km. Comparte fronteiras co Líbano, Siria, Xordania, Exipto e o mar Mediterráneo.[139][140][141] Dividido en catro rexións xeográficas - tres franxas paralelas e unha grande área árida - ten na súa planicie costeira do Mediterráneo os sitios máis fértiles, que se estenden un total de corenta quilómetros cara ao interior do país. Ao nordeste, nacen as súas cadeas montañosas, onde se localiza a meseta do Golán, formado por rochas de basalto, formadas como resultado de erupcións volcánicas, que rodean o val de Hula. Seguindo a cadea rochosa, localízanse as montañas de Galilea, compostas de rocha calcaria branda e dolomita, que acadan ata 1.200m de altura. A metade sur do país está formada polo deserto do Neguev, onde enxeñeiros agrícolas investigan novas formas de regadío e de contención da desertización.
Seguindo as cadeas montañosas discorren cursos de auga que manteñen a rexión verde durante todo o ano. Entre as montañas de Galilea e de Samaria, encóntrase o Val de Jizreel, que é a rexión máis agrícola do país. Seguindo a cadea rochosa cara ao sur, atópase o Neguev, que ocupa case a metade do territorio.[142] Máis adiante, esta área tórnase máis árida, composta de planicies de arenito en cumios de pedras, cráteres, mesetas, montañas aínda máis altas e tres cráteres erosivos, cuxa maior lonxitude é de 35 km, de clima seco. Próximo a Eilat e ao mar Vermello, a paisaxe presenta agudas elevacións compostas por granito cinza e vermello, e arenito. Ao oriente, percíbese a fenda sirio-africana, que divide a codia terrestre. Ao contrario do sur semiárido, o oriente é a súa área setentrional e fértil, amais de ser atravesada de norte a sur polo río Xordán, que posúe un total de trescentos quilómetros. Este río, nacido das neves do monte Hermón derretidas no verán, atravesa o val do Hula, e o mar de Galilea, a maior reserva de auga potable do país situado entre as montañas e a meseta de Golán, e desemboca no mar Morto, o punto máis baixo da superficie terrestre.[143][nota 5] Mesmo cheo durante a estación de chuvias, o río Xordán é pouco profundo e estreito, cunha profundidade máxima de 5,20 metros e un ancho máximo de 18,30 metros.[144] Ao sur do mar Morto, encóntrase o Aravá,[145] chamada a sabana de Israel, que se estende ata o golfo de clima subtropical e augas profundas, con arrecifes de coral e unha variada fauna mariña.[146]
Capítulo a parte merece o uso da auga. Israel ten contadas fontes de obtención do líquido elemento: o río Xordán, o lago Kineret e uns poucos ríos pequenos. En 1964 finalizou a construción do Acueduto Nacional, que transporta auga dende o norte fértil ata o semiárido sur. Este acueduto é fundamental para o desenvolvemento económico israelí e obxectivo dos grupos fundamentalistas.
Clima
As temperaturas en Israel varían amplamente, especialmente durante o inverno. As zonas costeiras, como Tel Aviv ou Haifa, teñen un típico clima mediterráneo con invernos fríos e chuviosos, e veráns longos e calorosos. A zona de Bersebá, ó norte do Neguev, teñen un clima semiárido con veráns calorosos, invernos fríos, e menos días de choiva que no clima mediterráneo. As zonas do sur do Neguev e Arava teñen un clima desértico con veráns moi secos e calorosos, e invernos suaves con poucos días de choiva. A temperatura máxima no continente asiático (53,7 °C) rexistrouse en 1942 na localidade de Tirat Zvi no norte do val do río Xordán.[147] No outro extremo, as rexións montañosas poden ser ventosas, frías, e as zonas a 750 m de altitude ou máis (mesma altitude que Xerusalén) reciben habitualmente canto menos un día de precipitacións en forma de neve cada ano.[148]
De maio a setembro, as choivas en Israel son raras.[149][150] Con escasos recursos hídricos, Israel desenvolveu diversas tecnoloxías de aforro de auga, como a irrigación por goteo.[151] Os israelís tamén aproveitan a considerable luz solar da que dispoñen para obter enerxía solar, facendo de Israel o país líder no uso de enerxía solar per cápita (practicamente todas as casas empregan paneis solares para quentar a auga).[152]
No país existen catro rexións fitoxeográficas, debido á súa localización entre as zonas temperada e tropical, bordeando o mar Mediterráneo ao oeste, e o deserto no leste. Por esta razón, a flora e a fauna de Israel é extremadamente diversa. Hai 2.867 especies coñecidas de plantas, das cales 253 especies son introducidas e non nativas.[153] Hai 380 reservas naturais en Israel.[154]
A fauna e a flora de Israel son diversas debido, en parte, á súa localización na confluencia de tres continentes. Polo que se refire á vida vexetal, catalogáronse máis de 2.800 plantas, entre o papiro e a peonia vermello-coral brillante. Ao longo do territorio hai unha mestura de flores cultivadas e plantas autóctonas: lirio, azucena e tulipán, mestúranse co azafrán e a escila, chamadas litófitas.[155]
No que respecta á vida animal de Israel, hai unha gran variedade de especies de bolboretas, unhas 135, e paxaros, sobre 380. Gacelas, raposos, gatos monteses e outros mamíferos, forman a fauna dos bosques; nos desertos rochosos viven cabras montesas; e camaleóns e cobras únense a oitenta especies nativas de lagartos. Para preservar a vida das especies animais e vexetais, o goberno creou o Fondo Nacional Xudeu, que actúa na acumulación de auga, na reforestación e no seu mantemento. Amais diso, adoptáronse severas leis coa fin de preservar a vida natural, tornando un acto ilegal mesmo a retirada dunha flor nacida na beira da estrada; e a concienciación da poboación promóvese a través de actos públicos como excursións guiadas, campañas de información, publicacións, e dentro das escolas.[155]
As eleccións parlamentarias realízanse cada catro anos, mais o Knesset pode disolver o goberno en calquera momento, por falta de confianza na votación. O proceso de paz, o papel da relixión no estado e escándalos políticos teñen causado a ruptura de coalicións ou a anticipación das eleccións.[158] As Leis Básicas de Israel funcionan como unha constitución non escrita. En 2003, o Knesset comezou a redactar unha constitución oficial baseada nestas leis.[5][159]
Israel carece dunha Constitución, rexen leis que se van incorporando á lexislación dende a independencia. En Israel existe a separación dos tres poderes:
Sistema lexislativo. Asemblea (Knesset), composta por 120 membros elixidos cada catro anos por sufraxio universal.
Sistema xudicial.Tribunal Supremo, tribunais superiores e ordinarios. Asemade hai tribunais relixiosos e militares.
Sistema xudicial
O sistema xudicial de Israel ten tres niveis. O nivel máis baixo son maxistrados xudiciais, situados na maioría das cidades do país. Por riba destes hai tribunais de comarca, que actúan á vez como tribunais de apelación e tribunais de primeira instancia, están situados en cinco dos seis distritos de Israel. O terceiro nivel, e o máis alto, é o Tribunal Supremo, situada en Xerusalén. Ten un papel dobre como o máis alto tribunal de apelación e Tribunal Supremo de Xustiza. Nesta última función, o Tribunal Supremo dita as regras como un tribunal de primeira instancia, permitindo que os individuos, os cidadáns e non cidadáns, fagan unha petición contra as decisións das autoridades estatais.[162][163]
A Lei Básica: Dignidade Humana e Liberdade busca defender os dereitos humanos e as liberdades en Israel.[165] Israel foi clasificado en 2009 como "libre" pola Freedom House en función do nivel dos dereitos civís e políticos;[166] os "Territorios Ocupados Israel/Autoridade Palestina" foron clasificados como "non-libres."[167] A Freedom House clasificou o país como "parcialmente libre" en termos de liberdade de prensa.[168] Grupos como Amnistía Internacional[169] e Human Rights Watch,[170] reprochan a Israel en relación aos dereitos humanos no conflito árabe-israelí. As liberdades civís de Israel permiten a autocrítica, a partir de grupos como B'Tselem, unha organización israelí de dereitos humanos.[171]
Os Estados Unidos, Turquía, Alemaña, o Reino Unido e a India están entre os máis próximos aliados de Israel. Un estudo revelou que a India era a nación máis pro-Israel do mundo seguida polos Estados Unidos.[180] Os Estados Unidos foron o primeiro país que recoñeceu o Estado de Israel, seguidos pola Unión Soviética. Os E.U.A. consideran a Israel como o seu principal aliado no Suroeste Asiático, baseado en valores políticos e relixiosos comúns.[181] Aínda que Turquía non estableceu relacións diplomáticas integrais con Israel ata 1991,[182] o país ten colaborado co Estado de Israel desde o seu recoñecemento en 1949. Os lazos de Turquía coas outras nacións musulmás, ás veces, resultou en presións dos países árabes para que o país cesase as súas relacións con Israel.[183]Alemaña posúe fortes lazos con Israel en materia de cooperación científica e educativa máis aló de que os dous estados teñen fortes socios económicos e militares.[184]India estabeleceu lazos diplomáticos plenos con Israel en 1992 e ten promovido fortes asociacións militares e culturais co país dende aquela.[185] Reino Unido mantén integralmente as súas relacións diplomáticas con Israel dende a súa formación. Ten tamén unha forte relación comercial, Israel é o seu 23º maior mercado. As relacións entre os dous países tamén foran feitas polo primeiro ministro anterior, Tony Blair. Reino Unido descríbese como un país cunha relación sólida con Israel, mais con diferenzas de opinión.[186]Irán tiña relacións diplomáticas con Israel durante a dinastía Pahlavi,[187] mais retirou o recoñecemento de Israel durante a revolución iraniana.[188] Israel e o Vaticano estabeleceron as súas relacións diplomáticas o 30 de decembro de 1993, durante o papado de Xoán Paulo II.[189][190]
As Forzas de Defensa de Israel (FDI) están formadas polo exército, a mariña e a forza aérea israelí. Foron fundadas durante a guerra árabe-israelí de 1948 por organizacións paramilitares - principalmente Haganah - que precedeu á creación do Estado de Israel.[191] A FDI tamén usa os recursos da Dirección de Intelixencia Militar (Aman), que traballa co Mosad e o Shabak.[192] A participación das Forzas de Defensa de Israel en grandes guerras e conflitos fronteirizos converteuna nunha das forzas armadas máis capacitadas do mundo.[193][194] A maioría dos israelís son convocados para o servizo militar obrigatorio aos 18 anos de idade. Os homes deben servir durante tres anos e as mulleres dous.[195] Logo do servizo militar obrigatorio, os homes israelís únense á forza militar de reserva durante varias semanas cada ano ata cumprir 40 anos de idade. A maioría das mulleres están exentas do deber da reserva. Os árabes israelís (coa excepción dos drusos) e aqueles que exercen estudos relixiosos a tempo completo están exentos do servizo militar.[196] Unha alternativa para aqueles que reciben exencións por varios motivos é o Sherut Leumi, ou servizo nacional, que consiste nun programa de servizos en hospitais, escolas e outros marcos de benestar social. Como resultado do seu programa de recrutamento, a FDI mantén aproximadamente 168.000 tropas activas e 408.000 reservistas adicionais.[197]
As forzas armadas do país dependen en gran medida de sistemas de armas de alta tecnoloxía fabricados en Israel, amais dalgunhas importacións. Os Estados Unidos son un dos maiores contribuíntes; estímase que proporcionen ao país 30 billóns de dólares en axuda militar entre os anos 2008 e 2017.[198] O mísilArrow, desenvolvido polos Estados Unidos de América e por Israel, é un dos únicos sistemas de mísiles antibalísticos operativos no mundo.[199] Dende a guerra do Yom Kippur, Israel ten desenvolvido unha rede de satélites de recoñecemento. O éxito do programa Ofeq fixo de Israel un dos sete países capaces de desenvolver, fabricar e lanzar satélites dese tipo de xeito independente.[200] O país tamén desenvolveu o seu propio carro de combate, o Merkava. Dende a súa creación, Israel ten gastado unha parte importante do seu produto interno bruto en defensa. En 1984, por exemplo, o país gastou o 24%[201] do seu PIB en defensa. Hoxe, ese número caeu a cerca dun 10%.[202]
Israel non asinou o Tratado de Non Proliferación Nuclear e mantén unha política de ambigüidade deliberada sobre a súa capacidade nuclear, a pesar de ser amplamente considerado como posuidor de armas nucleares.[203] Despois da guerra do Golfo en 1991, cando o país foi atacado por mísiles Scud iraquís, foi aprobada unha lei esixindo que todos os apartamentos e casas en Israel deberían ter unha mamad, unha sala de seguridade reforzada e impermeable a substancias químicas e biolóxicas.[204]
Dereitos humanos
En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Israel firmou ou ratificou:
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes.
En 2014 a Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Navi Pillay, solicitou a Israel que asuma as súas responsabilidades polas "crecentes evidencias de crimes de guerra" perpetrados polo Exército israelí en Gaza.[211][212]
O Estado de Israel está dividido en seis principais distritos administrativos, coñecidos como mehozot (מחוזות; singular: mahoz) - Centro, Haifa, Xerusalén, Norte, Sur e Tel Aviv. Os distritos divídense en quince subdistritos coñecidos como nafot (נפות; singular: ANPA), que á súa vez están divididos en cincuenta rexións naturais.[213]
As estatísticas do goberno israelí sobre Xerusalén inclúen a poboación e o territorio de Xerusalén Oriental, que é amplamente recoñecida como parte dos territorios palestinos baixo a ocupación de Israel.[217]Tel Aviv, Haifa e Rishon LeZion son as seguintes cidades máis populosas do país, con 384.600, 267.000 e 222.300 habitantes respectivamente.[218]
O termo "territorios ocupados por Israel" tamén foi usado para englobar a franxa de Gaza, que foi ocupada por Exipto e tomada por Israel en 1967. En 2005, Israel desocupou a franxa de Gaza e retirou catro asentamentos en Cisxordania, como parte do seu plano de retirada unilateral. No entanto, Israel continúa a controlar o acceso ao espazo aéreo e marítimo de Gaza. Israel tamén regulamenta as viaxes e o comercio de Gaza co resto do mundo.[220] O interior do territorio está baixo o control de Hamas, partido maioritario no Consello Lexislativo Palestino, cuxo brazo armado executou desde os anos 1990 varios atentados terroristas contra Israel como o atentado suicida do Dizengoff Center e o atentado terrorista da pizzaría Sbarro.[221][222][223][224]
No transcurso da captura deses territorios por Israel, establecéronse dentro de cada un deles asentamentos construídos por cidadáns israelís. Israel aplica as súas leis no Golán e Xerusalén Oriental, incorporándoos ao seu territorio e ofrecendo aos seus habitantes o status de residentes permanentes e a posibilidade de obter da cidadanía israelí, no caso de que eles a soliciten. En contraste, Cisxordania ten permanecido baixo ocupación militar e é largamente vista xunto coa franxa de Gaza - por parte de Israel, polos palestinos e pola comunidade internacional - como o lugar dun futuro Estado palestino. O Consello de Seguridade declarou que a incorporación de Xerusalén Oriental e dos altos do Golán é "nula e sen efecto" e continúa a consideralos territorios ocupados.[225][226]
O status de Xerusalén Oriental, en calquera posible acordo de paz, ten sido visto por veces como un obstáculo difícil nas negociacións entre os gobernos de Israel e representantes dos palestinos. A maioría das negociacións relativas aos territorios danse con base na Resolución 242 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, que pide a Israel que desocupe os territorios ocupados na busca da normalización das relacións cos países árabes, un principio coñecido como "terra pola paz".[228]
Cisxordania conta cunha poboación constituída principalmente por árabespalestinos, incluíndo os residentes históricos dos territorios e dos refuxiados da guerra árabe-israelí de 1948.[229] Desde a ocupación en 1967 ata 1993, os palestinos que viven neses territorios estaban baixo a administración militar israelí. Dende que foron asinadas as cartas de recoñecemento entre Israel e a Organización para a Liberación de Palestina, a maioría da poboación palestina e as súas cidades teñen estado baixo o control da Autoridade Palestina e por un control militar parcial por parte dos israelís, aínda que Israel en diversas ocasións ten reorganizado as súas tropas e restituído a plena administración militar durante períodos de grande axitación. Como resposta aos ataques cada vez máis numerosos como parte da Segunda Intifada, o goberno israelí iniciou a construción do chamado "Muro de Cisxordania",[230] que segundo a oficina da organización de dereitos humanos israelí B'Tselem está parcialmente construído dentro do territorio de Cisxordania.[231]
A franxa de Gaza foi ocupada por Exipto de 1948 a 1967 e posteriormente por Israel, de 1967 a 2005. En 2005, como parte do plan de retirada unilateral, Israel retirou todos os seus colonos e forzas do territorio palestino. No entanto, Israel continúa a controlar o espazo aéreo e o acceso marítimo da franxa de Gaza e ten enviado tropas á zona.[232] Gaza fai fronteira con Exipto. Un acordo entre Israel, a Unión Europea, a Autoridade Palestina e Exipto estabeleceu como podería ser feita a pasaxe da fronteira (o que estaba monitorado por observadores europeos).[233] No entanto a elección dun goberno de Hamas levou problemas na súa aplicación, o que ten ocasionado o peche da pasaxe da fronteira a maior parte do tempo.[234] O interior da franxa de Gaza é gobernado polo goberno de Hamas.[235]
A pesar de que os fundadores do moderno estado de Israel procuraran establecer unha utopía de corte socialista no novo país, a realidade foi ben distinta, manténdose a economía cooperativa só nos kibbutzs (colonias agrarias autosuficientes). Hoxe en día Israel ten unha economía baseada na liberdade de mercado aínda que con forte inxerencia do goberno.[236]
A pesar dos limitados recursos naturais, o intensivo desenvolvemento industrial e da agricultura ao longo das últimas décadas fixo que Israel se tornase amplamente autosuficiente na produción de alimentos, especialmente cereais e carne. Entre os produtos máis importados por Israel, totalizando 47,8 billóns de dólares en 2006, inclúense combustibles fósiles, as materias primas e equipamentos militares. Os produtos que Israel exporta máis son froitas, vexetais, produtos farmacéuticos, software, produtos químicos, tecnoloxía militar e diamantes. En 2014, o volume de exportacións do país chegou aos 63,34 billóns de dólares.[245] Amais disto, en 2010 Israel anunciou o descubrimento dun campo de gas natural nas súas augas costeiras, o que reducirá a súa dependencia das importacións de enerxía, e que mesmo podería convertelo nun exportador de gas.[246]
En 2010, o "IMD's World Competitiveness Yearbook" clasificou a Israel no 17º lugar entre as nacións máis desenvolvidas economicamente. Tamén foi clasificado nesa mesma publicación como a economía máis duradeira en tempos de crise, e en primeiro lugar no nivel de investimentos en investigacións e en centros de desenvolvemento.[255] Ese mesmo ano, foi convidado a adherirse á OCDE.[256] Israel posúe o segundo maior número de compañías start-up do mundo, por detrás dos Estados Unidos.[257] A pesar diso, a produtividade por traballador do país é unha das máis baixas entre os membros da OCDE.[258]
O turismo, especialmente o turismo relixioso, é outra importante fonte de ingresos en Israel. Cun clima mediterráneo, praias, sitios arqueolóxicos e históricos, amais da única xeografía, o país atrae millóns de turistas cada ano. Os problemas de seguridade de Israel afectan a industria do turismo, mais o número de turistas continúa a aumentar.[259] En 2008, máis de 3 millóns de turistas visitaron Israel.[260] As indicacións turísticas nas estradas son abundantes, e de xeito simultáneo en tres idiomas: hebreo, árabe e inglés, nesta orde.
Israel ten a maior esperanza de vida escolar do suroeste asiático, e está empatado co Xapón na segunda maior esperanza de vida escolar do continente asiático (Corea do Sur está en primeiro lugar).[262] O país tamén ten a maior taxa de alfabetización do suroeste asiático, de acordo cos datos da Organización das Nacións Unidas.[263] A Lei de Educación do Estado, promulgada en 1953, estabeleceu cinco tipos de escolas: estado laico, o estado relixioso, ultra ortodoxo, escolas municipais e escolas árabes. O ensino público secular é o maior grupo escolar e é frecuentado pola maioría dos alumnos xudeus e non-árabes en Israel. A maioría dos árabes envían os seus fillos ás escolas onde o árabe é a lingua de instrución.[264] O ensino en Israel é obrigatorio para nenos dos tres aos dezaoito anos de idade.[265][266] A escolarización está dividida en tres niveis - a escola primaria (cursos 1/6), escola media (cursos 7/9) e ensino medio (cursos 10/12) - terminando cunha serie de exames de matrícula en varias materias. As notas nestes exames constan no diploma nacional estandarizado - o diploma Bagrut. O dominio de materias básicas como as matemáticas, Biblia, hebreo, literatura hebrea e xeral, inglés, historia, educación cívica e unha materia a elección é necesaria para recibir un certificado Bagrut.[267] Nas escolas árabes, cristiás e drusas, os estudos bíblicos son substituídos por exames baseados na cultura islámica, cristiá ou drusa.[268] En 2003, máis da metade dos alumnos do último curso do ensino secundario conseguiron pasar en todos os exames para recibir o diploma Bagrut.[269]
Considerado un país pequeno, Israel necesitou ser preciso e xeneroso na distribución de recursos para o sector da ciencia e tecnoloxía: o 40% dos fondos destínase ao progreso científico. Nesta rama, inviste con calidade competitiva internacional non só nunha área, senón en varias, sendo tres delas as principais: industrial, agrotecnolóxica e médica. Desde a súa fundación, o Estado de Israel inviste na procura, en primeiro lugar, para solucionar as dificultades encontradas na súa terra infértil, tornándose o pioneiro en biotecnoloxía agrícola, irrigación por goteo, a solarización dos solos, a reciclaxe de augas residuais para uso agrícola, e a utilización da enorme reserva subterránea de auga salobre do Negev.[287] Na área médica, o seu crecemento deuse a partir da primeira guerra mundial, logo da fundación do Centro Hebreo de Saúde, e continuou a ampliarse, agora nos departamentos de bioquímica, bacterioloxía, microbioloxía e hixiene da Universidade Hebrea de Xerusalén, que iniciaron a base do Centro Médico Hadassa, a institución de maior importancia nacional na área. Relacionado coa industria, o desenvolvemento centrouse nos laboratorios próximos ao mar Mediterráneo, onde foi creado o Instituto de Tecnoloxía Technion-Israel, cuxos investimentos son destacados na óptica, na computación, na aeronáutica, na robótica e na electrónica.[288][289] Inserido nesta área, está o departamento de Investigación e Desenvolvemento, cuxas funcións están relacionadas coas telecomunicacións, produción eléctrica e de enerxía, e administración de recursos hídricos, ligado á industria e á agricultura.[290] Entre os seus profesionais están os chegados da extinta Unión Soviética, dos cales o 40% eran graduados universitarios e axudaron a impulsar a Israel no sector da alta tecnoloxía.[275] Internacionalmente, Israel posúe cinco científicos que foron galardoados co Premio Nobel: tres en química e dous en economía.[291] O físico estadounidense David Gross, galardoado co Nobel de Física, é licenciado e mestre pola Universidade Hebrea de Xerusalén.[292] En 2010, o israelí Elon Lindenstrauss, matemático novo desa mesma universidade, recibiu a Medalla Fields, considerada o "Nobel das matemáticas".[293]
Israel inviste moito en enerxía solar, con enxeñeiros na vangarda dese tipo de tecnoloxía.[295] As súas empresas traballan en proxectos ao redor de todo o mundo,[296][297] e máis do 90% dos fogares israelís empregan enerxía solar para quentar a auga, o que dá un aforro do 8% no seu consumo de enerxía anual.[298][299][300]
Forma parte da rutina da xente de Israel manterse informado sobre as noticias do país e do mundo. A liberdade de prensa é respectada polo goberno, excepto no que se refire a asuntos de seguridade nacional, que é censurada. Para mantérense actualizadas e informadas, as persoas contan coa presenza de máis de doce xornais diferentes en hebreo, e innumerables noutros idiomas. O total é impreciso, mais son máis de mil periódicos entre xornais e revistas. A radio, outro medio de comunicación de masas no país, ten como unha das maiores representantes á emisora Kol Israel ("Voz de Israel" en galego), tamén existente en televisión, que opera oito estacións de radio, en dezasete idiomas, con emisoras musicais, para chegar a todos os públicos. Neste medio de comunicación existe tamén unha radio destinada especificamente aos soldados, e un sistema de transmisión en ondas curtas, tamén en varios idiomas e destinado a oíntes doutras nacións, co fin de fornecer unha fonte segura de información sobre Israel, Oriente Medio e o xudaísmo. A televisión xurdiu en 1967 e mantén a súa canle estatal desde o inicio da mañá ata o principio da madrugada, en tres idiomas con programación informativa e educativa. Unha canle comercial reserva horas da súa programación tamén para a educación. Ademais, Israel conta con outras canles independentes e con televisión por cable, que alcanza case toda a nación. Os seus servizos de radiodifusión son financiados pola propaganda e por unha taxa pagada polos consumidores.[311]
Para a telecomunicación, que inclúe a telefonía e os servizos de Internet, Israel ocupou, ata 2001, un total de máis de 2,8 millóns de liñas directas, usando unha rede 100% dixital, proporcionando un servizo avanzado aos clientes. No ano 2000, o Ministerio de Comunicacións publicou propostas para servizos de telefonía fixa no mercado interior, incluída a entrada web vía wireless e banda larga, en cuxa tecnoloxía é líder. Na telefonía móbil, Israel posúe tres operadoras e, ata mediados dos anos 2000, o 58% da súa poboación posuía teléfono móbil, o que correspondía a pouco máis de 3,5 millóns de usuarios.[312]
Israel dispón dun sistema de saúde universal e de contribución obrigatoria, administrado por un pequeno número de organizacións financiadas polo Estado. Todos os cidadáns de Israel teñen o dereito constitucional ao acceso ao paquete de servizos sanitarios, independentemente do tipo de contribución que fagan ao sistema, e os tratamentos médicos son financiados para todos de forma independente da condición financeira individual. Un estudo da Organización Mundial da Saúde (OMS) do ano 2000 colocou a Israel no 28º posto na lista de países por calidade do servizo de saúde. A lei do país que regulamenta o servizo de saúde foi posta en vigor polo Knesset o 1 de xaneiro de 1995, e baseouse no asesoramento dunha comisión de investigación que analizou o sistema de saúde do país ao final da década de 1980.[314]
A política do goberno de Israel en relación ao acceso dos cidadáns palestinos aos coidados médicos en Israel ten sido a de insistir na súa cobertura pola Autoridade palestina: en xaneiro de 2009, logo da ofensiva militar palestina na franxa de Gaza, a Autoridade Palestina cancelou a cobertura financeira para todos os tratamentos médicos dos seus cidadáns en Israel, incluíndo os pacientes con doenzas crónicas ou que necesiten de coidados complexos non dispoñibles noutros centros médicos da rexión, o que motivou as protestas de diversas organizacións humanitarias.[315]
Transportes
Treito da Autoestrada 6.
Israel ten 18.096 km de estradas pavimentadas[316] e 2,4 millóns de automóbiles.[317] O número de automóbiles por 1.000 persoas é de 324, relativamente baixo en relación a outros países desenvolvidos.[317] Israel ten 5.715 autobuses de rutas regulares,[318] operadas por varias empresas de transporte, a maior dos cales é Egged, que serve na maior parte do país. O ferrocarril atravesa 949 km do país e é operado unicamente polo goberno, propietario da Israel Railways (todos os valores son de 2008). Logo de grandes investimentos comezados a principios da década de 1990, o número de pasaxeiros de trens por ano creceu de 2,5 millóns en 1990, a 35 millóns en 2008; o ferrocarril tamén é empregado para transportar 6,8 millóns de toneladas de carga ao ano.[319]
Israel é un país de tamaño pequeno, cunha poboación de 8,3 millóns de habitantes, en 2015; dos que, o 80% eran xudeus, e o 17% árabes. Os xudeus eran 6,2 millóns, os árabes eran 1,7 millóns e 400.000 eran árabes cristiáns ou drusos.[324] Nos territorios de Cisxordania e Xerusalén Oriental, a poboación en 2005 era de 2,3 millóns. Segundo datos estatísticos israelís de finais de 2011, uns 325.456 colonos viven nos 125 asentamentos recoñecidos en Cisxordania (hai outros 100 non recoñecidos oficialmente). Segundo datos do Jerusalem Institute for Israel Studies, a finais de 2011 vivían 190.423 israelís en Xerusalén Oriental.[325]
Israel foi creado co propósito de ser unha patria para o pobo xudeu, e é moitas veces chamado o Estado xudeu. A Lei do retorno concede a todos os xudeus e aos de liñaxe xudía o dereito á cidadanía israelí.[326] De acordo coa Oficina Central de Estatísticas, Israel tiña en setembro do 2008, 7 337 000 habitantes, dos que 5 542 000, o 75,5% eran xudeus, 1 477 000 árabes e 318.000 definíanse como ¨outros¨, entre os cales 200.000 son traballadores estranxeiros. Entre os xudeus, o 68% eran Sabras (nados en Israel), a maioría deles de segunda e terceira xeración, e o resto Olim (nados fora do país): 22% de Europa e as américas, e o 10% de Asia e África, incluíndo os países árabes.[327]
A poboación israelí é relativamente nova, se se compara cos países occidentais. O 27,1% dos israelís no ano 2015 tiñan catorce anos ou menos, cando nos países occidentais a media sitúase nun 17%. O 10,7% é maior de 65 anos, fronte á media dun 15% nos países desenvolvidos.[328] No tocante á distribución por sexo, por cada 1,01 homes había unha muller en 2015.[329]
En 2013 a esperanza de vida[nota 6] era de 83,60 anos para as mulleres e 80 para os homes, a máis alta da rexión. Aínda que subiu en cantidade de anos con respecto a anos anteriores, en 2010 ocupaba o posto número 9 entre 180 países, e en 2011 estaba clasificado no posto 11 entre os países con maior esperanza de vida.[330]
A meirande parte da poboación xudía mora na parte central do país, sendo a área máis poboada a área metropolitana de Tel Aviv, que concentra un 20,7%, mentres que menos dun 10% dos xudeus teñen a súa residencia no norte. Pola súa banda, un 45% dos árabes viven no norte, onde constitúen o 53% dos habitantes, mentres que un 10 viven no sur do país.
Ao longo da última década, os fluxos migratorios teñen, tamén, incluído un número significativo de inmigrantes non xudeus de países como Romanía, Tailandia, República Popular da China e varios países de África e de América do Sur; estimar un número exacto é difícil debido á presenza de inmigrantes ilegais, mais as estimacións realizadas na rexión falan de cerca de 200.000 persoas.[331] A retención da poboación de Israel desde 1948 é a mesma ou maior en comparación con outros países con inmigración masiva.[332]
A emigración da poboación israelí (yerida) a outros países, principalmente aos Estados Unidos e o Canadá, é descrita por demógrafos como modesta,[333] mais é citada moitas veces polos ministros do goberno israelí como unha ameaza para o futuro de Israel.[334]
Israel ten dúas linguas oficiais: o hebreo e o árabe.[5] O hebreo é a lingua principal do Estado e é falada pola maioría da poboación. O árabe é falado pola minoría árabe e por algúns membros da comunidade xudía Mizrahi. O hebreo ensínase nas escolas árabes. O inglés foi lingua oficial en Israel durante o dominio británico e despois da creación de Israel perdeu este status, aínda que permaneceu como lingua oficial de facto[336][337][338] como pode verse en sinais de tráfico e documentos oficiais. O inglés é estudado na escola e é falado pola maioría da poboación como segundo idioma, moitos programas de televisión son emitidos en inglés con subtítulos. Por outra banda, as universidades israelís ofrecen cursos en lingua inglesa en varias materias.[339] Como país de inmigrantes, poden oírse moitas linguas polas rúas. Debido á inmigración masiva dende a Unión Soviética e Etiopía (uns 130.000 xudeus etíopes viven en Israel),[340][341] o ruso e o amhárico son amplamente falados.[342] Máis dun millón de inmigrantes de fala rusa chegaron a Israel procedentes de estados da antiga Unión Soviética entre 1990 e 2004.[343] Por outra banda o francés é falado por uns 700.000 israelís,[344] a maioría deles procedentes de Francia e do Norte de África. Outras linguas faladas en Israel son o yiddish, o ladino, o romanés, o polaco, o italiano, o holandés, o alemán e o persa. Os programas populares das televisións europeas e americanas adoitan ser retransmitidos no país; tamén se poden atopar xornais escritos nos devanditos idiomas.
A filiación relixiosa dos xudeus israelís varía moito: o 55% considéranse "tradicionais", mentres que o 20% considéranse "xudeus seculares", o 17% defínense como "sionistas relixiosos"; mentres que o 8% restante defínense como "xudeus haredi".[346]
Cun 16,2% da poboación, os musulmáns constitúen a maior minoría relixiosa de Israel. Dos cidadáns árabes de Israel, que representan o 19,8% da poboación, máis de catro quintos (82,6%) son musulmáns. Dos restantes árabes israelís, o 8,8% son cristiáns e o 8,4% son drusos.[347] Membros de moitos outros grupos relixiosos, incluíndo budistas e hindús, están presentes en Israel, aínda que en menor número.[348] Os cristiáns supoñen un 2,1% da poboación de Israel e están constituídos por árabes cristiáns e xudeus mesiánicos.[349]
Israel figura entre os dez países con maior número de ateos ou agnósticos, e, cun total dun 25,6% da poboación declarándose atea, sitúase na cuarta posición por países con maior proporción de ateos do mundo.[352]
A gran maioría das persoas seculares en Israel son de etnia xudaica. Moitos xudeus respectan os festivos relixiosos como algo común, unha data estabelecida polo goberno, non son como os seus pais ou avós, que tiñan fe na relixión, despois de todo este era o legado de séculos pasados de xeración en xeración, vínculo que unía ao pobo xudeu e dáballe un sentido de pertenza a unha mesma comunidade. Hoxe, os sabras xa non senten tanto a necesidade de seguir os preceptos relixiosos. Mesmo entre os árabes hai tamén algunhas persoas ateas e non-relixiosas, é máis común entre os árabes de Israel, como un todo, encontrar persoas bastante ligadas á relixión, xa sexan cristiáns ou musulmáns, especialmente entre estes últimos. Aínda que as relixións, tanto o xudaísmo como o islam, son responsables nunha boa parte do conflito árabe-israelí (por exemplo na cuestión de Xerusalén), a fe relixiosa non é máis determinante na vida das persoas, polo menos para a maior parte dos xudeus, que son cada vez máis seculares (a excepción dos haredi). Os xudeus laicos continúan a compartir un sentimento de identidade e a crenza nun destino común, porén non mais é a fe que determina ese destino. Aínda así, preocupa a radicalización dunha parte dos líderes relixiosos que ten bastante influencia na política nacional. Hai certo medo da sociedade en xeral de que o laicismo deixe de contar co apoio dos políticos, cun aumento do poder dos ultraortodoxos.[353]
Status relixioso
Israel non ten unha relixión oficial,[354][355][356] mais a definición de Estado como "xudeu e democrático" crea unha forte conexión co xudaísmo, así como un conflito entre a lei estatal e a lei relixiosa. A interacción entre os partidos políticos mantén o equilibrio entre o Estado e a relixión en gran medida, tal como existía durante o mandato británico.[357]
Aínda que o Ministerio do Interior de Israel recoñece os matrimonios civís celebrados fóra das súas fronteiras, este non existe dentro do territorio, e o único matrimonio recoñecido é o relixioso, calquera que sexa a relixión. En xullo de 2011 o Knesset rexeitou unha proposta para legalizar o matrimonio civil por 40 votos en contra e 17 a favor.[358][359]
En Israel non poden realizarse enlaces entre persoas do mesmo sexo, porén o estado recoñece os matrimonios entre persoas do mesmo sexo realizados noutros países.[360] De acordo cunha enquisa realizada en agosto de 2009, o 61% dos israelís apoian a igualdade de dereitos para parellas do mesmo sexo, mentres que o 31% opúñase. Por outra banda, o 60% apoiaron a adopción conxunta de parellas do mesmo sexo, mentres que o 34% opúxose.[361]
Israel posúe unha cultura plural debido á diversidade da súa poboación: os xudeus de todo o mundo levaron as súas tradicións culturais e relixiosas con eles, creando un crisol de crenzas e costumes xudeus.[362] Foron 4.000 anos de tradición, un século de sionismo e case cincuenta anos como estado moderno, os que contribuíron á súa notable mestura cultural das máis de setenta comunidades que a compoñen. A súa poboación nacional, respectuosa cara á cultura, ten á súa disposición a revista Ariel, que, publicada desde 1962, cobre toda a produción artística, desde a poesía á arquitectura, pasando pola pintura, a escultura e mesmo a arqueoloxía.[363]
Israel é o único país do mundo onde a vida xira en torno ao calendario hebreo. As festividades laborais e escolares son determinadas polas festas xudías, e o día oficial de descanso é o sábado, o shabat.[364] A substancial minoría árabe, tamén deixou a súa pegada sobre a cultura israelí en áreas como a arquitectura,[365] a música[366] e a gastronomía, que ten entre os seus principais pratos tradicionais, o Pessach, o Chanuká, o Charosset, o Farfel e o Kamish Broit.[367][368] No cinema, ao contrario, a produción non está tan mesturada: conta, desde o seu inicio en 1950, a experiencia e a realidade israelí.[369]
Nove filmes israelís foron finalistas ao mellor filme internacional dos Óscars, dende o estabelecemento do Estado de Israel. Ajami, un filme de 2009 sobre a violencia e a discriminación nun barrio xudeu-árabe no sur de Tel Aviv-Jaffa, foi escrito e dirixido conxuntamente polo palestino Scandar Copti e polo xudeu israelí Yaron Shani. Foi o terceiro nomeamento consecutivo dun filme israelí e gañou unha mención de honra no Festival de Cannes.[370] Cineastas israelís palestinos fixeron unha serie de filmes, algúns deles moi controvertidos, ilustrando o conflito árabe-israelí e a situación dos palestinos dentro de Israel. O filme de Mohammed Bakri, Jenin, Jenin, sobre a invasión militar israelí do campo de refuxiados de Jenin (Cisxordania) en 2002, gañou o premio ao Mellor Filme no Festival de Cine Internacional de Cartago. No entanto, en Israel, o filme foi acusado de presentar unha versión distorcida da historia. The Syrian Bride, sobre un casamento druso entre familias de lados opostos da liña de alto o fogo entre Israel e Siria, nos altos do Golán, foi dirixido por un xudeu israelí (Eran Riklis), mais tiña un elenco case totalmente druso.
Continuando as fortes tradicións do teatro yiddish en Europa Oriental, Israel mantén unha vibrante escena teatral. Fundado en 1918, o Teatro Habima, en Tel Aviv, é o teatro máis antigo do país.[371] Este escenario de produción teatral non existía na cultura hebrea antiga e só se desenvolveu a partir da segunda guerra mundial, percorrendo os campos contemporáneo, clásico, local e importado, tradicionais e experimentais.[372]
A literatura israelí é, principalmente, poesía e prosa e está escrita en hebreo, como parte do renacemento do hebreo como lingua falada desde mediados do século XIX, aínda que unha pequena parte publícase noutras linguas, como o árabe e inglés. Por lei, dúas copias de todos os impresos publicados en Israel deben ser depositadas na Biblioteca Nacional, na Universidade Hebraica de Xerusalén. En 2001, a lei foi alterada para incluír gravacións de son e vídeo, e outros tipos de medios non impresos.[373]
En 2006, o 85% dos 8.000 libros da biblioteca nacional foi transferido ao hebraico.[374] A Semana do Libro Hebreo (He: שבוע הספר) realízase unha vez ao ano, en xuño, con feiras, lecturas públicas e visitas de autores israelís. Durante esa semana entrégase o maior premio literario de Israel, o Premio Sapir.
Amais dos principais museos das grandes cidades, hai unha gran cantidade de espazos de artes de calidade en pequenas cidades e en kibbutzim. O museo Mishkan Le'Omanut, no KibbutzEin Harod Meuhad, é o maior museo de arte do norte do país.[380]
Israel dispón de pratos da cociña local e pratos levados ao país por inmigrantesxudeus de todo o mundo. Dende a creación do Estado en 1948, e especialmente dende a década de 1970, desenvolveuse unha cociña propiamente israelí.[381]
A cociña israelí adquiriu, e continúa a adquirir, elementos de varios estilos da gastronomía xudía, en particular os estilos da gastronomía mizrahi, sefardí e asquenací, xunto coas influencias culinarias de xudeus marroquís, iraquís, etíopes, indios, iranianos e iemenís. Tamén incorpora moitos alimentos tradicionalmente consumidos nas cociñas dos estados árabes, do Oriente Medio e do mar Mediterráneo, como faláfel, hummus, shakshouka, cuscús e za'atar, que se tornaron pratos esenciais en Israel.[382][383]
Belas artes
A produción artística organizada de Israel iniciouse en 1906 e é unha mestura de culturas orientais e occidentais, agregadas ao desenvolvemento e ao carácter individual de cada cidade, que ten na diversificada paisaxe natural a principal inspiración para producir imaxe e escultura.[384]
En pintura, o país pasou por varios períodos de produción, así como no resto do mundo. Na procura dunha identidade, inicialmente creouse unha arte orixinal xudía, nunha fusión de técnicas europeas con toques de influencia do Oriente Medio. Entre os artistas desta primeira época están Samuel Hirszenberg (1865-1908), Ephraim Lilien (1874-1925) e Abel Pann (1883-1963). En 1921, tivo lugar a primeira mostra artística de pintura, na Cidadela de David. Conforme a nación se foi renovando, a súa produción artística modificouse de xeito parello: durante a década de 1920 houbo unha produción de vangardas; xa na década de 1930, a influencia estivo baixo a modernidade, emotiva e mística. Posteriormente, o Holocausto alimentou a ideoloxía do canaanita, que buscaba identificarse cunha identidade nacional e crear un novo pobo hebreo.[384]
En 1948, pasou por un período de obras militantes, repletas de mensaxes sociais, e das chamadas "Novos Horizontes", xurdidas a consecuencia da guerra de Independencia e do espírito de liberdade. Entre as décadas de 1970, 1980 e 1990, pasou polo individualismo e pola busca de sentido no que significaba o espírito de Israel, nunha mestura de técnicas e emocións humanas, que aínda prevalecen. Xa na escultura, a produción e o recoñecemento só foi posible grazas aos esforzos dalgúns escultores. Influenciados polos momentos históricos, pasaron polo cubismo e polo canaanita, nun principio, conceptualizando modernamente o corpo humano e usando formas animais para lembraren as paisaxes rochosas do deserto. A partir da década de 1950, a produción escultórica tomou aires máis abstractos, alimentada pola chegada do aceiro inoxidable e do ferro como formas de expresión. Na década seguinte, a inspiración principal era a de inmortalizar a imaxe daqueles que loitaran nas guerras de Israel. Co paso dos anos, agregou a influencia francesa e o expresionismo na súa evolución conceptual.[384]
A produción fotográfica, que vive entre a fotografía documental e a arte fotográfica, caracterizouse inicialmente pola intimidade, contención e preocupación co ego. Durante o século XIX, a área produciu só obras bíblicas, retratando lugares sagrados. De 1880 en diante, pasouse a retratar a evolución da comunidade xudía, na cal ata os prisioneiros eran fonte de inspiración. No século XX, a fotografía como expresión artística, pasou a ter maior produción nacional, mostrando características máis persoais, enfrontando a vida e a morte, de estilo formalista, minimalista e conceptual.[384]
A música de Israel contén influencias adquiridas a través de inmigrantes de todo o mundo. Música iemení, melodías hasídicas, árabes e europeas, jazz, pop, rock, reggae, rap e hip hop son as máis presentes e influentes na produción musical contemporánea.[385][386]
Acompañando a produción musical, está a danza, que en Israel, divídese entre a artística e a folclórica. Considerada unha expresión de ledicia, a danza forma parte das celebracións relixiosas, nacionais, comunitarias e familiares. A rama folclórica é unha mestura de tradición xudía e non-xudía, cultivada dende os inicios de 1940, e encóntrase en constante desenvolvemento, entre as fontes históricas e as modernas, mesturando estilos bíblicos e contemporáneos, non destinada só a manter as tradicións. A artística foi introducida xa na década de 1920 por profesores e bailaríns chegados de Europa. Cada grupo nacido no país acadou un alto nivel profesional nos seus estilos propios, dos cales destacan seis grandes compañías: o Teatro de Danza Inbal, a Compañía de Danza Batsheva, a Compañía de Danza Bat-Dor, a Compañía de Danza Contemporánea do Kibbutz, o Balllet de Israel e o Koll-Dmamá.[394]
Os deportes e a aptitude física non sempre tiveron un papel importante na cultura xudía. A aptitude física, que foi valorada polos antigos gregos, era vista como unha indesexable intromisión de valores helenísticos na cultura xudía. Maimónides, que era á vez rabino e médico, enfatizou a importancia da actividade física e de manter o corpo en forma. Esta abordaxe recibiu un gran pulo no século XIX a partir da campaña de promoción da cultura física de Max Nordau, e a principios do século XX, cando o Rabino maior de Palestina, Abraam Isaac Kook, declarou que "o corpo serve á alma, e só un corpo saudable pode garantir unha boa alma".[395]
↑Tamén coñecida simplemente como Organización Sionista.
↑A Lei de Xerusalén estabelece que "Xerusalén, completa e unida, é a capital de Israel"
↑Inclúe todos os residentes en Israel propiamente dito, Montes do Golán e Xerusalén Oriental. Inclúe tamén a poboación israelí de Cisxordania. Exclúe toda a poboación non israelí de Cisxordania e a Franxa de Gaza.
↑Esta característica non debe ser confundida co punto máis profundo do relevo terrestre, localizado na Foxa das Marianas. A superficie do mar Morto ten o maior desnivel negativo en relación ao nivel do mar.
↑Cantidade de anos que un acabado de nacer pode esperar vivir se os patróns de mortalidade por idades imperantes no momento do seu nacemento seguiran sendo os mesmos ao longo de toda a súa vida
↑Gilbert, Martín (2005). The Routledge Atlas of the Arab–Israeli conflict(en inglés). Routledge. ISBN978-0-415-35900-9.
↑"The status of Jerusalem"(PDF). The Question of Palestine & the United Nations(en inglés). United Nations Department of Public Information. Consultado o 29 de decembro de 2015.
↑"SYMBOLS OF ISRAEL"(en inglés). NSW Board of Jewish Education. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2015. Consultado o 11 de xaneiro de 2016.
↑Da King James Version: "e o Señor o teu Deus traerate á terra que os teus pais posuíron, e posuirala; e farate ben, e multiplicarate máis do que aos teus pais" (Deuteronomio, 30:5)
↑Da King James Version: "mais se vos converterdes a min, e gardardes os meus mandamentos e os cumprides, aínda que os vosos rexeitados estean na extremidade do ceo, de alí os xuntarei e os trarei ao lugar que teño escollido para alí facer habitar o meu nome." (Neemias, 1:9)
↑(Parkes 1970, p. 110) "Durante os séculos XII e XIII, houbo un goteo constante de inmigrantes xudeus no país, algúns procedentes da cristiandade e algúns outros doutros territorios islámicos, e especialmente do Norte de África."
↑(Gilbert 2005, p. 2). "Os xudeus viron un novo fogar alí despois das súas expulsións de España (1492)…"
↑Carta do cónsul británico James Finn ao Vizconde Palmerston, Xerusalén, 7 de novembro de 1851, FO 78/874 (nº 20), en Hyamson, Consulate, 1, p. 179.
↑Carta do cónsul James Finn ao Conde de Clarendon, Xerusalén , 1 de xaneiro de 1858, FO 78/1383 (Political nº 1), en Hyamson, Consulate, 1, p. 257.
↑ 51,051,151,251,3"Immigration". Jewish Virtual Library(en inglés). The American-Israeli Cooperative Enterprise. Consultado o 29 de decembro de 2015. A fonte proporciona información da primeira, segunda, terceira, cuarta e quinta Aliyah nos seus respectivos artigos. O Libro Branco que conduce á Aliyah é discutido [1].
↑(Kornberg 1993) "Como é que Theodor Herzl, un nacionalista alemán asimilado na década de 1880, de repente, na década de 1890 se torna o fundador do sionismo?"
↑Scharfstein 1996, p. 269. "Durante a primeira e segunda Haliyah, houbo moitos ataques de árabes contra asentamentos xudeus. En 1920, Hashomer foi desmantelado e creouse a Haganah ("Defensa")."
↑J. V. W. Shaw , "A Survey of Palestine, Vol 1: Prepared in December 1945 and January 1946 for the Information of the Anglo-American Committee of Inquiry", Reimpreso en 1991 por The Institute for Palestine Studies, Washington, D.C., p.148
↑Van Evera, Stephen. "Nature of the Flashpoint"(PDF). Center for International Studies(en inglés). Massachusetts Institute of Technology. Consultado o 29 de decembro de 2015.
↑"The Suez Crisis"(en inglés). Universidade de San Diego. 5 de decembro de 2005. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2002. Consultado o 29 de decembro de 2015.
↑Associated Free Press (29 de decembro de 2008). "Israeli jets pound Hamas". The Sydney Morning Herald(en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2016. Tanques israelís congréganse na fronteira de Gaza mentres avións de combate bombardean de novo obxectivos de Hamás no enclave densamente poboado onde os ataques mataron preto de 300 persoas en menos de dous días.
↑"Global protests against Israel". WA Today(en inglés). 29 de decembro de 2008. Consultado o 2 de xaneiro de 2016. Manifestacións en cidades ao redor do mundo o domingo marcharon en protesta contra os ataques aéreos israelís na Franxa de Gaza que mataron preto de 300 persoas no territorio palestino.
↑Koutsoukis, Jason (5 de xaneiro de 2009). "Battleground Gaza: Israeli ground forces invade the strip". The Sydney Morning Herald(en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2016. Á noite do sábado milleiros de soldados das tropas israelís e tanques invadiron a Franxa de Gaza gobernada por Hamás despois de que oito días castigando con ataques aéreos non lograran deter os ataques con cohetes do grupo a Israel.
↑"Press Release: Jerusalem Day"(PDF). Oficina Central de Estatísticas de Israel. 24 de maio de 2006. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 14 de xuño de 2007. Consultado o 1 de novembro de 2015.
↑"Questions and Answers". Israel’s Security Fence. The State of Israel. 22 de febreiro de 2004. Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2013. Consultado o 1 de novembro de 2015.
↑"About us"(en inglés). MATAM Prak. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2010. Consultado o 28 de decembro de 2015.
↑Ginsburg, Mitch (28 de maio de 2007). "A Hotter Holy Land". The Jerusalem Report(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2013. Consultado o 6 de xaneiro de 2016.
↑"Israel keen on IT tie-ups"(en inglés). The Hindu Business Line. 10 de xaneiro de 2001. Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2010. Consultado o 6 de xaneiro de 2016.
↑ 267,0267,1"Education"(PDF)(en inglés). Ministry of Immigrant Absorption. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 04 de maio de 2012. Consultado o 8 de outubro de 2017.
↑"The Israeli Matriculation Certificate"(en inglés). Fundación Educativa Estados Unidos-Israel, vía Biblioteca da Universidade de Szeged. xaneiro de 1996. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2017. Consultado o 7 de xaneiro de 2016.
↑"About the Library"(en inglés). Jewish National and University Library. Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2007. Consultado o 7 de xaneiro de 2016.
↑"Israel: IT Workforce". Information Technology Landscape in Nations Around the World(en inglés). American University. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2015. Consultado o 7 de xaneiro de 2016.
↑Heylin, Michael (27 de xuño de 2006). "Globalization Of Science Rolls On". Chemical & Engineering News(en inglés) (American Chemical Society). pp. 26–31. Consultado o 21 de agosto de 2007.
↑"Israeli Railway Services"(PDF)(en inglés). Oficina Central de Estatísticas de Israel]. 2009. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 6 de xaneiro de 2016.
↑Adriana Kemp, "Labour migration and racialisation: labour market mechanisms and labour migration control policies in Israel", Social Identities 10:2, 267-292, 2004
↑Instituto Central de Estatística de Israel: [2], (31/12/2015). Visitado o 1 de febreiro de 2017.
↑Spolsky, Bernard (1999). Round Table on Language and Linguistics. Washington, D.C.: Georgetown University Press. pp. 169–70. ISBN0-87840-132-6. Consultado o 17 de decembro de 2015. En 1948, o novo estado independente de Israel fíxose cargo das antigas regulacións británicas que estableceran o inglés, o árabe e o hebreo como linguas oficiais do Mandato de Palestina mais, como se mencionou, eliminou o inglés da lista. A pesar disto, o uso oficial da lingua mantivo un papel de de facto para o inglés, por detrás do hebreo mais por diante do árabe.
↑Bat-Zeev Shyldkrot, Hava (2004). "Part I: Language and Discourse". En Dorit Diskin Ravid; Hava Bat-Zeev Shyldkrot. Perspectives on Language and Development: Essays in Honor of Ruth A. Berman. Kluwer Academic Publishers. p. 90. ISBN1-4020-7911-7. Consultado o 17 de decembro de 2015. O inglés non é considerado oficial mais exerce un papel dominante na vida educativa e pública da sociedade israelí. ... É a lingua máis amplamente empregada no comercio, os negocios, papeis formais, no mundo académico, e interaccións públicas, sinais públicos, direccións nas estradas, nomes de edificios, etc. O inglés compórtase 'como se' fora a segunda lingua oficial de Israel.
↑Shohamy, Elana (2006). Language Policy: Hidden Agendas and New Approaches. Routledge. pp. 72–73. ISBN0-415-32864-0. Consultado o 17 de decembro de 2015. En termos do inglés, non hai conexión entre as políticas e declaracións e as prácticas de facto. Aínda que o inglés non se declara en ningures como lingua oficial, a realidade é que ten un status moi alto e único en Israel. É a lingua principal no eido académico, no comercio, nos negocios, e no espazo público.
↑"National Population Estimates"(PDF). Central Bureau of Statistics. p. 27. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 21 de agosto de 2011. Consultado o 15 de decembro de 2015.
↑"Atheists statistics"(en inglés). Adherents.com. 18 de xaneiro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2009. Consultado o 15 de decembro de 2015.
↑Charbit, Denis (2014). "Israel's Self-Restrained Secularism from the 1947 Status Quo Letter to the Present". En Berlinerblau, Jacques; Fainberg, Sarah; Nou, Aurora. Secularism on the Edge: Rethinking Church-State Relations in the United States, France, and Israel. Nova York: Palgrave Macmillan. pp. 167–169. ISBN978-1-137-38115-6. O compromiso, polo tanto, era escoller unha ambigüidade construtiva: por sorprendente que pareza, non hai ningunha lei que declare o xudaísmo como a relixión oficial de Israel. Con todo, tampouco hai outra lei que declare a neutralidade de Israel cara a todas as confesións. O xudaísmo non está recoñecido como a relixión oficial do estado, e mesmo aínda que o clero xudeu, musulmán e cristián recibe o seu salario do estado, este feito non fai de Israel un estado neutral. Este aparente pluralismo non pode disimular o feito de que Israel amosa un claro e indubidablemente xerárquico pluralismo en asuntos relixiosos. ... É importante sinalar que dende o punto de vista multicultural, este secularismo autorrestrinxido permite que a lei musulmá se practique en Israel para asuntos persoais da comunidade musulmá. Por sorprendente que pareza, se non é paradóxico nun estado en guerra, Israel é o único país democrático occidental no que a Sharia ten status oficial.
↑Sharot, Stephen (2007). "Judaism in Israel: Public Religion, Neo-Traditionalism, Messianism, and Ethno-Religious Conflict". En Beckford, James A.; Demerath, Jay. The SAGE Handbook of the Sociology of Religion. Londres e Thousand Oaks, California: Sage Publications. pp. 671–672. ISBN978-1-4129-1195-5. É certo que os xudeus israelís, e os israelís seculares en particular, conciben a relixión como moldeada por un establecemento relixioso patrocinado polo estado. Non hai formalmente unha relixión de estado en Israel, mais o estado dálle o seu recoñecemento oficial e apoio económico a comunidades relixiosas concretas, xudías, islámicas e cristiás, cuxas autoridades e tribunais están facultados para tratar cuestións de carácter persoal e dereito familiar, como o matrimonio, o divorcio, e a pensión alimentaria, que son vinculantes para todos os membros das comunidades.
↑Jacoby, Tami Amanda (2005). Women in Zones of Conflict: Power and Resistance in Israel. Montreal, Quebec and Kingston, Ontario: McGill-Queen's University Press. pp. 53–54. ISBN9780773529939. Aínda que non hai unha relixión oficial en Israel, tampouco hai unha separación clara entre relixión e estado. Na vida pública israelí, frecuentemente xorden tensións entre diferentes correntes do xudaísmo: ultraortodoxos, nacional-relixiosos, Mesorati (conservadores), Reconstrutivistas Progresistas (Reformistas), e diversas combinacións de tradicionalismo e non practicantes. A pesar desta variedade de prácticas relixiosas na sociedade, o xudaísmo ortodoxo prevalece institucionalmente sobre as outras correntes. Esta fronteira é unha consecuencia histórica da evolución única da relación entre o nacionalismo israelí e a construción do estado. ... Dende o período da fundación, para acougar as tensións relixiosas, o Estado de Israel adoptou o que é coñecido como o 'status quo', un acordo non escrito que estipula que non se farían máis mudanzas no status da relixión, e que o conflito entre os sectores practicante e non-practicante manexaríase circunstancialmente. O 'status quo' pertenceu dende aquela ao status legal tanto dos xudeus relixiosos como dos seculares en Israel. Esta situación foi deseñada para tranquilizar ao sector relixioso, e ten sido sostida indefinidamente polo poder desproporcionado dos partidos políticos relixiosos en todos os gobernos de coalición subseguintes. ... Por unha banda, a Declaración de Independencia adoptada en 1948 garante explicitamente a liberdade de culto. Por outra banda, simultaneamente impide a separación da relixión e o estado en Israel.
↑Englard, Izhak (Winter 1987). "Law and Religion in Israel". The American Journal of Comparative Law (American Society of Comparative Law) 35 (1): 185–208. Consultado o 11 de xaneiro de 2016. A gran importancia política e ideolóxica da relixión no Estado de Israel maniféstase nas múltiples disposicións legais relativas ao fenómeno relixioso. ... Non é un sistema de separación entre estado e relixión como se exerce nos Estados Unidos e varios outros países do mundo. En Israel un gran número de organismos relixiosos exercen funcións oficiais; a lei relixiosa aplícase en áreas limitadas.
↑"Cultura - Israel"(en portugués). Centro cultural israelita no sítio do Ministerio do Exterior de Israel. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2011. Consultado o 2 de xaneiro de 2016.
↑"Israel". Eurovision Song Contest(en inglés). Eurovision Broadcasting Union. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2016.
↑"About Us"(en inglés). Red Sea Jazz Festival. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2016.
Redmount, Carol A. (1999). "Bitter Lives: Israel in and out of Egypt". En Michael D. Coogan. The Oxford History of the Biblical World. Oxford University Press.
Richard, Suzanne (2003). Near Eastern archaeology: a reader. EISENBRAUNS. p. 486. ISBN9781575060835.
Roberts, Adam (1990). Prolonged Military Occupation: The Israeli-Occupied Territories Since 1967. The American Journal of International Law84 (American Society of International Law). pp. 44–103. doi:10.2307/2203016.
Romano, Amy (2003). A Historical Atlas of Israel. The Rosen Publishing Group. ISBN0823939782.