Gaspar Massó García, nado en Bueu o 9 de xuño de 1893 e finado en Vigo o 18 de febreiro de 1991,[1] foi un industrial conserveiro e escritor galego.
Traxectoria
Fillo de Gaspar Massó Ferrer. Da terceira xeración da empresa conserveira Massó, foi presidente da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (ANFACO) entre 1935 e 1937. Foi deputado provincial (1920-1929). Militou na Unión Patriótica e na República en Acción Popular. En 1936 negáronlle o ingreso en Falanxe, pero foi admitido o 18 de xullo de 1937 como adherido. Axudou economicamente a Falange en varias ocasións. En 1939 foi sancionado polo gobernador civil Manuel Gómez Cantos con 1.500 pesetas por “pronunciar frases incorrectas y protestar en tonos airados contra lo dispuesto por la Superioridad sobre la expedición de salvoconductos”.[2]
Colaborou na fundación do Museo de Pontevedra, no establecemento da Misión Biolóxica de Galicia, na edición de Cien obras de la colección Massó e participou na elaboración do Diccionario de la lengua española da Real Academia Española (da que foi membro correspondente) con numerosas achegas técnicas. Foi procurador en Cortes (1943-1946) como empresario pertencente ao Sindicato Nacional de Pesca.
Xerou abundantes patentes de maquinaria para tratar o peixe das conservas. Foi pioneiro en rotular en galego nas súas fábricas.
Obras
- Cantares populares gallegos
- Itinerarios turístico gastronómicos de la provincia de Pontevedra, 1964
- Nuestro futuro alimenticio: pesca y conservas, 1964
- Comentarios gastronómicos, apéndices sobre Economía Conservera, 1967
- Origen y desarrollo de la industria conservera en Galicia, 1967
- Pedro Madruga de Soutomayor, caudillo feudal, 1975.
Vida persoal
Casou en maio de 1929 con Amalia Bolívar Sequeiros, filla de Tomás Bolívar Massó.[3]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía