A Real Academia Española (RAE) é o organismo responsable de resgarda-lo bo uso da lingua española. A súa sede está en Madrid (España), pero ten afiliacións coas academias nacionais de 21 países castelanfalantes. O seu director é Santiago Muñoz Machado[1].
Historia
O seu emblema está formado por un crisol ó lume. Acompáñao a lenda «Limpa, fixa e dá esplendor». O obxectivo era fixa-lo idioma no estado de plenitude que alcanzara durante o século XVI e que se consolidara no XVII.
A Real Academia Española foi fundada en 1713 por iniciativa de Juan Manuel Fernández Pacheco, marqués de Villena e duque de Escalona, co propósito de «fixa-las voces e vocábulos da lingua castelá na súa maior propiedade, elegancia e pureza».
O 20 de outubro de 1993 constituíuse a Fundación Pro Real Academia Española, entidade que ten como finalidade achegar recursos económicos para o financiamento das empresas da Academia. Está rexida por un padroado do que ostenta a presidencia de honor o rei Xoán Carlos I, a presidencia o gobernador do Banco de España e a vicepresidencia o director da Real Academia Española. As vogalías osténtanas outros académicos, os presidentes das comunidades autónomas e de empresas privadas, como socios fundadores.
A Fundación está aberta á participación de particulares mediante a correspondente cota económica, membros benfeitores, e entre as actividades subvencionadas atópanse a realización do banco de datos, o Diccionario del estudiante, o Diccionario panhispánico de dudas e outras obras en proxecto ou desenvolvemento coma a Gramática normativa.
Funcións
O artigo primeiro dos estatutos da RAE di:
«[...] ten como misión principal velar por que as mudanzas que experimente a lingua española na súa constante adaptación ás necesidades dos seus falantes non creben a esencial unidade que mantén en todo o ámbito hispánico. Debe coidar igualmente de que esta evolución conserve o xenio propio da lingua, tal como foi consolidándose co correr dos séculos, así coma de establecer e difundi-los criterios de propiedade e corrección, e de contribuír ó seu esplendor. Para alcanzar ditos fins, estudará e impulsará os estudos sobre a historia e sobre o presente do español, divulgará os escritos literarios, especialmente clásicos, e non literarios, que xulgue importantes para o coñecemento de tales cuestións, e procurará manter vivo a lembranza de quen, en España ou en América, cultivaron con gloria a lingua española. Coma membro da Asociación de Academias de la Lengua Española, manterá especial relación coas Academias Correspondentes e Asociadas.»
A RAE é considerada frecuentemente coma unha organización conservadora, pois entre as súas metas está a preservación da lingua española. Porén caracterízase así mesmo por exercer unha influencia progresista, ó se esforzar en mante-la linguaxe formal en sintonía coa actualidade. Un exemplo disto último aconteceu en 1994 cando ditaminou que os dígrafosch e ll (que a academia consideraba letras por unha tradición que se remontaba a Nebrija) serían alfabetizadas xunto co c e o l e non como letras separadas, coma no pasado. A RAE segue un proceso formal para a admisión de novas palabras.
Organización e operación
Segundo os seus estatutos a RAE está composta por:
Académicos de número (46 en total)
Académicos correspondentes españois (ata un máximo de 60)
Académicos correspondentes estranxeiros
Académicos de número das academias americanas (que por dereito son académicos correspondentes)
Académicos honorarios
Unha xunta de goberno rexe a Academia e supervisa tódolos asuntos relativos á súa boa operación, tanto no relacionado co seu funcionamento interno coma coas súas relacións cos organismos do estado, e as demais Academias. Esta xunta é presidida polo director da Academia e está constituída polo vicedirector, o secretario, o censor, o bibliotecario, o tesoureiro, o vicesecretario e dous vogais adxuntos. Todos estes cargos son electivos e, a excepción dos vogais, que se elixen cada dous anos, pódese exercer durante catro anos, prorrogables só unha vez.
A Academia funciona en Pleno e en Comisións que se reúnen semanalmente. As Comisións teñen a misión de elabora-las propostas que posteriormente examinará o Pleno para decidir sobre a súa aprobación. Na actualidade existen as seguintes comisións: Delegada do Pleno, de Dicionario usual, de Dicionario histórico, de Gramática, de Información lingüística, de Vocabulario científico e técnico, de Ciencias humanas, de Publicacións e de Premios. Ademais, existe unha Comisión encargada da conservación da casa do Museo de Lope de Vega.
O Pleno, formado por tódolos académicos, reúnese durante o curso académico os xoves pola tarde. Unha vez aprobada as actas da sesión anterior e de debater calquera tema xeral, os asistentes presentan emendas e adicións ó Dicionario. Acto seguido examínanse as propostas formuladas polas diversas Comisións. As resolucións, no caso de que se produza disparidade de criterio, adóptanse mediante votación.
Ó servizo dos traballos que a Academia desenvolve en pleno ou en comisións, funciona o Instituto de Lexicografía, integrado por filólogos e lexicógrafos que realizan as tarefas de apoio para a elaboración dos dicionarios académicos.
Académicos de número
Os membros da Academia son elixidos de por vida polo resto dos académicos e coñéceselles coma Inmortais. Cada académico ten unha cadeira de brazos asignado á súa persoa, e distinguido cunha letra do alfabeto (tanto maiúsculas coma minúsculas). Os académicos de número son, por orde de ingreso:
Diccionario de Autoridades (Dicionario da lingua castelá, no que se explica o verdadeiro sentido das voces, a súa natureza e calidade, coas frases ou motivos de falar, os proverbios ou refráns e outras cosas convenientes do uso da lingua, 1726-1793, en 6 volumes)
Ortografía de la lengua española (1ª edición 1741). A edición máis recente é a de 1999, elaborada entre a RAE e as academias correspondentes, polo cal é considerada unha ortografía panhispánica. Substitúe ás Novas normas de prosodia e ortografía de 1959.
Gramática de la lengua española (1ª edición 1771). A súa revisión máis recente é Esbozo de una nueva gramática de la lengua española (1973), aínda que a Academia publicou tamén unha gramática de autor, non propiamente institucional: a de Emilio Alarcos (1994). Existe na actualidade un proxecto entre a RAE e as academias correspondentes en redactar unha nova gramática.