Santiago o Maior

Modelo:BiografíaSantiago o Maior

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoséculo I Editar o valor en Wikidata
Betsaida, Israel Editar o valor en Wikidata
Morte44 Editar o valor en Wikidata
Xerusalén Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, decapitación Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacatedral de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Apóstolo
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo xudeu Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo e xudaísmo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpescador, misioneiro Editar o valor en Wikidata
ProfesoresXesús de Nazaret Editar o valor en Wikidata
AlumnosAtanasio de Zaragoza Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa25 de xullo (Cristianismo occidental)
30 de abril (Cristianismo oriental)
30 de decembro (Rito mozárabe) Editar o valor en Wikidata
Símbolo iconográficoCuncha do peregrino, sombreiro do peregrino, espada e caxato Editar o valor en Wikidata
Patrón deXinete, peleteiro, curtidor, España, Galicia, Orde de Santiago, Arma de Cabalaría do Exército español e Academia de Cabalaría de Valladolid Editar o valor en Wikidata
Compañeiro profesionalXoán o Apóstolo: Fillos de Zebedeo
Xoán o Evanxelista: Fillos de Zebedeo Editar o valor en Wikidata
Familia
Cónxuxevalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
PaisZebedeo Editar o valor en Wikidata  e Salomé Editar o valor en Wikidata
IrmánsXoán o Apóstolo Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
2 de xaneiro de 40aparición da Virxe María a Santiago en Zaragoza
visión Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1142160

O apóstolo Santiago o Maior, morto no ano 44, era fillo de Zebedeo e Salomé e irmán de san Xoán o Evanxelista. Discípulo de Xesús, foi un dos Doce Apóstolos ou primeiros seguidores de Cristo. Chámaselle o Maior para distinguilo de Santiago o Menor, outro apóstolo.

Nome

O nome de Santiago en latín era Iacobus, unha derivación a través do grego do nome hebreo do patriarca Xacob, e de aí Xacobe (en arameo Yaqob bar Zibhdi, en hebreo עֲקֹב Yahăqōb ben Zebdi e en grego Iάκωβος Iàkovos). É a forma do primeiro romance occidental que daría lugar ao galego e que, debido á súa relevancia relixiosa e política, sería adoptada en todas as linguas romances hispanas. De Xacob xurdirían os nomes de Iago, Xacobe e Xaime, o inglés James e o francés Jacques; e de Sant Iacobus virían Santiago e o portugués Tiago.

Vida

O Apóstolo Santiago na catedral de Compostela.

Santiago foi presentado a Xesús, segundo o Evanxeo de Xoán, por Xoán Bautista. Nos evanxeos sinópticos[1] aparece como un pescador no mar de Galilea (ou lago Tiberíades). Procedía das vilas rurais depauperadas de Galilea, foco de rebelión contra Roma (levantamento de Xudas o Galileo, desafíos á autoridade de Poncio Pilatos...) e agardaba a restauración do Reino de Israel. No seu seguimento de Xesús arelaba ocupar un posto relevante, trala liberación dos romanos, o que provocou celos entre os apóstolos e a ensinanza de Xesús verbo de que o que queira ser o primeiro debe ser o servidor de todos (Mc 10, 42-45). Xesús repréndeo polo seu carácter violento e alcúmao con retranca Bonaerxes (fillo do trono):[2]

"17Santiago, o fillo de Zebedeo e mais o seu irmán Xoán, ós que lles puxo de sobrenome 'Boanerxes', que quere dicir fillos do Trebón"
Marcos 3:17 [1]

Traballaba co seu pai, Zebedeo, e o seu irmán Xoán, que ía ser outro dos apóstolos de Cristo. Dos textos bíblicos dedúcese que os Zebedeo eran socios de Simón, a quen Xesús deu o nome de Pedro, e que tiñan traballadores ao seu cargo.

Non se coñecen o lugar do seu nacemento nin onde vivía. Porén, algúns esexetas da Biblia estiman que sería natural da localidade de Betsaida -dela eran outros pescadores que se unen a Xesús-, hoxe desaparecida e que se adoita situar nas inmediacións do citado lago, no límite entre as rexións setentrionais palestinas de Galilea e Traconítide.

Santiago formou co seu irmán Xoán e os tamén irmáns Pedro e André, o primeiro grupo de discípulos de Cristo. Xesús foinos buscar ao lago Tiberíades. San Mateu (Mateu 4:21-22) e San Lucas (Lucas 5:10) sinalan que o futuro apóstolo e os seus compañeiros estaban a traballar nos seus aparellos. Tras chamar a André e Pedro, aos cales encontra botando as redes ao lago, fixo o mesmo con Santiago e Xoán e todos decidiron seguilo, deixando canto tiñan. Denantes, Xesús axudáraos de xeito milagreiro na súa pesca, unha metáfora coa que lles pedía que se convertesen dende ese momento en "pescadores de homes".

"18Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e Andrés; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar. 19Díxolles: Vide comigo, e fareivos pescadores de homes. 20Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono. 21Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e 22eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono"
Mateo 4:18-22[3]

Xunto a Pedro e Xoán, aparece como un dos apóstolos preferidos por Xesús en escenas como a resurrección da filla de Xairo (Mc 5:35-43; Lc 8:40-55), a transfiguración (Mt 17:1-2) ou a anguria no monte das Oliveiras antes da paixón (Mt 26:37). Pero, cando Xesús é arrestado, Santiago foxe cos demais discípulos.

A súa nai, Salomé, é unha das mulleres que, como María Madalena, acompañan a Xesús na súa predicación itinerante, o que era algo insólito na sociedade patriarcal daquel tempo.

Sen que exista evidencia histórica, crese que, trala morte de Xesús, Santiago partiu a evanxelizar a Península Ibérica. Crese que estivo en Galicia e tamén en Portugal (Braga, Guimarães e Póvoa de Varzim). O primeiro en documentar a presenza de Santiago en Hispania foi Beato de Liébana no seu Comentario ó Apocalipse de San Xoán (no 776); no himno O Dei verbum, tamén atribuído ao Beato, califícase, por primeira vez, patrón de España. Poucos anos despois prodúcese o descubrimento dos restos do apóstolo.

Os textos esenciais no que se apoiou a tradición da predicación peninsular de Santiago son o Codex Calixtinus, que a cita no libro III, sobre a translatio- e o Breviarium Apostolorum, de finais do século VI ou principios do VII, escrito nalgún lugar de Francia ou Italia e con influencias orientais reinterpretadas en Occidente. Nel sinálase por primeira vez que o Apóstolo predicou en Hispania e nas terras occidentais do mundo. A comezos do século VII a obra De ortu et obitu patrum, atribuída a Santo Isidoro de Sevilla, recolle por primeira vez a súa presenza en Hispania nunha interpolación que foi atribuída á influencia e difusión do Breviarium. Denantes destes textos, nos séculos IV ao VI xa se difundiran no mundo cristián algunhas noticias sobre as misións evanxélicas dos apóstolos atribuíndo, de forma indirecta ou máis ou menos específica, segundo os casos, a misión occidental a Santiago, sen indicar ningún territorio en concreto. Tamén é certo que outras fontes orientais sitúan a súa misión lonxe de occidente.[4]

Segundo o libro III do Calixtino, Santiago nomeou doce discípulos, tres en Xerusalén[5] e nove en Galicia, cando predicaba por estas terras. Destes nove, dous quedaron en Galicia mentres que os sete restantes acompañaron a Santiago no seu regreso a Xerusalén e foron os que trouxeron o seu corpo; foron ordenados bispos por Pedro e Paulo e enviados a predicar a Hispania. Dous deles, Atanasio e Teodoro, gardaron o sepulcro e foron enterrados con Santiago.

Segundo a tradición, o 2 de xaneiro do ano 40, a Virxe María aparecéuselle en Caesaraugusta (actual Zaragoza), sobre un piar (hoxe venerado na basílica de Nosa Señora do Pilar). A tradición da Virxe da Barca, en Muxía é similar: a nai de Xesús, aparéceselle nunha nave de pedra sobre o Océano e confórtao e anímao a seguir predicando entre os galaicos.

Faro de Vigo do 24/7/1927. Alegoría de Camilo Díaz no Día de Galicia. Os touros da Raíña Lupa conducen os restos de Sant-Iago ao sagrado Libredón.

Como dixemos, Santiago volveu a Palestina, parece ser que decepcionado polos escasos resultados da súa evanxelización.[6] En Xerusalén foi abordado por dous magos, Hermóxenes e Fileto, pero este segundo converteuse á nova relixión. Hermóxenes enviou contra Santiago unha lexión de demos pero este venceunos e ordenoulles que lle trouxesen a Hermóxenes encadeado ante el. Santiago liberou a Hermóxenes e deulle o seu propio báculo para defenderse dos demos, tralo cal queimou os seus libros de feiticeiría e converteuse.[7]

Vistas estas conversións, o Sanedrín condenouno a morte e foi decapitado por orde de Herodes Agripa I entre os anos 43 e 44. Segundo Eusebio de Cesarea (c. 265-c. 340), o seu delator, o xa citado Xosías (un dos fariseos), ao ver a serenidade e enteireza con que se resistiu a renegar de Cristo, converteuse e acompañouno no martirio.[8]

"1Por ese tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. 2Mandou matar coa espada a Santiago, o irmán de Xoán, 3e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro"
Feitos dos Apóstolos 12:1-3 [2]

Foi, segundo os Feitos dos Apóstolos, o primeiro dos apóstolos en ser martirizado.

Os seus restos

Detalle do frontal da urna de prata onde se cre que repousan os restos de Santiago o Maior e os seus dous discípulos, na Catedral de Santiago de Compostela.

Segundo a tradición popular, os restos de Santiago foron trasladados dende Palestina ata Galicia de forma milagrosa: uns anxos colléronos e depositáronos nunha barca de pedra e sen temón que chegou sen que ninguén a gobernase ata Iria Flavia, na desembocadura do río Ulla, e amarrada no Pedrón (de aí Padrón). Dende alí, disque foron levados ata o monte Libredón (actual Santiago de Compostela) atravesando os hostís dominios da raíña Lupa, denominada como raíña de Galicia.

Isto, aínda que supuxo a aparición do Camiño de Santiago, nunca chegou a ser confirmado. San Xerome de Estridón, no século IV; Isidoro de Sevilla (560-636) en De ortu et obitu Patrum; o Breviarium Apostolorum de finais do VI ou principios do VII; o eclesiástico británico Aldhelmo, no mesmo século; ou a denominada Carta do Papa León, do século IX[9], falan da predicación de Santiago en Hispania. Trala invasión árabe, no reino astur-galaico mantense a tradición e, no século VIII, fúndase polo bispo Odoario de Lugo a igrexa de Santiago de Meilán (parroquia de Lugo). No Beato de Osma (c. 1086) píntase un detallado mapa mundi coa cabeza de Santiago sobre Gallaecia.

Detalle do mapa mundi de Beato do Burgo de Osma, coa figura de Santiago na catedral (c. 1086)

Finalmente, o bispo de Iria Flavia, Teodomiro e o rei astur-galaico Afonso II cara os anos 820-830[10] confirmarán que o ermitán Paio e os fregueses de San Fiz de Solovio reencontraron o sartego apostólico.

Teodomiro informou ó rei Afonso II de Asturias e Galicia, que mandou construír no lugar unha primeira igrexa. Esta será substituída por unha basílica, de maiores dimensións, construída no 899 por Afonso III de Oviedo (866-910). No ano 997, esta basílica foi destruída por Almanzor, comandante do Califato de Córdoba. Finalmente, o rei Afonso VI de León ordenou a construción da actual catedral, iniciada en 1075. Os restos de Santiago repousan na actualidade no interior da Catedral, baixo o altar maior.

Moeda coa translación do Apóstolo.

O seu sartego estaba próximo a un castro onde na época romana se construíu un mausoleo en dous niveis cuxo piso inferior é unha cámara sepulcral dos séculos I e II e onde repousaban tres cadáveres, un de cuxos sepulcros era máis relevante que os outros dous. O profesor Isidoro Millán González-Pardo descifrou unha inscrición en grego con caracteres semíticos na que di ler: Athanasius martir[11], o que coincide coa tradición de que, onda a Santiago, foron sepultados os seus discípulos, tamén mártires: Atanasio e Teodoro.

En Xerusalén, a Igrexa Apostólica Armenia edificou a catedral de Santiago no lugar onde se di que fora decapitado e depositada a súa cabeza.

Difusión

Foi patrón dos reinos cristiáns hipánicos, e venerado en España, en toda Europa así como en multitude de santuarios de América, e deu nome a numerosas e importantes vilas e cidades, algunhas fundadas polos españois. Como xa se indicou, Beato de Liébana (século VIII), no himno O Dei verbum, atribuído a el, califícase, por primeira vez, patrón de España.

Por outra banda, tamén é extensa a lista de cidades das que tamén é o seu patrón [12]:

Chegou a ser símbolo guerreiro da loita contra o islam, na forma de Santiago Matamouros dende o rei astur-galaico Ramiro I (tradición da Batalla de Clavijo).

Como a súa festividade é o día grande de Galicia, o nacionalismo galego escolleuno como o día de Galicia ou Día da Patria Galega, data adoptada como Día da Patria polas Irmandades da Fala en 1919.[13] A Xunta de Galicia preautononómica decretou en 1979 que o 25 de xullo se considerase como Día Nacional de Galicia,[14] algo que pervive nos sucesivos calendarios laborais aprobados polo executivo autonómico.

En 1122, o Papa Calisto II estableceu o ano santo xubilar xacobeo, confirmado coa Bula Regis Aeterni de Alexandre III promulgada en 1179, cando o día de Santiago cae en domingo. Isto consagrou o santuario de Santiago como un dos tres grandes destinos de peregrinación da cristiandade, xunto a Roma e Xerusalén.

Galería de imaxes

Notas

  1. Son chamados así os evanxeos de Marcos, Mateu e Lucas, polas similitudes entre os tres, a diferenza do evanxeo de San Xoán, totalmente diferente.
  2. A denominación obedece ó seu carácter impetuoso: cando se lles negou pousada nunha aldea de Samaritanos, Santiago e Xoán propuxeron a Xesús que os consumise co lume dos ceos. Noutra ocasión pedíronlle ocupar un lugar privilexiado xunto a el, á súa dereita e a súa esquerda, no futuro reino que predicaba (Marcos 10:35-45).
  3. Tomado da Biblia Galega.
  4. Asociaciones Xacobeas del mundo. "Santiago el Mayor". Consultado o 17 de agosto do 2015. 
  5. Antes de ser decapitado, un deles, Xosías, executado canda el.
  6. "Después de predicar por Judea y Samaria vino a España, pero viendo que su fruto era escaso, dejó en la península a uno de sus discípulos y volvió a Judea" (Juan Carmona, px. 408. Referencia esta afirmación en el Libro IV del Breviarium apostolorum).
  7. Hermóxenes e Fileto terminaron sendo discípulos de Santiago, foron nomeados bispos e morreron no martirio en Antioquía (Códice Calixtino, cap. IX do libro I, e prólogo do libro III).
  8. Historia Eclesiástica, II IX, 2 ss. Tamén Códice Calixtino cap. IX, tomo I.
  9. Epistola Leonis, supostamente escrita polo papa León III (795-816), incorporada ó libro III do Calixtino, pero hoxe considerada apócrifa.
  10. Tradicionalmente deuse a data do ano 813 para a Inventio, defendida, entre outros, por Antonio López Ferreiro (1837-1910). Púidose escoller esta data para facela coincidir con Carlomagno, morto no 814, pero resulta imposible porque neses anos o arcebispo de Santiago non era Teodomiro senón Quendulfo II, que o foi ata polo menos o 819 (Xacopedia.com).
  11. Isidoro Millán González-Pardo y Antonio Blanco Freijeiro - Boletín de la Real Academia de la Historia (Tomo CLXXXVI, Cuaderno II, pp. 209-220
  12. Santiagoturismo.com.
  13. Federico F. de Buján: "Una fecha y un nombre", en La Voz de Galicia 1.08.2008.
  14. Decreto polo que se declara Día Nacional de Galicia o día 25 de xullo de cada ano (DOG nº 1, de 1.01.1979).

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carmona Muela, Juan (2017 (5ª reimpr)). Iconografía de los santos. Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-2931-1. 
  • López Díaz, Xosé (2013 (2ª ed)). Códice Calixtino. O Liber Sancti Iacobi en galego. Santiago de Compostela: S. A. de Xestión do Plan Xacobeo. Xunta de Galicia. 

Outros artigos

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!