Meiga chuchona

Ilustración representando unha meiga chuchona, segundo unha intelixencia artificial.

A meiga chuchona é unha figura mítica do imaxinario popular galego que deu orixe a unha lenda tradicional que se coñece co mesmo nome.[1] Algúns autores afirman que non se trata dun tipo especial de meigas senón que son meigas normais: "Non se debe crer que a meiga chuchona sexa outra ca meiga ou bruxa. De feito, é o mesmo ser, que algunhas veces fai esta maldade como fai outras"[2].

A figura da meiga chuchona (ou zugona ou mamona) soborda o campo da mitoloxía galega e foi relacionada cos vampiros. Coñécese tamén en Italia, Portugal (onde se di que chuchan o sangue dos seus propios fillos), en Escocia) baixo o nome de Baobhan Sith, que ataca ós mozos). En Asturias coñécense como guaxas. Na Mitoloxía romana existía un ser de similares características, denominado estirge ou estrige: baixo a forma de aves de longos picos e fortes poutas atacaban ás persoas -preferentemente meniños de peito- cando estaban dormidas, desgarraban a súa carne coas uñas e zugaban o sangue, noite tras noite ata provocar a súa morte.[3]

Lendas

De acordo coa lenda, a meiga chuchona entra ao empardecer o día nas casas onde hai cativos para lles chuchar o sangue, motivo que os fai enmagrecer até quedar co corpo mirrado e mesmo chegar a morrer. Tamén se coñecen casos de zugar o sangue de persoas adultas.

Na parroquia de San Xián de Sergude, en Carral, contan o caso dunha muller á que lle foron morrendo sucesivamente tódolos fillos que ía tendo. Neste momento tiña unha nena que tamén semellaba estar consumíndose. Para saber a causa, a nai desta muller fixo a proba das tres xuncas,[4] o que lle permitiu saber que se trataba dunha meiga chuchona. A avoa díxolla ós pais que, cando deitaran a nena, lle puxeran entre a roupa unha castaña de Indias, un dente de allo e unha das Herbas de san Xoán; logo debían permanecer vixiándoa ata que aparecese unha mosca grande e negra e, cando a visen chegar onda a nena, dicir "San Silvestre, meigas fóra!", e darlle cun ramallo de loureiro ou, mellor, de abeleira- ata matala. Aconteceu tal e como dixera a vella e mataron a mosca.

Ó día seguinte sóubose que morrera na cama unha vella de Tabeaio, a uns tres quilómetros de Sergude, e todos deron por feito que esa vella era a meiga. E, efectivamente, a nena empezou a mellorar e a medrar ata converterse nunha femosa moza.

Na parroquia de San Pedro de Canaval, en Sober (Lugo) cóntase outro sucedido no que a meiga se transformara en serpe. Había un mozo que se namorara dunha moza que resultou ser unha meiga chuchona. Un día o mozo soubo a verdade e, sen darse conta, fíxolle saber a ela que xa sabía o que era, ante o que a moza se enfadou e marchou. Esa noite, o mozo desperta cando sente unha picada no pescozo e descobre que se trata dunha serpe. Tira con ela ó chan e mátaa a golpes. No día seguinte entérase que a moza aparecera morta na súa cama.

A meiga chuchona na literatura

Rosalía de Castro refírese á meiga chuchona no seu poema Airiños, airiños, aires[5].

cal si unha meiga chuchona

a miña sangre bebera
Voume quedando muchiña

como unha rosa que inverna

O poeta e médico Juan Barcia Caballero escribiu:[6]

Eu non sei que pena é esta

que me chucha, que me acaba

como feitizo de meigas

Así mesmo, Vicente Risco, refírese a ela na súa novela curta Galamandalfa, escrita en castelán (e recollida nas súas obras completas[7]):

¡Adiós hijo querido, que te comió la sangre esta meiga chuchona, esta loba, esta mal casada, que se ha de condenar en el infierno: loba, loba, que me lo dejó seco como una sardina asada, que no me le dejó una gota de sangre en su cuerpo!

Existe unha versión cinematográfica de 2006 a cargo de Pablo Millán[8].

Características

Atribucións

A desnutrición foi un problema habitual entre os campesiños galegos, especialmente grave entre os meniños, aos que debilitaba e consumía ata chegar, nalgúns casos, a producir a súa morte.[Cómpre referencia] Esta situación recibiu distintas denominacións: tangaraño ou enganido, coma máis comúns, e é o que hoxe se designaría como raquitismo.

Coa probe criatura
correron o antroido, fixeron o diaño,
os pais, os veciños,
a espalda da ciencia i en nome dos santos.
Con tales securas
morreu consomido, viviu desecado,
un ser co que poido
o iodo con ferro facer o milagro.
("O Tangaraño", Lamas Carvajal)

Adoitaba atribuírse a distintos poderes máxicos, coma un mal de ollo, unha sombra maligna que acababa con eles (de aí o nome de asombramento), un demiño ou aos efectos dunha meiga chuchona. Cuba engade outra causa: que os mouros roubaron o neno e deixaron no seu lugar un neno falso, que terminaría consumíndose.[9] Tamén se di que as meigas raptan os meniños para chucharlles o sangue:

"As bruxas gustan moito do sangue dos meniños, ós que rouban para chucharlla. A esta clase de bruxas chámaselles 'meigas chuchonas'"
Rodríguez López, px. 191 [en castelán no orixinal]

Proteccións contra as meigas

Para evitar as meigas, e a consunción dos cativos, había a crenza de que podían empregarse diferentes remedios, como atarlle no pulso ou poñerlle ó pescozo distintos amuletos (un corno de vacaloura, unha figa, un dente de allo) ou os denominados rescritos (papeis con oracións en latín dentro dunha bulsa dos atavíos). Cos mesmos efectos protectores, o dente de allo pode levalo a nai no peto cando leva o meniño ao colo.

Unha vez comezada a enfermidade, cando xa o meniño foi vítima da meiga chuchona, recorríase a outras prácticas pretendidamente curativas: queimar nunha encrucillada uns pelos do rapaz, nunha noite de lúa chea. Tamén, atarlle as dedas de mans e pés cunha cinta e saír con el a un camiño despois das 12 da noite, para pedirlle ao primeiro camiñante con quen se atope que corte a cinta: Homiño que vén á ventura, desenquirquílleme esta criatura.

Na Arnoia ataban o enfermo nunha cruz de madeira que espetaban nunha encrucillada, e pedían ao primeiro que pasase que cortase as cordas, o que debía facer en completo silencio. Outro remedio consiste en pasar tres veces o rapaz enfermo, entre dúas Marías, a través do oco dun carballo ou dunha cerdeira (abertura que algunhas veces se facía á mantenta, abrindo o tronco ao longo desde o pé e uníndoo de novo a certa altura). Ao rematar deixábanse as roupas do meniño nas pólas da árbore e vestíano con roupas novas.

Notas

  1. "A meiga chuchona". engalecine6.webnode.es. Consultado o 2020-04-02. 
  2. Cuba, px. 162.
  3. "¿Qué eran las estriges, los vampiros de la antigua Roma?" (en castelán). Consultado o 6.12.2024. .
  4. Cóllense tres xuncas nacidas dun mesmo pé, córtanse exactamente iguais e e márcanse con cadanseu papeliño cos nomes das tres posibles doenzas (mal de ollo, envexa ou meigallo). Pasados tres días vólvese ó lugar e mídense, e aquela que máis medrara é a causa da doenza. Co mesmo sistema, pero identificando cada xunca co nome dun santuario, escollíase a onde había que ir para pedir axuda a un santo determinado.
  5. Poema Airiños, airiños, aires de Rosalía de Castro
  6. Barcia Caballero: Rimas, citado por Rodríguez López, px. 191.
  7. Obras Completas de Risco en Google Books. Páx. 188.
  8. Ficha técnica d'A meiga chuchona.
  9. Cuba, px. 162-163.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!