Scopus é unha base de datos bibliográfica que contén resumos e citas de artigos de revistas académicas. Contén case 22.000 títulos dunhas 5.000 editoriais, das cales 20.000 son publicacións revisadas por pares dos campos científicos, técnicos, médicos e das ciencias sociais (incluíndo as artes e humanidades).[1] O seu propietario é Elsevier e está dispoñible en liña por subscrición. As procuras que se fan en Scopus incorporan tamén procuras en bases de datos de patentes.[2]
Dado que Elsevier é o propietario de Scopus e é tamén unha das principais editoriais internacionais de revistas científicas, estableceuse unha Selección de Contido de Scopus international e independente e unha Xunta de Asesores (Advisory Board) para impedir posibles conflitos de intereses na elección das revistas que deberían incluírse na base de datos e para manter unha política de cobertura transparente e aberta, independente das editoriais.[3] A xunta consta de científicos e bibliotecarios especializados.
Un estudo de 2006 que avaliaba a facilidade de uso e a cobertura de Scopus e da Web of Science (WOS), chegou á conclusión de que "Navegar por Scopus é doado, mesmo para o usuario novato. [...] A capacidade de buscar tanto cara adiante coma atrás a partir dunha determinada cita debería ser moi útil para o investigador. O aspecto multidisciplinario permite ao investigador facer facilmente procuras fóra da (sic) súa disciplina" e "Unha vantaxe de WOS sobre Scopus é a profundidade de cobertura, xa que a base de datos completa de WOS remóntase a 1945 e Scopus remóntase a 1966. Porén, Scopus e WOS compleméntanse entre si xa que ningunha procura o inclúe todo. [...]".[4]
Scopus tamén ofrece perfís do autor que inclúen afiliacións, número de publicacións e os seus datos bibliográficos, referencias, e detalles sobre o número de citas que tivo cada documento publicado. Ten características que dan avisos que permiten aos usuarios rexistrados rastrexar os cambios dun perfil e unha característica para calcular o índice h dos autores, que mide a produtividade e impacto das citas das publicacións dos autores.
Scopus pode ser integrado con ORCID.[5]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas