Este artigo amosa escritos mongois. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A República de Mongolia[1] (en mongol: ) é un país de Asia, encravado entre Rusia e mais a China. A súa capital é Ulán Bátor (Ulaanbaatar), a lingua oficial é o khalkha e a moeda o tugrik. Posúe unha extensión de 1.565.000 km² e unha poboación estimada no 2006 de 2.832.224 habitantes. Forma parte da rexión de Mongolia.
Historia
No século XIII, Xenxis Kan unifica as tribos mongois e crea un imperio, obra seguida polos seus sucesores Ögödei, Güyük, Mönkh e Khubilai. Este imperio comeza a recuar no 1386, coa perda da China. No século XV, baixo o reino de Altan Khan, os mongois convértense ao budismo tibetano. Un século máis tarde, caen baixo a dominación dos manchús, que conquistan tamén a China. O seu país foi transformado en dúas provincias chinesas, a Mongolia interior e a Mongolia exterior. A independencia de Mongolia exterior foi declarada no 1921 á calor dunha revolución liderada por Sukhbaatar; mais tivo goberno independente ata 1924, cando se declarou a República popular mongol co sostén da URSS.
En 1990, o partido comunista relaxa o seu control sobre o goberno. No 1992, a República Popular é substituída por un estado mixto, entre sistema parlamentario e sistema presidencial.
Xeografía
A meirande parte do país está constituída por estepas. Porén, o deserto do Gobi recobre unha parte do sur do país, mentres que ao norte e ao oeste, atópanse as rexións montañosas de bosques frondosos.
O clima presenta unha acusada oscilación térmica estacional, con moita calor en verán e extremadamente frío no inverno, con temperaturas baixando ata os -30 °C.
Política
O partido dominante en Mongolia é o Partido revolucionario do pobo mongol formado polos antigos comunistas mongois despois da Guerra Fría. O principal partido de oposición é o Partido democrático que controlou unha coalición no poder entre o 1996 e 2000. Esta coalición non logrou nin manter a súa cohesión, nin arranxar os problemas económicos do país, polo que foi moi fortemente sancionada polos electores no 2000, que deron a vitoria ao PRPM cunha esmagadora maioría. Durante as eleccións lexislativas do 2004, o PRPM e o partido Democrático obtiveron un número igual de escanos. A fin de que o desenvolvemento da Mongolia non sexa trabado por crises políticas, decidiron elaborar un programa común e formar un goberno de unión nacional.
Este Estado ten un executivo bicéfalo, á cabeza do Estado hai un presidente elixido e á cabeza do goberno un primeiro ministro. O parlamento chámase o Gran Hural, unha cámara composta de 76 asentos.
Nas eleccións de 22 de maio de 2005, o antigo primeiro ministro Nambaryn Enkhbayar, candidato do PRPM, foi elixido presidente de República co 53,4 % dos sufraxios. O seu principal adversario, Mandsaikhanin Enkhsaikhan, candidato do partido Demócrata, obtivo o 20 %. Enkhbayar comezou o seu mandato á fin do mes de xuño do 2005 e substitúe ao presidente Natsagiyn Bagabandi, tamén do PRPM.
Evolución da demografía entre 1961 e 2003 (cifra da FAO, 2005). Poboación en milleiros de habitantes.
Linguas
A lingua oficial de Mongolia é o mongol, que fala arredor do 95% da poboación. En Mongolia escríbese desde 1946 oficialmente co alfabeto cirílico; porén tradicionalmente se escribiu usando o alfabeto mongol como aínda se escribe o mongol na China. En Mongolia intentouse reintroducir en 1994 pero finalmente non se realizou polas dificultades que tiñan amplos sectores da poboación en comprendelo[3], aínda que se introduce devagar no sistema educativo.[4].
Fálanse tamén dialectos doutras linguas mongólicas, no oeste do oirat e no norte do buriato. No oeste fálanse dúas linguas túrquicas, o casaco e o tuva. A principal lingua da comunidade xorda é a lingua de signos mongol.
O ruso é a lingua estranxeira máis coñecida, foi obrigatorio no ensino secundario ata 1990 e de novo desde 2007, considerándose que Mongolia é o país onde o ruso está máis difundido fóra dos países que formaron parte da Unión Soviética[5]. A segunda lingua estranxeira é o inglés, que gradualmente ve aumentar a súa difusión. O coreano gañou popularidade polos milleiros de emigrantes en Corea do Sur.[6]
A economía mongol está esencialmente centrada no petróleo, o carbón e o cobre. Atópase tamén un débil tecido de pequenas industrias do molibdeno, do tungsteno, e minas de fosfato. Despois de anos de economía de estado, o país ten encamiñado unha difícil transición cara á economía de mercado. A maior parte das empresas sitúanse nas cidades: fóra delas, a maior parte dos Mongois son nómades.