A Copa Mundial da FIFA España 1982 foi a duodécima edición do Campionato Mundial de fútbol de seleccións. O torneo comezou o 13 de xuño no Camp Nou de Barcelona, co encontro entre as seleccións da Arxentina e de Bélxica, e finalizou o 11 de xullo no Estadio Santiago Bernabéu de Madrid. O Mundial de Fútbol de 1982 foi a culminación dunha fase de clasificación que comezou o 26 de marzo de 1980 involucrando a 109 seleccións de 6 confederacións.
O campionato contou por vez primeira coa participación de 24 seleccións nacionais, ampliando o número de participantes por cada confederación. De feito, esta edición foi a primeira da historia en contar con participantes de todos os continentes. Para dar cabida a este novo número de equipos, fixéronse mudanzas no sistema de competición: houbo un formato con dúas liguiñas e fase final. Porén, este formato só foi utilizado nesta edición. O comité organizador habilitou un total de 17 estadios en 14 sedes.[1] A campioa do torneo foi a selección de Italia, a cal conseguiu derrotar na final á selección da Replica Federal Alemá por 3−1 na final. Italia con este título, o terceiro na súa historia despois dos de 1934 e 1938, igualou naquela altura ao tamén tricampión Brasil. Dentro da selección italiana destacou o dianteiro Paolo Rossi, o cal foi o máximo goleador do torneo con seis tantos.
Algúns dos momentos máis destacados desta edición foron o xogo entre Italia e o Brasil da segunda fase disputado no Estadio de Sarrià de Barcelona; a semifinal entre Francia e Alemaña Federal, a cal foi a primeira da historia que se tivo que resolver co lanzamento de penaltis; a irrupción do irmán do emir de Kuwait na metade dun xogo;[2] a goleada por 10−1 de Hungría ao Salvador e o resultado pactado entre Alemaña Federal e Austria que clasificaba a ambos para la segunda rolda, xogo a partir do cal a FIFA tivo que introducir horarios unificados na última xornada da fase de grupos.[3]
Esta foi a primeira ocasión que o número de equipos participantes aumentou, xa que a FIFA nun congreso realizado tempo antes da Copa Mundial de 1978 admitiu no torneo a 24 seleccións nacionais.
Coas novas regras tamén cambiaba o sistema de clasificación: outorgáronse trece prazas a Europa, tres a Suramérica, dúas a América de Norte/América Central, dúas a África e dúas a Asia/Oceanía, ademais das prazas por país organizador, outorgada a España, e por campión defensor, outorgada a Arxentina.
O torneo sufriu, ademais, un cambio de formato debido aos novos países incluídos. Nesta edición dividiuse o torneo en tres fases: unha primeira fase ou rolda conformada por seis grupos de catro seleccións cada un, onde os dous primeiros de cada grupo clasifícanse á segunda fase. Esta segunda fase estaba composta por catro grupos de tres equipos cada un, onde o primeiro de cada un pasa a unha terceiro fase de eliminación directa, composta por semifinal e final.
Como país organizador, España clasificouse automaticamente ao torneo, así como Arxentina por ser a vixente campioa do Mundial tras gañar en 1978.
As seguintes 24 seleccións clasificáronse para a fase final.
Nesta Copa do Mundo produciuse o debut de cinco seleccións, que ata entón nunca se clasificaron para a fase final. Estas cinco son as seguintes: Alxeria, o Camerún, Honduras, Kuwait (única vez na historia que chegou á fase final) e Nova Zelandia.
O Mundial de Fútbol de 1982 foi o mundial disputado nun só país co maior número de cidades sede (14), así como o maior número de estadios (17).
O mundial tivo como mascota a Naranjito. O personaxe representaba unha laranxa, froito típico da zona de Valencia e Andalucía, vestida co uniforme da selección de fútbol de España e cun balón de fútbol debaixo do brazo esquerdo.
A pelota oficial foi a Adidas Tango España. O deseño non variaba moito da Tango do Mundial da Arxentina de 1978, ambas usaban como material o coiro, pero este modelo traía costuras impermeables que reducían a absorción de auga en caso de choivas.