O Mundial de Fútbol de 1970 foi a novena edición do campionato do mundo de seleccións internacionais de fútbol, a Copa do Mundo da FIFA. O torneo celebrouse entre o 31 de maio e o 21 de xuño en México, sendo esta a primeira edición do torneo con sede en América do Norte, así como a primeira fóra de Europa e América do Sur. Na fase de clasificación para o torneo, que comezou en maio de 1968, participaron seleccións representando a 75 países de seis continentes. Deste proceso saíron catorce equipos que se uniron á anfitrioa México e aos defensores do título Inglaterra. As seleccións debutantes neste torneo foron Israel, Marrocos e O Salvador.
O campión do torneo foi o equipo do Brasil, o cal venceu na final celebrada no Estadio Azteca de Cidade de México á selección italiana por 4−1. Esta vitoria supuxo o terceiro título para os brasileiros, o que lles permitiu ficar co Trofeo Jules Rimet en propiedade. Isto supuxo que para a seguinte edición, en 1974, a FIFA introducise un novo trofeo. Esta selección do Brasil, que contaba con xogadores como Pelé, Gérson, Jairzinho, Rivellino ou Tostão, esta considerada como unha das mellores en teren participado do Mundial.[1] De feito, os brasileiros conseguiron gañar todos os seus encontros tanto da fase de clasificación como da fase final.
Pese aos problemas derivados da altitude e as altas temperaturas,[2] o torneo destacou polo seu fútbol ofensivo e a cantidade de goles marcados, sendo a media de goles por encontro deste torneo a máis alta de toda a historia. Cos avances en comunicacións por satélite, este torneo supuxo un récord de audiencia televisiva, sendo os encontros retransmitidos en directo para todo o mundo, algúns deles incluso en cor por vez primeira.[3][4]
Antecedentes
De acordo aos criterios de rotación continental, despois da celbración da edición de 1966 en Inglaterra, o torneo de 1970 debía ser organizado por un país americano. Os candidatos foron México, que presentaba candidatura por vez primeira, e a Arxentina, na cal era a súa cuarta tentativa (previamente tentara organizar os campionatos de 1934, 1942 e 1962). Outras candidaturas foron presentadas, mais abandonaron antes da votación. A candidatura de México supuxo unha grande controversia debido a que o país xa fora escollido en 1963 sede dos Xogos Olímpicos de 1968. A FIFA xunto co Comité Olímpico Internacional, analizaron se organizar dúas competicións da devandita magnitude nun lapso de dous anos non sería prexudicial para a organización dos seus respectivos eventos. Con todo, o máximo organismo do fútbol chegou á conclusión de que a infraestrutura que se herdaría da Olimpíada sería beneneficiosa para a organización do mundial. Este feito, xunto coa maqueta do Estadio Azteca e maior estabilidade política do país norteamericano nese momento inclinaron a balanza ao seu favor, converténdose o 8 de outubro de 1964 no primeiro país en organizar uns Xogos Olímpicos e unha Copa do Mundo de Fútbol de forma consecutiva.
Na fase de clasificación para o Mundial foron inscritos setenta e cinco equipos, cinco dos cales retiráronse antes do comezo. Descontando os clasificados automáticos, México e Inglaterra, organizador e campión defensor, respectivamente, participaron sesenta e oito equipos, disputando 170 partidos e anotando 542 goles. A diferenza do torneo anterior, os equipos africanos recibiron por vez primeira unha praza directa na fase final (Exipto se clasificara en 1934 debido ao retiro dos seus adversarios). Esta praza foi conseguida por Marrocos. De igual forma, unha praza foi entregada ao gañador da clasificatoria de Asia e Oceanía, na que participou de maneira extraordinaria Rhodesia, excluída da CAF. Finalmente, clasificouse Israel tras vencer a Australia.
Europa contaba con oito prazas alén da de Inglaterra. Para escoller aos equipos participantes dividiuse aos vinte e nove candidatos en oito grupos, obtendo a clasificación o campión de cada un. No grupo 2, Checoslovaquia e Hungría empataron no primeiro lugar, polo que xogaron un encontro de desempate en campo neutral (Marsella). O partido foi gañado polos checoslovacos por 4−1, obtendo así a súa clasificación. América do Sur, por outra banda, dispoñía de tres prazas para dez equipos. Nun sistema semellante ao europeo, os equipos foron divididos en tres grupos, sendo o campión de cada un deles o que disputaría o Mundial. Cómpre destacar a ausencia da Arxentina despois de finalizar última no seu grupo. Foi esta a súa primeira ausencia despois de fallar nas eliminatorias.
América do Norte contaba cunha praza para trece equipos. O feito máis máis lembrado desta fase de clasificación da CONCACAF foi a chamada Guerra do Fútbol. Honduras e O Salvador levaban meses de tensión debido a diversas disputas de carácter económico, político, fronteirizo e migratorio. Durante a segunda fase da clasificatoria, ambos os países tiñan que se enfrontar en encontros de ida e volta para definir que equipo pasaba á terceira fase. No primeiro partido disputado en Tegucigalpa o 8 de xuño de 1969, o combinado local venceu por 1−0, pero en San Salvador, os salvadoreños lograron unha vitoria por 3−0, provocando o descontrol nos seareiros. Doce afeccionados hondureños serían asasinados pola multitude local, mentres en Honduras os inmigrantes salvadoreños foron atacados. As fronteiras foron pechadas e a tensión chegaría a niveis límites. Por outro lado, a federación de fútbol de Honduras presentou reclamacións á FIFA acusando ameazas de morte cara aos seus xogadores. Un terceiro partido de desempate disputado o 26 de xuño no Estadio Azteca, confirmaría a clasificación salvadoreña cunha vitoria por 3−2. Esta vitoria permitiulles xogar a terceira e definitiva eliminatoria. Nele conseguiron vencer a Haití, obtendo así o pase á fase final do Mundial. Con todo, a tensión entre ambos os países non finalizou, Aprovocando a invasión do exército salvadoreño a Honduras o 14 de xullo de 1969. Polo menos 2000 persoas faleceron durante o conflito bélico, que terminou seis días despois grazas á mediación da Organización de Estados Americanos.[5]
Lista de participantes
Os seguintes foron os dezaseis equipos participantes nesta edición do torneo.
Para a organización dos xogos do tornos, foron seleccionados cinco estadios en cinco cidades. Alén das cidades escollidas, foron propostas sedes en Hidalgo e na cidade portuaria de Veracruz.[6] Cada un dos catro grupos nos que foron dividos os participantes no torneo disputouse nunha única sede. A única excepción foi o Grupo 2, o cal se xogou entre Puebla e Toluca. Excepto o Estadio Luis Dosal, todos os campos foron construídos durante a década de 1960, xa que México se preparaba para acollar tanto a Copa do Mundo como os Xogos Olímpicos de 1968.[7]
Dos cinco estadios utilizados para os trinta e dous partidos disputados. O máis grande e máis utilizado foi o Estadio Azteca de Cidade de México, o cal albergou dez xogos. Isto inclúe a final, o partido polo terceiro e cuarto lugar e todos os encontros do Grupo 1, no cal estaba a selección mexicana. O Estadio Jalisco de Guadalaxara albergou oito encontros, incluído todos os xogos do Grupo 3 e unha semifinal. No Estadio León xogáronse sete partidos, incluíndo todos os do Grupo 4 e un de cuartos de final. Por outra banda, o Luis Dosal de Toluca acolleu catro encontro e o Cuauhtémoc Puebla tres. Este último foi o único dos cinco que non albergou ningún encontro das eliminatorias finais.
Con dez goles, Gerd Müller foi o máximo goleador do torneo. En total, foron marcados 95 goles por 55 xogadores, sendo tan só un deles considerado en propia meta.