Cosso

Cosso
Deus da guerra
Ilustración representando o deus Cosso, segundo unha intelixencia artificial.
Outros nomesCosus
Cossue ou Cosei en dativo
AnimaisOso
XéneroMasculino
RexiónGallaecia
Grupo étnicoGalaicos
Equivalentes
Equivalente romanoMarte
Ara a Coso DaviniagoCOSOV/ DAVINI/AGO/ Q V C / EX VOTO A Coso Udaviniago. Q(?), V (?) C (?) cumpriu o seu voto. Procedencia: Antiga igrexa parroquial de San Martiño de Meirás, Sada, A Coruña.

Cosso (ou Cosus; Cossue ou Cosei en dativo)[1] é un deus guerreiro presente na zona norte do territorio da antiga Gallaecia, que gozou dunha gran popularidade entre os galaicos lucenses. Foi un dos deuses máis venerados na antiga Gallaecia. Varios autores sinalan a que Cosso e Bandua sexan o mesmo deus, non obstante estarían baixo diferente denominación.

Etimoloxía

Blanca María Prósper relaciona a verba Cosso cora raíz *Kom-dH-to, que quere dicir "unión de ríos", onde se produciu unha evolución mdt > ns > ss / s. Segundo isto, Cosso concordaría perfectamente co britónico Condatis, coñecido por varias inscricións aparecidas no Reino Unido e unha atopada en Sarthe (Francia).[2]

Condatis asimílase tamén coa divindade corresponente romana (cif: CONDATI MARTI. Barnard Castle-Yorkshire) e, coma no caso de Cosso, o seu nome significa "Deus da unión". Esta asociación, máis o feito de que se traten de deuses guerreiros asimilados a Marte, conecta as culturas galaicas e ástur co mundo galo e britónico.

Epigrafía

Esta deidade indíxena foi estudada polo historiador portugués Armando Coelho Ferreira da Silva a través das inscricións co radical COS-.[3] Segundo o investigador portugués, as inscricións demostran a gran presenza deste deus na zona, xa que existen sete testemuños fiables, ademais de dous dubidosos.[1] Un exemplo confirmado é a inscrición de Brandomil (A Coruña) consagrada a "COSO M(ARTI)", unha clara asimilación de deidades. Esta asimiliación fai pensar a Ferreira da Silva que Cosso sería un deus supremo da guerra e non unha deidade que tivese de compartir a súa atribución con outras personaxes.[4]

Culto

Cosso sería un equivalente galaico lucense do deus Bandua ou do Marte romano. Trataríase dunha deidade que encaixaría co xeito de vida das tribos galaicas que, segundo Estrabón (3-3.7), estaban continuamente en pé de guerra antes da chegada dos romanos. Cando Estrabón fala dos habitantes montañeses do norte di que "sacrifican a Ares cabritos, bois e cabalos".[5] O xeógrafo opina que un deus coas funcións do Ares grego, deus da guerra, era o deus principal do panteón dos pobos do norte.

Tradicionalmente, houbo a convicción de que este deus supremo dos galaicos sería o que aparece mencionado nas inscricións co radical COS- ou CUS-.

Notas

  1. 1,0 1,1 Olivares Pedreño, Juan Carlos (2002). Los dioses de la Hispania céltica. Bibliotheca Archaeologica Hispana 15. Alacant: Real Academia de la Historia. pp. 67–84. ISBN 84-95983-00-1. 
  2. Prósper, Blanca María (2002). Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica. Estudios Filológicos (en castelán). Salamanca: Ed. Universidad de Salamanca. pp. 250–252. ISBN 9788478008186. 
  3. Armando, Coelho Ferreira da Silva (1986). A cultura castreja no noroeste de Portugal (en portugués). Museu Arqueológico da Citânia de Sanfins. pp. 286–300. 
  4. Blázquez, José María (1998). "Los cultos sincréticos y su propagación por las ciudades hispanorromanas". Actas del Congreso Internacional de Lugo (Lugo: Deputación Provincial de Lugo). Vol. 1: 249–274. 
  5. Estrabón (1867). "Libro III". Géographie (en francés). París: L. Hachette et Co. p. 253. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Blázquez, J.M: Primitivas religiones ibéricas, vol. II - Religiones prerromanas, 1984 ISBN 9788470573330
  • Prósper, Blanca Mª.: Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica, Ed. Universidad de Salamanca, Salamanca 2002. ISBN 9788478008186

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!