O Camiño ten varias vías alternativas en función da orixe do peregrino, de maior ou menor uso segundo as épocas e circunstancias do seu nacemento:
O primeiro foi o Camiño Primitivo, que, ao parecer, foi o que seguiu o rei Afonso II de Oviedo na súa peregrinación a Santiago (inaugurando esta vía dun xeito politicamente interesado).
O Camiño Francés, que transcorre pola meseta entrando na península por Roncesvalles e en Galiza polo Cebreiro (e que foi o que desprazou en importancia aos anteriores ao facerse máis segura a ruta da meseta polo avance da Reconquista).
O Camiño Aragonés, era o que seguían os peregrinos que entraban por Somport.
O Camiño Inglés, que seguían os peregrinos que partían en naves dende as illas de Gran Bretaña e Irlanda para comezar a peregrinación dende Ferrol e A Coruña.
Pode ser explicado como o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o sol no fin do mundo en Fisterra, pero a súa historia comeza co descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago.
No ano 813 tivo lugar o acontecemento relixioso máis importante da Europacristiámedieval[Cómpre referencia], o descubrimento en Galiza, dunha arca cuns restos que foron atribuídos ao apóstolo. Segundo a tradición cristiá, nese ano o ermitán Paio albiscou nas inmediacións do castro Libredón (antiga Santiago de Compostela) unha estrela (posibelmente un fogo fatuo) sobre unha arca de mármore. Avisado o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, este acudiu axiña ao lugar, identificando os restos atopados como o corpo decapitado do Apóstolo Santiago. Este "inventio" foi, a seguir, atendido polo monarca galego-ovetense, Afonso II (791-842), quen, tras peregrinar ao sartego no mesmo ano, ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba "santa" e estableceu unha comunidade relixiosa permanente, espallando a nova por toda a cristiandade europea. O culto a Santiago esténdese por Galiza e Asturias. Afonso III o Magno, que peregrinou no 872 e volveu no 874 coa raíña Ximena, ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899 e é no seu reinado cando a peregrinación cara a Compostela chega ata os Pireneos. A Diocese de Iria e o seu titular convertéronse na máis poderosa administración eclesiástica non só da Gallaecia altomedieval, senón de toda a Península Ibérica, acrecentando o seu poder coas constantes doazóns por parte dos monarcas á igrexa compostelá.
No século X comezou a desenvolverse o camiño francés, coa chegada de peregrinos de Tours, Limoges e Le Puy, e mesmo a mediados do século chega en peregrinación o bispo de Le Puy, Gotescalco, un dos primeiros peregrinos de nome coñecido.
A comezos do século XI, Sancho III O Maior fixou o trazado definitivo do Camiño de Santiago, ao librar de incursións musulmás a zona comprendida entre os Pireneos e Nájera e aproveitar o trazado dunha antiga vía romana que substituíu o percorrido anterior que cruzaba Áraba. Tamén a el se lle debe a influencia cluniaciense por todo o camiño. Convertida no terceiro centro de peregrinación da Cristiandade —só despois de Xerusalén e Roma—, foi a partir do século XI e principalmente XII, cando desde numerosos puntos de Europa comecen a chegar peregrinos, ben desde Occitania, Francia, Navarra ou Aragón-Cataluña vía terrestre, ben desde as Illas Británicas, Escandinavia, ou Alemaña vía marítima. Afonso VI de León e Castela e Sancho Ramírez de Navarra, tamén no século XI, dotaron de infraestruturas as vilas polas que pasaba o camiño: construción de hospitais para os peregrinos, pontes, melloras no trazado viario, e favoreceu as repoboacións das cidades do camiño, en especial con francos e eximindo do pago dalgúns portádegos ós peregrinos.
A partir do século XVI, a peregrinación a Santiago comezou un importante declive, no que interviron as novas circunstancias políticas e relixiosas imperantes en Europa, especialmente a expansión da Reforma protestante a partir de 1517, coa que desapareceron os peregrinos procedentes de Inglaterra, Alemaña e Holanda. Noutra orde de cousas, a posibilidade de redimir as penas con diñeiro fai que desaparezan tamén os peregrinos que facían o Camiño por ese motivo, e xorde paralelamente un desprestixio da imaxe do peregrino, que comeza a verse como un desocupado que sobrevive das esmolas.
Tamén tivo que influír decisivamente o feito da desaparición das reliquias do Apóstolo en 1589, cando o arcebispo Juan de Sanclemente agochou o sepulcro como medida de cautela ante o inminente ataque do pirata Francis Drake. Por algunha razón, o lugar onde as pousou quedou en segredo e, co paso dos anos, as reliquias déronse por perdidas.
Ó irse reducindo o número de peregrinos e, con eles, as achegas económicas que puideran facer nas vilas que percorrían, os gobernantes da época deixaron de crear e manter camiños, pontes e hospitais, dado que a transcendencia económica e social do Camiño deixou de interesar. O declive foi continuo durante os séculos XVII e XVIII ata case desaparecer no XIX, século no que reapareceron os restos do Apóstolo, en 1879, e foron autentificados polo papa León XIII en 1884. Isto permitiu unha certa recuperación pero que non foi significativa ata que a mediados do século XX, iniciativas particulares, primeiro, e oficiais, despois, conseguiron revitalizar o Camiño ata o auxe que actualmente experimenta, especialmente desde 1993.
Recoñecementos
En 1931 decláranse monumentos nacionais algunhas das localidades principais que atravesaba o Camiño. En 1962 declárase Conxunto Histórico-Artístico. En 1971 declárase Ruta de Interese Turístico, e apróbanse as primeiras subvencións para a construción de albergues. Tamén nese mesmo ano nace en Estella a primeira das hoxe numerosas Asociacións de Amigos do Camiño. A finais dos 70, o cura do Cebreiro Elías Valiña comezou un labor persoal de delimitar as rutas e sinalizar o Camiño coas frechas amarelas que hoxe guían ós peregrinos.
En 1982, Ano Santo, o papa Xoán Paulo II invita a tódolos católicos a peregrinar a Santiago e o Consello Europeo nomea o Camiño Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
En 1991 créase a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo 93, co obxectivo de organizar o Ano Santo de 1993. En 1999 volve constituírse, para organizar o Xacobeo dese ano, pero agora xa con carácter de perpetuidade, como empresa pública dependente da Xunta de Galiza destinada á promoción turístico-cultural e á dotación de servizos dos Camiños de Santiago.
Tamén en 1993 se produce a declaración da UNESCO do Camiño francés como Patrimonio da Humanidade, recoñecemento que se amplía en 1998 ás rutas francesas.
En 1996 publícase a Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago [3], que por primeira vez recoñece as outras rutas e non só o Camiño Francés.
En 2001 créase o Plan Director dos Camiños de Santiago, co obxectivo de actualizar e fomentar os oito itinerarios históricos do Camiño en Galiza.
Influencia do Camiño no desenvolvemento de Santiago
O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galiza, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa, e onde reside desde a Idade Media a capital de Galiza. Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaico-romana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defender que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago fora en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.
Visitantes
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente.
Datos dos visitantes dende 1985. En amarelo os Anos Santos:[4][5]