Os seus partidos coma local adoitaos xogar no Estadio Rei Balduíno de Bruxelas (en neerlandés: Koning Boudewijnstadion, en francés: Stade Roi Baudouin), antigamente coñecido como Heysel que foi triste teatro da traxedia da final da Copa de Europa entre a Juventus e o Liverpool F.C. o 29 de maio de 1985, cando 39 espectadores morreron durante as disputas entre adeptos de ambos equipos. O estadio foi completamente remodelado.
Bélxica participou nun total de once Mundiais, acanzando o seu mellor posto en México 1986, cando chegaron ás semifinais e acadaron o carto posto, tras ser derrotados nas mesma por Arxentina. Os Diaños Vermellos teñen o récord de asistencias a unha Copa Mundial ininterrompidas por vía de clasificatorias, xa que se clasificou de xeito consecutivo en seis ocasións dende 1982 a 2002. O combinado belga tamén conseguiu bos resultados na Eurocopa, aínda que sen conseguir gañala nunca, sendo o seu mellor posto o subcampionato acadado en Italia 1980. Nos Xogos Olímpicos, Bélxica gañou a medalla de ouro en 1920 cando foi a anfitrioa en Anveres. En 1900, un representante belga (a Universidade de Bruxelas) obtivo a medalla de bronce no torneo de exhibición.
Historia
Bélxica xogou o seu primeiro partido oficial o 1 de maio de 1904 nun empate 3-3 fronte a selección de Francia. Con todo, antes dese encontro, unha selección belga xogara xa varios partidos, mais nesa selección xogaban tamén algúns xogadores ingleses, polo que estes non se contabilizan. Por exemplo, Bélxica venceu aos Países Baixos por 8-0 o 28 de abril de 1901 coa axuda dalgúns ingleses. Decidiuse entón que Bélxica xogaría dúas veces ao ano contra os Países Baixos a partir de 1905, polo xeral unha vez en Anveres e unha vez en Rotterdam (máis tarde Ámsterdan). Nese momento, o equipo nacional foi elixido por un comité de representantes dos seis ou sete principais clubs.
O equipo foi alcumado os Diaños Vermellos polo xornalista Pierre Walckiers despois da súa vitoria 3-2 sobre os propios Países Baixos en Rotterdam en 1906. O alcume deriva do feito de que dende o principio e até hai pouco, o equipamento era completamente de cor vermella. Durante as seguintes seis décadas, Bélxica estabeleceuse como un sólido equipo de segundo nivel, de cando en cando na carreira por gañar un torneo maior. Unha das vantaxes clave do equipo foi o uso sistemático da trampa do fóra de xogo, unha táctica defensiva desenvolvida na década de 1960 polo R.S.C. Anderlecht e o seu adestrador, o francés Pierre Sinibaldi.
O período de maior éxito comezou cando terminou segundo na Eurocopa 1980, así a década de 1980 e comezos da de 1990 está considerada en xeral a idade de ouro da selección. Baixo a dirección de Guy Thys, quen adestrou a selección durante máis de 100 partidos oficiais, Bélxica estableceu unha reputación de ser un equipo físico, ben organizado, difícil xogar en contra e con rigor na organización do equipo, reforzado por varios xogadores de clase mundial, como o porteiro Jean-Marie Pfaff, o lateral dereito Eric Gerets, o mediocampista Jan Ceulemans, e o volante Enzo Scifo. As actuacións da selección eran ás ás veces pobres contra os equipos de rango inferior, mais case sempre inspiradas contra os mellores equipos. Até hai pouco, como en 2002, aos equipos nacionais de clase mundial non lles gustaba a idea de xogar ante os Diaños Vermellos, nin sequera a seguinte campioa mundial, o Brasil. Así, os belgas case eliminan os suramericanos do mundial. Dende entón, con todo, o equipo foi perdendo nivel e non foi capaz de recuperar a súa reputación pasada.
Despois de fallar na clasificación para o mundial de 2006, feito que ocorría por primeira vez dende 1978, o contrato do adestrador da selección, Aimé Anthuenis, non foi renovado, e decidiuse o 22 de decembro de 2005 que René Vandereycken sería o seu subtituto. Porén, o equipo non mellorou e os Diaños Vermellos baixaron ao posto máis baixo da clasificación da FIFA da súa historia, o 71, en xuño de 2007. Despois de non lograr clasificarse para a Eurocopa de 2008 e ao Mundial 2010, cun pobre rendemento, Vandereycken foi destituído o 7 de abril de 2009. Despois dunha sorprendente perda de 2-1 contra Armenia o 9 de setembro de 2009, Vercauteren renunciou antes do previsto e deu paso ao novo adestrador, Dick Advocaat. Con todo, o 15 de abril de 2010, despois de só seis meses no cargo, Advocaat renunciou no medio de especulacións de que ía converterse no adestrador de Rusia. Os rumores resultaron verdadeiros e Georges Leekens foi anunciado como o próximo seleccionador o 11 de maio de 2010.