O monte Aloia presenta un relevo accidentado con cotas que oscilan entre os 80 e os 629 metros do alto de San Xiao, desde onde se domina un amplo tramo do río Louro e do río Miño ata a súa desembocadura.
Hidrografía
Está cruzado por varios regueiros entre os que destacan o regueiro das Cabanas, o Deique e o das Tabernas.
Xeoloxía
Os seus solos son ácidos. Son de escasa ou media profundidade e están sobre substrato granítico que aflora con frecuencia orixinando laxas e rochedos, característicos da comarca do Baixo Miño.
Flora e fauna
Flora
É abundante a vexetación arbustiva do toxo, queiruga (Calluna vulgaris), xesta e carpazas. Quedan algúns restos de caducifolio autóctono como carballeiras de carballo común (Quercus robur, árbore dominante antes das repoboacións do século XX), sobreirais (Quercus suber, que indica certa mediterraneidade no clima) e vexetación de ribeira composta por, entre outras, amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). Tamén é frecuente a presenza de sanguiño (Frangula alnus), bidueiro (Betula alba), castiñeiro (Castanea sativa), acivro (Ilex aquifolium), érbedo (Arbutus unedo), estripeiro (Crataegus monogyna), abruñeiro (Prunus spinosa), pereira brava (Pyrus cordata) e abeleira (Corylus avellana).
En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeiros —do país (Pinus pinaster), silvestre (Pinus sylvestris) e radiata (Pinus radiata)— e establecéronse masas de árbores exóticas dando lugar a un arboreto de grande interese. O eucalipto (Eucalyptus globulus) tamén foi intoducido en grandes cantidades, constituíndo canda o piñeiro a base arbórea do monte.
Nel atopáronse restos de Citania, un poboado castrexo anterior á romanización, e outro prehistórico no Alto dos Cubos. Apareceron restos prehistóricos como machadas, muíños de man, ou cerámica. Tamén hai unha muralla ciclópea[4], de 1250 metros de lonxitude, que circunda a meseta superior. Hai quen atribúe o nome de monte Aloia á presenza da lexión romana V Alaudae.
Hai constancia das poboacións tudenses usando o monte Aloia como refuxio en sucesivas invasións como as romanas (e asóciase co monte Medulio de autores latinos), as árabes, as normandas, as francesas e as portuguesas.[5]
Patrimonio relixioso
A capela de San Xián foi reconstruída no 1713 sobre un templo románico. Ocupa o centro dun grande adro do que parte por unha banda unha escalinata de pedra ata a fonte do santo e pola outra, un Vía Crucis que culmina na Gran Cruz de 1910.
Patrimonio civil
No parque hai:
Unha casa forestal de 1921 de curioso deseño do enxeñeiro de montes Rafael Areses e un monumento de homenaxe a ese enxeñeiro.
Unha nova casa forestal e sede da Xunta Reitora do parque.
Unha muralla ciclópea.
Etnografía
Festas
O primeiro domingo de xullo celébrase o xubileu, unha romaría adicada á Virxe das Angustias e que se fai na ermida de San Xián, Pazos de Reis. O primeiro domingo de agosto celébrase a romaría de San Fins, Rebordáns.
A imaxe de San Xián é obxecto de devoción na comarca polas súas virtudes taumatúrxicas: obtención de colleitas, curación de enfermidades ou similares.
Lendas
Hai lendas referidas ó monte que relatan como as eguas do Aloia son fecundadas polo vento ou que na cama de San Xián non medra a herba. Dan unha idea do carácter mítico que sempre tivo para os tudenses o monte Aloia.
Lexislación
Estableceuse como Sitio Natural de Interese Nacional pola Orde Ministerial do 5 de xuño de 1935. O Real Decreto 3160 do 4 de decembro de 1978 declarouno como Parque Natural.
Os terreos do espazo natural pertencen á entidade local menor de Pazos de Reis e á Comunidade Veciñal de Montes en mancomún de Rebordáns.[6]