O gatipedro é unha figura mitolóxica de Galicia que fai mexar ós nenos na cama.[1] Ten forma de gato branco cun corno mouro na cabeza.[1] Vai ás casas polas noites, para nos cuartos nos que hai nenos durmindo, e entón ponse a verquer auga polo seu corno. O neno durmido, escoitando o pingar da fonte do gatipedro, soña que mexa, e de verdade mexa na cama. Segundo a tradición, para espantalo é necesario botar unhas areas de sal diante da porta do cuarto e a carón da fiestra. O gatipedro camiña apoiándose, ademais de nas catro patas, na lingua, polo que cando sente o sabor do sal, dá a volta e deixa ós nenos da casa en paz.
Na literatura
O gatipedro foi descrito por Álvaro Cunqueiro na súa obra Escola de menciñeiros publicada pola Editorial Galaxia en 1960.[1] Tamén é un dos temas do libro de relatos Os outros feirantes, escrito en 1971 por Cunqueiro,[2] onde o personaxe de Marcelino mexa na cama por mor das visitas nocturnas do animal. Finalmente, a situación resólvese grazas a un menciñeiro de Pontedeume que dá coa solución, sementando sal na entrada do cuarto do neno.