O mar das Hébridas comunica directamente co océano Atlántico polo sur, e, indirectamente, tamén o fai polo oeste a través dos diferentes estreitos existentes entre as distintas illas do grupo sur das Hébridas Exteriores. Polo norte, a través do estreito chamado O pequeno Minch conecta con outro mar epicontinental do océano Atlántico, O Minch.
Os límites do mar das Hébridas non están claramente definidos, pero habitualmente adóitase considerar como límite suroccidental a liña que une o illote de Solan, no oeste, e a illa de Tiree, no sueste; como límite oriental, a costa occidental da illa de Mull, unha pequena parte da costa noroccidental da illa de Gran Bretaña e a costa suroccidental da illa de Skye; como límite occidental, o grupo de illas meridionais das Hébridas Exteriores, Barra, South Uist e Benbecula; e, o límite norte, é o inicio da canle do pequeno Minch, entre a illa de Grimsay e a punta oriental da illa de Skye.
No interior do mar das Hébridas están localizadas varias illas importantes, como Rum (104´62 km²), Eigg (30´49 km²), Tiree (78´2 km²), Coll (76´92 km²), Canna (11´30 km²), Muck (5´59 km²).
No mar das Hébridas prestan servizo varias compañías de transbordadores que comunican as illas, con liñas como Castlebay-Oban, Bag a Chaisteil-Maillag, Eigg-Maillag ou Lochboisdale-Oban.
Extensión
A máxima autoridade internacional en materia de delimitación de mares, a Organización Hidrográfica Internacional («International Hydrographic Organization, IHO), non considera o mar das Hébridas como un mar independente, senón formando parte dos «mares interiores da costa oeste de Escocia» (Inner Sexas off the West Coast of Scotland) ao que, na súa publicación de referencia mundial, «Limits of oceans and seas» (Límites de océanos e mares, 3ª edición de 1953), asigna o número de identificación 18 e defíneo da forma seguinte:
No Oeste e Norte. Unha liña que vai desde Bloody Foreland (55º10'N, 8º17'W) en Irlanda, ata o oeste da illa Tory, a Barra Head, ao punto suroeste das illas Hébridas, e desde alí a través destas illas, de tal xeito que as costas occidentais das principais illas pertencen ao océano Atlántico (23) e todas as augas do estreito pertencen aos Mares Interiores, ata Butt of Lewis (North Point), e desde alí ata o cabo da Ira (Cape Wrath) (58º37'N) en Escocia.
No Sur. Unha liña que une o extremo sur de Mull of Galloway (54º38'N) en Escocia e punta Ballyquintin (54º20'N), en Irlanda.[3]
↑«On the West and North. A line running from Bloody Foreland (55º10'N, 8º17'W) in Ireland to the West point of Tory Island, on to Barra Head, the Southwest point of the Hebrides, thence trough these islands, in such a manner that the West coasts of the main islands appertain to the Atlantic Ocean (23) and all the narrow waters appertain to the Inner Seas, as far as the Butt of Lewis (North Point), and thence to Cape Wrath (58º37'N) in Scotland. On the South. A line joining the South extreme of Mull of galloway (54º38'N) in Scotland and Ballyquintin Point (54º20'N) in Ireland». A tradución ao galego é propia. Versión orixinal en International Hydrographic Organization, ed. (2002). "1.3 Inner Seas off the West Coas of Scotland". The North Atlantic Ocean and its Sub-divisions (Informe) (en inglés). Arquivado dende o orixinal|url= incorrecto (Axuda) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 26 de maio de 2019.