Os XXIV Xogos Olímpicos de Sidney, Australia, realizados entre o 15 de setembro e o 1 de outubro do ano 2000 e tamén coñecidos como Xogos do Milenio, foron os maiores organizados até o de entón, con 10.651 atletas de 199 países competindo en 300 eventos deportivos. Sucedéronse nunha atmosfera pacífica e estiveron ben organizados.
Australia, país anfitrión, preparouse para os seus Xogos coa intención de tornarse unha potencia olímpica e conquistou a espectacular marca de 58 medallas, sendo 16 de ouro, ficando na cuarta posición no cadro de medallas final dos Xogos, a mellor participación da súa historia.
Ademais de Sidney, catro cidades máis tentaron realizar os Xogos da XXVII Olimpíada: Pequín (China), Berlín (Alemaña), Istambul (Turquía) e Manchester (Inglaterra). A escolla de Sidney como sede foi en certo modo unha sorpresa, pois a favorita era Pequín.
O facho olímpico foi acendido pola descendente de aborixes Kathy Freeman, nun simbólico mea culpa dos australianos pola dominación e case extinción da raza indíxena que habitaba Australia antes da chegada dos brancos. Esta mesma atleta gañaría despois a medalla de ouro nos 400 metros lisos.
As dúas Coreas entraron no estadio unidas baixo a mesma bandeira por primeira vez nos Xogos, mais competiron separadas.
Catro atletas de Timor Leste, recentemente independente e aínda loitando pola autonomía, desfilan na apertura dos Xogos, baixo o manto da bandeira olímpica (participan como participantes olímpicos independentes).
Ian Thorpe, australiano de 17 anos, tórnase no maior nome da natación dos Xogos, ao gañar tres medallas de ouro, quebrando a súa propia marca mundial nos 400m libres. No caso feminino é a neerlandesa Inge de Bruijn, con tres ouros e unha marca mundial.
Steve Redgrave, de Gran Bretaña, conquista a súa quinta medalla de ouro consecutiva en cinco Xogos consecutivos no remo.
O loitador de taekwondo Hieu Ngan Tran, gañou a primeira medalla, de prata, de Vietnam, dende a primeira participación do país en 1952.
O sistema de selección de deportistas olímpicos en cada país tamén deu lugar a situacións rechamantes, como a de Eric Moussambani, nadador de Guinea Ecuatorial. Tiña aprendido a nadar apenas seis meses antes do inicio dos Xogos e durante as competicións de Sidney foi a primeira vez que nadaba en piscinas con distancia oficial (en Guinea Ecuatorial non existían piscinas olímpicas). O nadador competiu nos 100 m libres só, xa que os dous competidores da súa serie foran desclasificados. Case afoga, chegando cun tempo de máis do dobre que os demais clasificados, mais pola súa simpatía e polo espírito olímpico converteuse nun dos deportistas destacados da competición.
Nestes Xogos, o tríatlon e o taekwondo fixeron a súa estrea olímpica.