A Copa Mundial da FIFA 1998 (en francés: Coupe du Monde - France 98) foi a edición número dezaseis do Campionato Mundial de fútbol de seleccións, a competición máis importante deste deporte. O torneo, organizado por Francia, comezou o 10 de xuño e rematou o 12 de xullo coa vitoria da selección de Francia sobre Brasil, conseguindo o seu primeiro título.
Elección da sede
Francia foi elixida o 2 de xullo de 1992 polo comité executivo da FIFA para ser a sede do Mundial de Fútbol de 1998, durante unha reunión mantida en Zürich, Suíza. Superaron á candidatura de Marrocos por 12 votos a 7.[1] Suíza retirouse do proceso de selección xa que non puido reunir os requisitos da FIFA. Esta elección converteu a Francia no terceiro país en albergar dous Mundiais de Fútbol tras México e Italia. A primeira vez que o Mundial se disputou en Francia foi no ano 1938.
O sorteo de clasificación para o Mundial de Fútbol de 1998 tivo lugar o 12 de decembro de 1995 no Museo do Louvre de París.[3] Como país organizador, Francia clasificouse directamente para o torneo, igual que o Brasil por ser o anterior campión. Nesta fase de clasificación participaron 174 equipos de seis confederacións diferentes, 24 máis que a edición anterior. Catorce seleccións europeas (ademais de Francia como país organizador) clasificáronse para o torneo.[4] A CONMEBOL (América do Sur) e a CAF (África) tiveron cinco representantes no torneo, a AFC (Asia) tivo catro e a CONCACAF (América do Norte, América Central e o Caribe) tivo tres. A OFC (Oceanía) foi a única que quedou sen representantes no Mundial de 1998.