O océano Ártico,[1] tamén coñecido como océano Glacial Ártico,[2] é a menor das cinco grandes divisións oceánicas do planeta Terra.
Está situado no hemisferio norte, na súa gran maioría na rexión polarártica. A Organización Hidrográfica Internacional recoñece o Ártico como un océano, se ben é chamado por parte da oceanografía mar Ártico Mediterráneo ou simplemente mar Ártico, clasificándoo como un dos mares mediterráneos do océano Atlántico.[3] Por outro lado, o océano Ártico pode ser visto como o lobo norte do océano Mundial.
Case completamente envolvida por Eurasia e por América do Norte, o océano Ártico está parcialmente cuberto por xeo durante todo o ano: case por completo no inverno, se ben no comezo do século XXI a superficie cuberta por xeo é de só entre 1/3 e 1/2 a finais do verán. A temperatura e a salinidade do océano Ártico varían segundo esta cobertura de xeo se derrete e conxela;[4] a media de salinidade é a máis baixa en comparación cos cinco grandes océanos, debido á baixa evaporación, ao fluxo pesado de auga doce de ríos e correntes, e a conexión limitada con augas oceánicas de salinidade máis elevada. No verán o nivel do xeo diminúe nun 50 %.[5] O National Snow and Ice Data Center (NSIDC) usa datos de satélite para fornecer un rexistro diario da cobertura de xeo do Ártico e a taxa de fusión, en comparación cun período medio dos últimos anos.
Características
O océano Ártico ocupa unha bacía aproximadamente circular e cobre unha área de cerca de 14 056 000 km², case do tamaño da Federación Rusa,[6][7] cun litoral de 45 390 km.[6][8]
A capa de xeo que cobre o océano ten unha superficie caótica por mor dos movementos que a animan, e ten un espesor de dous a catro metros. Vese afectada por unha deriva, desde a illa de Wrangel até o polo Norte e o arquipélago de Svalbard. Os límites da capa, variables segundo as estacións do ano, permiten en verán unha certa circulación marítima do mar de Barents ao cabo Tcheliuskin.
Chegaron a estas conclusións mediante o estudo de materiais orgánicos atopados en lodo de illotes de xeo do ártico. Aínda non se sabe porque se daban estas temperaturas naqueles tempo pero crese que puido ser o efecto invernadoiro derivado dunha forte concentración de dióxido de carbono na atmosfera.
Clima
O océano está situado na zona de clima polar, en que as temperaturas mínimas poden baixar de -50 °C, existindo frío permanente e pouca variabilidade zonal. Os invernos son caracterizados por escuridade continua por mor da noite polar, e por condicións estables co ceo limpo. En verán hai sol de medianoite, ceos nubrado e ciclóns con neve ou choiva, aínda que de baixa intensidade. Ten lugar o fenómeno da aurora boreal.
A temperatura da superficie do océano Ártico é practicamente constante, próxima do punto de conxelación da auga do mar, pouco superior aos 0 °C. No inverno o mar exerce unha influencia moderadora, aínda que estea cuberto por xeo, polo que no Ártico nunca se verifican os extremos de temperatura que teñen lugar na Antártida.
O océano ten unha boa parte de zona sólida, con numerosos icebergs.
↑"Oceans of the World"(PDF). rst2.edu. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 19 de xullo de 2011. Consultado o 28 de outubro de 2010.
↑"Arctic Ocean Fast Facts". wwf.pandora.org (World Wildlife Foundation). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2010. Consultado o 28 de outubro de 2010.