A Copa do Mundo da FIFA 1986 (en castelán: Copa Mundial de Fútbol México '86) foi a décimo terceira edición do Campionato Mundial de fútbol de seleccións, a competición máis importante deste deporte. Vinte e catro equipos participaron nesta edición, organizada en México entre o 31 de maio e o 29 de xuño de 1986. Inicialmente o torneo ía celebrarse en Colombia mais, debido principalmente a razóns económicas, o país suramericano renunciou, sendo escollido México como nova sede e converténdose así no primeiro país en organizar o mundial en máis dunha ocasión.[1]
O campión do torneo foi a selección da Arxentina, a cal conseguiu o seu segundo título após o obtido en 1978. O combinado arxentino conseguiu o título após venceren na final á Alemaña Federal no Estadio Azteca de Cidade de México por 3−2. O xogador máis destacado da selección arxentina e do torneo,[2] foi Diego Armando Maradona. Son lembrados principalmente os seus dous goles na eliminatoria de cuartos de final ante Inglaterra: a "man de Deus", gol anotado coa man, e o votado como "gol do século".[3] Alén deses dous goles, Maradona anotou outros tres e repartiu cinco asistencias ao seus compañeiros. A asistencia total aos xogos do torneo foi de 2 394 031, o que fai unha media de 46 039 por partido.[4]
O fomrato de competición deste torneo mudou con respecto á anterior edición de 1982. Por un lado, os encontros da última xornada da fase de grupos foron xogados á mesma hora após o acontecido no encontro entre a Alemaña Federal e Austria no que se pactou de antemán un resultado que beneficiaba a ambos equipos.[5] Por outro lado, en lugar de celebrarse dúas fases de grupos, apóa a primeira o resto do torneo foi xogado en formato de eliminatorias. Así, os dous primeiros de cada grupos, máis os catro mellores terceiros, xogaron unha eliminatoria de dezaseis equipos a partido único. Debutaron nesta edición as seleccións do Canadá, Dinamarca e Iraq.
Colombia aceptou acoller un torneo para dezaseis equipos, porén, a FIFA permitiu a expansión do torneo a 24 no edición de 1982 en España, o cal dificultaba a loxistica da organización.[6] O 25 de outubro de 1982, o Presidente de ColombiaBelisario Betancur anunciu a cancelación da organización do evento debido á imposibilidade de cumprir os requisitos mínimos fixados polo Comité Executivo da FIFA. Esta renuncia foi confirmada pola o 5 de novembro dese mesmo ano.[7] Para a elección da nova sede houbo catro países candidatos: o Canadá, o Brasil, os Estados Unidos e México. Con todo, o Brasil retirouse pouco antes da designación, o Canadá non tiña suficientes instalacións futbolísticas e os Estados Unidos non tiñan moitos apoios, polo que preferiron prepararse para organizar unha mellor para a edición de 1994. Ditos países decidiron entón apoiar a candidatura mexicana.
Así, México foi escollida o 20 de maio de 1983 como sede do Mundial de 1986. Após teren organizado a edición de 1970, convertéronse no primeiro en país en albergar dúas edicións do torneo. Con todo, a realización do torneo no país norteamericano estivo en perigo ao terremoto de México de 1985, o cal afectou principalmente á Cidade de México e aos seus estados veciños a mañá do 19 de setembro. Este acontecemento provocou a morte de máis de 10 000 persoas, así como considerábeis dnos materiais, polo que o comité organizador chegou a pensar na suspensión do torneo. Porén, os estadios designados como escenarios dos encontros, así como as diferentes infraestruturas futbolísticas, non resultaron afectados, polo que se decidiu continuar coa organización do evento.
Clasificación
Lista de participantes
Os seguintes foron os vinte e catro equipos participantes nesta edición do torneo.
Once cidades acolleron esta edición do mundial. O Estadio Azteca de Cidade de México foi o recinto con maior capacidade do torneo. Nel xogáronse nove encontros, incluíndo a final, sendo así o estadio máis utilizado. Alén dos nove encontros do Azteca, a Cidade de México albergou en total trece encontros, xa que o Estadio Olímpico Universitario acolleu outros catro encontros. Na área metropolitana da capital do país, concretamente en Nezahualcoyotl, xogáronse outros tres encontros, polo que se pode dicir que a área da capital acolleu dezaseis encontros, practicamente un terzo de todos os partidos do mundial. A segunda cidade máis grande de México, Guadalaxara, acolleu un total de dez encontros, sete no Estadio Jalisco e tres no Estadio Tres de Marzo de Zapopan. Por outra banda, Monterrey acolleu oito, catro no Estadio Tecnológico e outros catro no Estadio Universitario de San Nicolás de los Garza. Finalmente, o Estadio Cuauhtémoc de Puebla acolleu cinco encontros.
Gary Lineker recibiu a Bota de Ouro ao anotar seis goles.[2] En total, foron marcados 132 goles por 82 xogadores, sendo dous deles considerados en propia meta.
Despois do torneo, a FIFA publicou unha clasificación de todos os equipos que competiron na fase final do mundial baseada no progreso da competición, os resultados golbais e a calidade do opoñente.[8]