Monte Medulio

O monte Medulio é o lugar da batalla dos galaicos, cántabros e ástures no ano 22 a. C. contra as lexións de Caio Furnio e Publio Carisio, e onde os últimos guerreiros resistentes se suicidaron durante o sitio.

Historia

Paulo Orosio, representado nunha miniatura pertencente ó códice de Saint-Epure.

A súa situación xeográfica hoxe en día é aínda controvertida. Segundo algúns sitúase nas montañas do concello de Ḷḷena[1], outros sitúano no Picu Cervera, no Castro Meduales, en Miranda[2]. Aduciuse que fontes clásicas o sitúan preto do Bierzo[3], preto das minas romanas das Médulas, o cal explicaría a toponimia do lugar. Con todo, Paulo Orosio situábao nas partes máis afastadas da Gallaecia (Praeterea ulteriores Gallaeciae partes, quae montibus siluisque consitae Oceano terminantur) preto do río Miño (Minium flumine inminentem), o que leva a Vicente Risco a descartar esta localización, que considera unha xustificación previa á teoría de Sarmiento relativa a que o antigo Miño era o río Sil, o cal considera pouco probable en favor doutras posibles localizacións como o Monte Medelo, en Santa Cruz de Arrabaldo (sostido por Boán e que tamén conta co argumento da toponimia ao seu favor); Cabeza de Meda (na Baixa Limia, e sostido por Cortés, Cornide e Murguía), os montes Aloia (en Tui) ou Santa Trega, na Guarda (sostido por Adolf Schulten)[4].

Modernos estudos establecen unha hipótese que o situaría nun dos montes da Serra do Courel, o Monte Cido, cuxo topónimo podería provir da voz latina Occidio, (matanza, carnizaría), e no que se poden apreciar os restos dun foxo como o que, segundo os datos de que se dispón, se fixo para cercar o monte e no que se descubriron vestixios romanos como unha aguia imperial de bronce procedente dun estandarte.[5] Segundo André Pena Graña o monte Medulio estaría na xuntanza dos ríos Miño e Sil, nos Peares[6].

A principal referencia á batalla da que dispoñemos é a de Paulo Orosio:

..."Por outro lado, os legados Antistio e Firmio someteran en singulares e duros combates as partes máis afastadas de Galiza, as cales, sementadas de montes e bosques, terminan no océano. Asediaran efectivamente, mediante a construción dunha fosa de 15 millas ó seu redor, o monte Medulio, que se levantaba sobre o río Minius e no que se tiñan fortificado unha multitude de persoas. O resultado final foi que, cando esta raza de xentes, cruel e feroz por natureza, comprendeu que eran insuficientes para aguantar o asedio e sen capacidade para entrar en combate suicidáronse por temor á escravitude." - Paulo Orosio, Hist. VI, 21[7]

Segundo cita o historiador romano Floro sobre a batalla:

... "os indíxenas ao ver chegada a fin da súa resistencia, a porfía danse a morte co lume e co ferro, no medio dunha comida, cun veleno que alí se extrae comunmente do teixo, librándose así a maior parte da escravitude que a unha xente ata entón indómita parecía máis intolerable que a morte ..."[8]
- Lucio Anneo Floro.

Segundo o padre Sarmiento e Vicente Risco, uns inxeriron o veleno do teixo, mentres que outros se botaron ao lume dunha inmensa fogueira e outros se deron morte coas súas espadas. Ramón Cabanillas escribiría no seu poema "¡En pé!", pertencente ao seu poemario de 1917 Da terra asoballada:

"O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre honrada chouza!"
- Ramón Cabanillas, "¡En pé!", 1917

Notas

  1. Menéndez Pidal (1897), Caunedo Tuñón e Quirós
  2. Testamento baixomedieval atopado na catedral de Oviedo
  3. Bellum Cantabricum et Asturicum
  4. Historia de Galicia, Vicente Risco, Obras completas, tomo IV, pag. 265, ISBN 84-453-1487-4
  5. Traballo que apunta a hipótesis da localización do Medulio no Courel
  6. André Pena Graña, 31:10
  7. Orosius, Book 6. Chapters 13-22 : 55 to 1 B.C. Adapted from the translation by I.W. Raymond (1936). Click on the L symbols to go to the Latin text of each chapter.(en inglés)
  8. A monarquía asturiana. Editorial prensa asturiana, páxina 23

Véxase tamén

Bibliografía

  • Schulten, A. (2000): Los Cántabros y Astures y su guerra con Roma. Santander.

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!