O río Sarela, tamén coñecido como río dos Sapos, é un afluente do río Sar pola súa banda dereita (Vidán).[1][2]
Nace nas abas do monte Pedroso, na parroquia da Peregrina (Santiago de Compostela), e discorre, ao longo duns 10 km, bordeando polo oeste a cidade de Santiago,[3] polas parroquias de Vista Alegre, San Paio, e Vidán onde desemboca no río Sar no lugar da Ponte Vella [1].
Os seus afluentes son:
Este pequeno río cumpriu antano un papel fundamental no desenvolvemento da zona pola que transcorre, xa que grazas a el obtíñase auga para uso agrario, doméstico ou industrial; ademais, no curso do río houbo varios muíños e establecéronse algúns curtidoiros de coiro nas súas beiras.
Deste uso público como fonte de recursos, de espazos de traballo e de lecer, temos abondosas mostras en todo o seu percorrido. Tamén abasteceu de pesca á poboación e serviu para os xogos e o baño.[3]
Debido a todos estes usos que os composteláns fixeron del, o río sufriu moitas modificacións coa desviación das súas augas para levalas aos muíños, a construción de pontes e camiños a través do seu leito e a ocupación das beiras con muros de vivendas e outras estruturas.[3]
Así como o Sarela acompaña a cidade polo oeste, o Sar faino polo leste, de aí o dito: Entre o Sar e o Sarela, está Compostela.
Sarela é un diminutivo da palabra Sar (río no que desemboca). Sar viría dun antigo Sars documentado xa no século I por Mela, que o menciona dúas veces, unha co Tamaris (Tambre) e outra co Ulla augas abaixo de Padrón. Segundo Krahe a forma Sars remóntase a un masculino Saros, raíz hidronímica indoeuropea ser- ou sor- (fluír), vivas no sánscrito actual (sara río, sarit regueiro). Comparten toponimia o galego río Sor e outros ríos franceses (Serre, Sarre), alemáns (Saar), galeses (Cwm Sorgwm) e ingleses (Soar, Sor).[4]