Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Xacobeo.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Ano.
O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.
Historia e características
Para conseguir a bula xubilar ou xubileu o católico ten que visitar a catedral de Santiago de Compostela, onde segundo a tradición está o sartego do apóstolo Santiago o Maior, rezar algunha oración, cando menos o credo, o nosopai e pedir polas intencións do papa. Tamén debe recibir os sacramentos da comuñón e da penitencia. A graza que o peregrino obtén en ano santo é a indulxencia plenaria dos seus pecados.
O primeiro ano santo compostelán do que se ten noticia é o do ano 1428, convocado polo arcebispo Lope de Mendoza, aínda que a historiografía tradicional afirmaba que se debía a unha bula do papa Calisto II no ano 1122 grazas a unha falsificación feita a fins do século XV da bula de Alexandre III, Regis Aeterni, que o establecía así.
A bula Deus Omnipotens, promulgada polo papa León XIII en 1884, con ocasión do redescubrimento dos restos do Apóstolo no chan da Capela Maior que foran escondidos polo arcebispo Juan de Sanclemente tres séculos antes (en 1589), ademais de autenticar as reliquias atopadas, ratifica o privilexio de celebrar o ano santo naqueles anos nos que a festividade do Apóstolo coincida en domingo.
Houbo só tres excepcións neste calendario, cos anos santos extraordinarios celebrados en 1885, pola proclamación da bula antedita; en 1938, porque se prorrogou o de 1937, por mor da guerra civil e en 2022, que se prorrogou o de 2021 pola pandemia de Covid19.