Hipólito de Sá Bravo, nado en Pontevedra o 30 de xaneiro de 1907 e finado en Vigo o 16 de agosto de 2001, foi un escritor e historiador galego. É coñecido tamén polas súas actividades de profesor, investigador e músico.
Dirixiu as agrupacións musicais Escolanía do mosteiro de Santa Cruz del Valle de los Caídos, Coral Polifónica e o Coro Encantiños do Umia, de Caldas de Reis, e Masa Coral Polifónica de E. D. de Pontevedra. Foi cronista oficial da vila de Caldas de Reis, da que foi nomeado alcalde, e membro correspondente da Real Academia da Historia e a Real Academia Galega.
Dedicou os seus esforzos á divulgación dos valores históricos e artísticos de Galicia por medio de conferencias, charlas, coloquios, excursións dirixidas, reportaxes xornalísticas e libros. Fundador e director do Grupo Cultural Amigos do Románico en Vigo, organizou exposicións fotográficas cos títulos de Monasterios de Galicia e Rutas do Románico ou O Románico do Baixo Miño, e os ciclos de conferencias desenvolvidos durante as exposicións.
Tomou parte como conferenciante nos Cursos de verán para estranxeiros, programados pola Universidade de Santiago de Compostela entre 1974 e 1976. Invitado polas Delegacións de Información e Turismo de Lugo e A Coruña, participou na campaña cultural Coñeza Vd. Galicia entre os anos 1974 e 1976, pronunciando, en ambas provincias, numerosas conferencias sobre Historia e Arte en terras de Galicia. Tamén colaborou coa Obra Cultural da Caixa de Aforros de Vigo e os programas da Rede provincial de Teleclubs, percorreu as distintas comarcas da provincia de Pontevedra dando conferencias sobre a música, a historia, o folclore e a arte de Galicia, en Centros Culturais, Institutos, Colexios, Teleclubs, Bibliotecas e Sociedades Recreativas. Colaborou na Gran Enciclopedia Gallega e publicou reportaxes e colaboracións na prensa.
Obras
Monasterios, 4 tomos, en "Cuadernos de Arte Gallego".
El monacato en Galicia, 2 tomos , A Coruña, 1972.
La cultura del románico en Galicia, Club de Dirigentes de Empresa, A Coruña, 1972.
Monasterios cistercienses: Sobrado de los Monjes y Monfero, A Coruña, 1973.
Influencias del Camino de Santiago en la cultura y el arte de Galicia, A Coruña, 1977.
Estampas pontevedresas, Pontevedra, 1977.
Celanova. El Monasterio de San Salvador, Bibliófilos Gallegos. Colección Obradoiro, 1978.
Rutas del Románico en la provincia de Pontevedra, Pontevedra, 1978.
Boticas monacales y medicina naturista en Galicia, Ed. Everest, 1983.
El Monasterio de Celanova. Guía turística. Ed. Everest, 1982.
El Monasterio de Poyo. Guía turística. Ed. Everest, 1985.
El Monasterio de San Martín Pinario. Guía turística. Ed. Everest, 1988.
Caldas de Reis. Páginas históricas de la villa y de linajes de la misma y su contorno, Pontevedra, 1986.
Creencias del costumbrismo religioso en Galicia, Pontevedra, 1991
Recoñecementos
O seu labor de investigación e divulgación cultural foi premiado con diversas distincións.