Os Xogos Olímpicos de 1924 foron realizados en París, en Francia, entre o 20 de abril e o 27 de xullo, coa participación de 2956 atletas, entre eles 136 mulleres, representando 44 países, un récord até entón, para felicidade e gloria de Pierre de Coubertin, que vía os Xogos volver á súa terra natal, após vinte anos, coa presenza de 1000 xornalistas e a primeira transmisión radiofónica das probas. Estes foron os últimos Xogos organizados baixo a presidencia do Barón de Coubertin.
Ó contrario dos primeiros e fracasados Xogos na cidade, en 1900, desta vez París preparou un suntuoso complexo olímpico para hospedar os diversos deportes, en particular o confortable e moderno Estadio Olímpico de Colombes, con capacidade para 60.000 persoas, onde os nomes dos campións olímpicos destes Xogos foron gravados en mármore nas súas paredes. Foi tamén a primeira vez que os atletas se instalaron nunha pequena vila olímpica, formada por varias pequenas casas de madeira.
Foi nesta edición dos Xogos nos que por primeira vez foi empregado o lema olímpico Citius, Altius, Fortius , ou, máis rápido, máis alto, máis forte, cuñado en latín por un monxe francés, Frei Henri Didon e no que as tres bandeiras, olímpica, do país anfitrión e do próximo país en recibir os Xogos, foron izadas lado a lado na cerimonia de clausura.
A proba dos 100 m lisos foi gañada por un inglés, Harold Abrahams, poñendo fin a unha longa imbatibilidade norteamericana na máis popular das probas do atletismo. A historia desta proba e do seu campión foi levada ó cinema en 1981 no filme Chariots of Fire, que conquistou catro Óscars, entre eles o de mellor filme, e transformou o seu tema musical, do grego Vangelis, no himno de todos os corredores do mundo.