Rabeno

Na mitoloxía galega, o rabeno é un ser mítico, humano ou de forma humana, que axexa ás mulleres nos campos, corredoiras e lugares deshabitados para abusar delas, o que evoca a figura dos sátiros da mitoloxía grega ou os faunos da mitoloxía romana. Risco di que é un sátiro dexenerado e vido a menos.[1]

Descríbese como un ser masculino de aspecto humano, magro e de alta estatura, de cor pálida, macilenta, palliza ou amarelada; e de feito, outro dos nomes que recibe o rabeno é o de marelo. Adoita vestir traxes claros e cubrirse con gorra de viseira. Dise del que pode contaxiar a lepra ou algunha outra enfermidade da pel, o que o asemella ó home das bubas.[2]

A palabra rabeno, -a adoita aplicarse realmente a animais co rabo máis curto do habitual ou ó que llo cortaron, como tamén rabelo e rabón. Risco di que este ser mítico só lle falta o rabo para ser un fauno. Cómpre ter presente que un dos moitos nomes populares galegos do demo é o de rabeno (e mais o seu contrario, rabudo), o que incide no concepto maléfico que os labregos teñen do rabeno. No mesmo sentido, a lenda negra en Galicia tamén aseguraba que os xudeus tiña rabo.

Noutras culturas existen seres semellantes. Así, no País Vasco teñen ó Basajaun (que significa señor do mato), un ser aparentemente humano, que vive nos bosques e que se caracteriza por ter o pé de planta circular. Igualmente, en Asturias teñen o Busgoso e en Cantabria, o Trento.

Na Idade Media corría a crenza na existencia do home salvaxe, un ser mitolóxico que habitaba nos bosques e que tiña o corpo cuberto de abundante pelo, agás na cara, mans e pés. Viña a representar o lado salvaxe, bestial, da natureza humana que carecía de calquera control sobre instintos e paixóns. A gran diferenza respecto ó rabeno e seres semellantes é que existían tanto homes como mulleres salvaxes aínda que se representan maioritariamente (en pinturas, miniaturas, como tenantes de escudos, etc) baixo forma masculina.

Notas

  1. Risco, 304.
  2. Pola contra, existe a crenza de que a sífilis (ou mal ruín), e outras enfermidades venéreas, curaban se se mantiña sexo cunha muller virxe. Cuba engade que en África cren que a sida se cura violando a unha virxe.

Véxase tamén

Bibliografía

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!