ORCID (Open Researcher Contributor Identification (pronuncia en inglés (axuda·info)), en galego "Identificador Aberto de Investigador e Colaborador") é un código alfanúmerico non propietario que identifica as autoras e autores do eido científico ou académico.[1][2][3][4][5] Aborda os problemas asociados á localización da autoría nas publicacións científicas ou nas publicacións da área das Humanidades. Á hora de recuperar as contribucións dunha persoa nestes ámbitos hai moitas prácticas que dificultan este labor: o uso de nomes persoais que non son únicos; as diferentes prácticas culturais no que á orde dos nomes se refire; a inconsistencia entre o uso das abreviaturas de nomes e o emprego de distintos alfabetos. ORCID proporciona unha identidade persistente para as persoas, de xeito semellante en que o fan os DOIs (identificadores de obxectos dixitais).[6] A organización que xestiona ORCID ofrece un rexistro aberto e independente que busca converterse no estándarde facto para a identificación das contribucións na investigación e nas publicacións científicas. O 16 de outubro de 2012, ORCID lanzou o seu servizo de rexistro e comezou a emitir identificadores de usuario e usuaria.[7][8][9]
Desenvolvemento e lanzamento
ORCID organizouse nun principio como a Open Researcher Contributor Identification Initiative (en galego Iniciativa Aberta de Identificación de Colaborador Investigador).[10] Naceu a finais do 2009, cun proxecto sen ánimo de lucro e impulsado por Thomson Reuters e Nature Publishing Group.[11] ORCID usa GitHub como o seu repositorio para desenvolvemento de código[12] e o seu primeiro prototipo estivo baseado no ResearcherID de Thomson Reuters.[13] Os principios de ORCID establecen que os identificadores deben ser claros e persistentes e teñen que reflectir fielmente a atribución de autoría, ao tempo que lle permita ás persoas autoras crear e manter os seus perfís académicos e de investigación de forma libre e gratuíta (ORCID principles).[14] En canto á atribución de autoría, trátase dun sistema híbrido, xa que non son só as persoas autoras quen poden confirmar unha autoría senón que tamén as institucións ás que están afiliados e incluso outras entidades da contorna social como Linkedln.[14]
A diferenza dos DOIs, o seu control non recae nunha axencia. ORCID non está limitada a ningunha área xeográfica de coñecemento: é unha iniciativa independente, transparente e fundamentada no código aberto. Trátase dun sistema global e independente, no que participan moitos stakeholders con diferentes intereses, e que en ningún caso pode estar vinculados a unha editorial.[13]
ORCID é de libre uso e permite total interoperabilidade con outros sistemas identificación. ORCID lanzou o seu servizo de rexistro e comezou a asignar identificadores o 16 de outubro de 2012. Formalmente, os identificadores de ORCID son especificados como URIs, por exemplo: o ORCID para John Wilbanks é https://orcid.org/0000-0002-4510-0385 (as dúas formas: https:// e http:// son aceptadas, pero https:// estableceuse como a canónica en novembro de 2017).[18][19][20] Con todo, algunhas editoras utilizan a forma curta, e.g. "ORCID: 0000-0002-4510-0385" (como unha URN).[21]
ORCID é un subgrupo do Identificador internacional estándar de nome (ISNI), baixo os auspicios da Organización Internacional para a Estandarización (como ISO 27729:2012)[22] e as dúas organizacións cooperan.[23] ISNI só identifica a autoría relativa a libros, programas televisivos, e diarios, ten reservado un bloque de identificador para uso de ORCID, que vai do 0000-0001-5000-0007 ao 0000-0003-5000-0001.[24] É por tanto posíbel que unha persoa teña á vez, e de forma lexítima, un ISNI e un ORCID – ou o que é o mesmo, dous ISNIs.[25][26]
Existe unha conta de ORCID para unha persoa ficticia, Josiah Carberry, como https://orcid.org/0000-0002-1825-0097, para ser usada en probas e como exemplo na documentación e material formativo.[29]
Usos
A finalidade de ORCID é auxiliar "a transición de ciencia a e-Ciencia, na que as publicacións científicas poden ser tratadas a través da minería de datos para albiscar as ligazóns e as ideas escondidas no constante volume crecente da literatura científica".[30] Outro uso suxerido é o de proporcionar a cada persoa investigadora "un currículum vitae dixital constantemente actualizado, dando unha imaxe das súas contribucións á ciencia que vai mais aló da simple lista de publicacións".[1] A idea é que outras organizacións usen a base de datos en aberto de ORCID para construír os seus servizos propios.
Segundo indicou a revista Nature nun editorial, ORCID, ademais de etiquetar as contribucións que fai cada científico/a, "tamén podería serlle asignado a conxuntos de datos que as persoas axudaran a xerar ou ós comentarios nas entradas de blogs dos seus e as súas colegas, ós borradores de artigos inéditos, ás edicións de entradas de Wikipedia e moito mais".[1]
En abril 2014 ORCID comunicou os seus plans de traballo co Consorcio de estándares avanzados en información de xestión investigadora para gravar e recoñecer contribucións nas revisións por pares.[31]
En marzo de 2018 ORCID contaba con 851 organizacións participantes e arredor de catro millóns e medio de rexistros.[34][35][36][37]
Entidades coñecidas polas súas bolsas como a Wellcome Trust (unha fundación benéfica) tamén comezaron a requirir o identificador ORCID ás persoas demandantes de financiamento.[38]
Postas en funcionamento a nivel nacional
En varios países, os consorcios, incluídas as axencias gobernamentais como socias, están buscando unha posta en marcha de ORCID a nivel nacional. Por exemplo, en Italia, setenta universidades e catro centros investigadores están colaborando baixo os auspicios da Conferencia de Reitores Universitarios italianos (CRUI) e a Axencia Nacional para a Avaliación dos Institutos Universitarios e Investigadores (ANVUR), nun proxecto aplicado por Cineca, que é unha asociación sen ánimo de lucro que representa as universidades, institucións investigadoras e o Ministerio de Educación. En Australia, o National Health and Medical Research Council (NHMRC) e o Australian Research Council (ARC) "animan a todo o persoal investigador que solicita financiamento a ter un identificador ORCID".[39][40]
Integracións
Alén de membros e patrocinadores, revistas, editores e outros servizos incluíron ORCID nos seus workflows ou nas súas bases de datos. Por exemplo: Journal of Neuroscience, Springer Publishing, a Hindawi Publishing Corporation, Europe PMC, o Japanese National Institute of Informatics's Researcher Name Resolver, Wikipedia e Wikidata.[41][42][43][44][45]
En outubro de 2015, DataCite, Crossref e ORCID anunciaron que as súas organizacións actualizarían rexistros de ORCID, "cando se atopar un identificador ORCID identifier nun novo rexistro de DOI"[46]
Outras ferramentas de terceiros permiten a migración de contido dende outros servizos a ORCID, como por exemplo Mendeley2ORCID, de Mendeley.
Algúns datos de ORCID tamén poden ser recuperados como XML/de RDF, RDF Turtle, XML ou JSON.[47][48]
↑O'Beirne, Richard. "OUP and ORCID". Oxford Journals. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2014. Consultado o 15 de abril de 2014.
↑En 15 novembro de 2014, ORCID anunciou a inscrición número un millón. O 9 de febreiro de 2018, o número de contas rexistradas declarado por ORCID era de 4 423 280. As organizacións participantes inclúen moitas institucións de investigación, como Caltech e a Universidade de Cornell, e editoras como Elsevier, Springer, Wiley e Nature Publishing Group. Tamén están incluídas as empresas comerciais como Thomson Reuters, sociedades académicas e fundacións.
↑"The metric tide"(PDF). Arquivado dende o orixinal(PDF) o 21 de agosto de 2015. Consultado o 03 de marzo de 2018.