Encanto

Na mitoloxía galega, os encantos son seres míticos e máxicos que están encantados e baixo o dominio dalgún outro ser do que están ó seu servizo. Crese que habitan nos castros coa misión de vixiar e gardar os tesouros que deixaron os mouros alí agochados,[1] se ben tamén poden habitar en covas, pozos, fontes e outros elementos da paisaxe. Para cumprir con este obxectivo poden atacar e matar a quen se achegue intentando roubar eses tesouros ou, pola contra, chegar a algún tipo de relación de mutuo beneficio.

Adoitan ter forma humana, máis ou menos, se ben tamén temos os encantos que, sendo orixinalmente de natureza humana (homes, mulleres), foron encantados polos seus pais. Porén, poden adoptar aparencias moi dispares, como tal poden aparecer ante a xente como homes, mulleres, mozas (unha ou tres ou catro xuntas) ou vellas, como xigantes ou como mouros e mouras; pero tamén baixo a forma de animais (castróns, ovellas ou años, pitas ou galos negros -con ou sen poliños-, touros, lagartos, serpes, etc.), ou de diferentes obxectos (pedras que se moven, carbóns, excrementos); e mesmo sen forma visible, como ruídos, luces, músicas.[2] Como xa se dixo, os encantos coidan dos tesouros dos mouros, pero ás veces son eles os mesmos tesouros. Toda esta diferente morfoloxía pode estar agochando unha confusión entre diversos seres míticos ou fenómenos inexplicables.

Esta aparente confusión explica que Vicente Risco os denomine como seres indetermiñados:

"Moitas veces, os habitantes míticos do subchao son desiñados non como xigantes, nin como enanos, nin como xás, nin como mouros, senón como 'homes' ou 'señores', ás veces como 'encantados' ou 'encantos', sin caracterización especial"
Vicente Risco, px. 312

En definitiva, os encantos viven como prisioneiros do lugar onde se agocha o tesouro que deben protexer, cometido que deben cumprir eternamente ou por un tempo que se calcula en milenios. E, como calquera outro prisioneiro, están esperando por alguén, algún humano, que teña a afouteza necesaria para liberalos, para desencantalos. Claro que o interese da xente por desencantalos pode estar simplemente en conseguir facerse co tesouro que protexen.

Este feito, que non sempre ten un final afortunado, dáse preferentemente cando o encanto é unha moura, unha figura feminina moi fermosa e comunmente loira en actitude sedutora. Adoitan presentarse peiteando o seu cabelo cun peite de ouro, que ofrecerán a quen se lles achegue, ou ante unha pedra ou sobre un mantel no que, a modo de mostrador, expoñen diferentes obxectos de prata e ouro. A moura ofrece as súas riquezas, e outras veces a sí mesma en matrimonio, ó mozo que se atreva a desencantalas, e acorda con el un día e hora. Cando se presenta o mozo no lugar, a moura aparéceselle en forma de cobra xigantesca e ameazadora, e o mozo ten que darlle un bico (ou sete, ou nove) na boca. Se non se espanta co medo -que é o habitual- e dálle o bico prometido, a moura queda desencantada e entrégalle todo o ouro que gardaba. Claro que hai veces que nin así logra o éxito, pois hai mouras que agora esixirán un boi diario para comer.

Outras veces trátase de mulleres encantadas que viven baixo o castro, ou no río ou fonte. Algún veciño do lugar recibe o encargo de desencantalas, tal como llo pide un mouro estranxeiro (por veces, castelán). Este entrégalle un molete de pan de catro cornechos (ou tres ou catro panes) que debe levar a tal lugar e botalos á auga, e debe facer esta encarga sen dicirllo a ninguén. Se cumpre estas instrucións, da auga sairán as mozas desencantadas, en cadanseu cabalo branco, e premiaranlle con grandes riquezas.

O conto nunca sae ben porque a muller do tal home consegue facerlle confesar o segredo e sácalle un cornecho a un dos moletes. Cando o home chega ó lugar indicado e os bota á auga, saen dúas doncelas nos seus cabalos pero a terceira non pode fuxir porque lle falta unha pata ó seu cabalo, polo que non se rompe o seu encantamento e o home non recibe as riquezas prometidas. Por despeito, a moura entrégalle unha prenda de roupa (un xustillo ou un mantón) para que o leve á muller, pero el próbao nunha árbore do camiño á casa, e a árbore arde e consómese en canto llo pon, destino pensado para a muller.

Encantos por feitizo do pai

Como xa se dixo, hai casos nos que o encantamento foi obra do pai, como aconteceu co encanto que está na fonte Pormás, da Castañeda, en Arzúa. Cóntase que un fidalgo quixo acabar cos pretendentes da filla e acordou deixala, encantada, nunha fonte. A filla chorou e suplicou que non o fixera pero o pai tranquilizouna e aseguroulle que estaría ben. O pai levara uns sacos e, cando os servintes marcharon, sacou un libro dun deles e comezou a ler: a filla, sen saber como, foi entrando polo cano da fonte e tras ela entraron os sacos todos. Só quedara fóra un adival e o pai seguiu lendo ata que o adival se converteu nunha serpe, que tamén entrou polo cano. O pai pechou o libro e exclamou, antes de regresar ó pazo: "Quen te desencantare, nove veces detrás do cachazo te ha de besare".

Un mozo que andaba por alí e que o viu todo achegouse a desencantar a moza, pero esta aparecéuselle e advertiulle que se non tiña o valor necesario, nin o intentara.[3] O mozo non se arreda e sentou ó pé da fonte, esperando ata que xurdiu a serpe, armando un forte estrondo, pero o mozo deulle tres bicos no pescozo sen miga de medo. A serpe volveu a entrar na fonte e ó pouco reapareceu, xa máis mansa e sen tanto alboroto; o mozo deulle outros tres bicos e a serpe volveu a meterse no cano. Ó pouco tempo saíu outra vez, xa mansiña de todo e ergueuse ante o mozo, que lle deu os últimos tres bicos no pescozo. De socate, a serpe caeu ó chan convertida en adival e do cano da fonte comezaron a saír sacos cheos de tesouros e, finalmente, saíu tamén a moza, fermosa como sempre.

Ámbolos dous casaron e a moza nunca máis volveu pola casa do pai, a quen nunca lle perdoou o que lle fixo.

Noutros casos de encantamentos semellantes, é a propia moza a que se converte en serpe, e ó ser desencantada recupera o seu ser natural.

Pagaíño

Por terras de Alfoz, e concretamente na parroquia do Pereiro, dise que hai uns encantos especiais, invisibles, chamados pagaíños. Por veces, déixanse ver polos veciños, e nestes casos mostran un aspecto descoidado, con roupas sucias, largas barbas e descalzos. Cando non é así, e seguen sendo invisibles, maniféstanse ó empurrar ó chan a aquela xente que non se aparta ó cruzarse con eles, ou botarlle pedras ou area.

Viven no interior dos cons que hai nos castros do lugar e, como canteiros que son, furan as pías que adoita haber na parte superior dos penedos graníticos.

Notas

  1. No Códice Calixtino (libro IV, capítulo IV) recóllese a crenza de que os mouros, neste caso, os sarracenos, fuxirían todos de España logo de esconder baixo terra os seus tesouros, ó seren derrotados por Carlomagno.
  2. "Ser da mitoloxía popular galega baixo o que se ocultan unha gran diversidade de seres, obxectos e fenómenos" (Xosé Manuel González Reboredo, en Gran Enciclopedia Galega s. v. encanto).
  3. Resulta habitual que, se o desencanto fracasa pola covardía do mozo que se apouca ante as probas ás que é sometido, o tempo no que a moura seguirá encantada aumentará considerablemente e mesmo poder facerse eterno. Por outra banda, neste caso o mozo que pretendía o desencantamento morrerá comesto pola serpe ou esmagado polo xigante, segundo o caso.

Véxase tamén

Bibliografía

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!