Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
O ácido tricosanoico ou ácido tricosílico é un ácido graxo de cadea liñal de 23 átomos de carbono, coa fórmula molecular C 23H 46O 2, que se simboliza por C23:0.
O ácido tricosanoico a temperatura ambiente moderada é sólido e funde a 77–79 °C. Cristaliza no sistema monoclínico, grupo espacial P21/a e a súa cela elemental ten os seguintes valores: a = 9,4882 Å, b = 4,9574 Å, c = 65,2342 Å, α = 90°, β =127.6252° e γ = 90°.[1] A presión reducida de 1 mm de Hg ferve a 203–205 °C. O seu índice de refracción é de 1,4252 a 70 °C. Non é soluble en auga. É moi soluble en dietiléter e lixeiramente soluble en etanol.[2]
Na natureza atópase no aceite de cacahuete e na cera das follas de oliveira.[2] É o ácido graxo insaturado máis abondoso nas follas (25,4 %) e talo (26,8 %) da planta Sonneratia alba, unha árbore dos mangleiros.[3] Identificouse en peixes constituíndo un 2,7 % dos ácidos graxos do tiburón Chiloscyllium griseum; o 3,20 % dos de Paramonacanthus nipponensis; o 2,54 % dos de Gymnothorax favagineus; e o 1,12 % dos de Dasyatis zugei.[4]